Convocada folga en Cándido Hermida contra os despedimentos e por unhas condicións laborais dignas

Con motivo do paro deste xoves, 6 de maio, farase concentración ás 19h na Praza de Armas

Ferrol -

Os sindicatos CIG, UGT e CCOO, xunto cos distintos comités das empresas do Grupo Cándido Hermida, teñen convocada unha xornada de folga para este xoves, 6 de maio, en rexeitamento aos despedimentos e na demanda dunhas condicións laborais dignas. Con motivo da xornada de folga tamén está convocada unha concentración, ás 19:00 horas, na Praza de Armas de Ferrol.

Na reunión do pasado día 28, a empresa reafirmou que a medida das extincións dos contratos é firme, negándose a abrir unha mesa de diálogo para buscar solucións. Xunto a isto, lembran que nesa xuntanza, tamén anunciou "que haberá mais axustes para afrontar unha suposta mala situación económica, pero sen especificar en que van consistir esas medidas".

Diante do que está acontecendo e ante o temor a posíbeis recortes, as centrais sindicais e os comités "vémonos na obriga de actuar e facerlle ver á empresa que non imos quedar en silencio mentres nos despiden e empeoran as condicións laborais dos traballadores e as traballadoras que quedan".

Volver