Convocada folga en Betanzos HB para os días 26 e 27 de setembro en defensa das condicións laborais e salariais

Os paros afectan a todos os departamentos e a todas as quendas de traballo da factoría
A Coruña - 22 Set 2016
Os traballadores/as de Betanzos HB teñen convocada folga para os días 26 e 27 de setembro en contra dos recortes laborais e salariais que pretende introducir a empresa coa imposición do convenio colectivo do sector da madeira. Deste xeito, abandonaría o convenio propio que até agora regulaba as condicións deste persoal que foi subrogado da antiga Tafiber, SL á actual propietaria da fábrica de taboleiro.

Hai que lembrar que a empresa comunicou á representación social que se o convenio colectivo non estaba asinado antes do 30 de xullo (data que logo ampliou a 30 de setembro) pasaría a aplicar o convenio colectivo estatal da madeira. Un marco regulador de condicións inferiores ao convenio de empresa.

A data de hoxe, as negociacións están bloqueadas pola postura intransixente da empresa e logo das mobilizacións realizadas sen lograr ningún avance, a asemblea de traballadores/as aprobou a convocatoria de dúas xornadas de folga.

Un dos obxectivos desta folga é que a empresa retire a súa ameaza de aplicar o convenio colectivo do sector, como primeira medida para desbloquear a situación e que garanta as condicións económicas e sociais que nestes momentos xa teñen recoñecidas.

Co cambio de convenio, a empresa pretende unha diminución salarial de máis do 15% no salario anula, un incremento da xornada anual, anulación da primas de chamada para a cobertura de ausencias imprevistas nas distintas quendas, a instauración dunha nova prima variábel de incentivos que reduciría de xeito importante o poder adquisitivo dos salarios, e a conxelación da antigüidade.

Por se non fora abondo, a dirección pretende tamén a eliminación do fondo de enfermidade e encarecer a contía que o traballador/a paga por facer uso do comedor, así como o estabelecemento dun novo sistema de vacacións, e ademais eliminar a prima de vacacións.

A dirección de Betanzos HB bota man das facilidades introducidas pola reforma laboral do PP para aplicar de maneira implacábel estas medidas. A CIG entende que as ameazas da empresa están a condicionar as negociacións entre as partes “e demostran que a empresa dende o inicio desta negociación o que pretende é unha modificación radical das condicións de traballo, prexudicando gravemente os intereses dos traballadores/as”.

Con ese obxectivo, foi a propia dirección a que tomou a iniciativa de denunciar o convenio colectivo de empresa, “pretendendo así optimizar os beneficios a conta de reducir os dereitos consolidados do seu persoal”.

Fronte a esta agresión, a CIG fai un chamamento ao conxunto do persoal a secundar esta folga e as mobilizacións que se realicen no marco destes paros.