Convocada unha xornada de folga en Endesa e na industria auxiliar para rexeitar a solicitude de peche da central das Pontes

O persoal afectado tamén acordou retomar as mobilizacións dos mércores

As Pontes -

Traballadores/as da industria auxiliar da central térmica de Endesa acordaron hoxe convocar unha xornada de folga para o vindeiro 14 de xaneiro para rexeitar a solicitude de peche das instalacións das Pontes. Tamén apostaron por retomar as concentracións que tiñan lugar todos os mércores na rotonda de Vilavella de 14:30 a 15:30 horas.

A decisión foi adoptada esta mesma tarde na asemblea convocada pola CIG, CCOO e UGT para valorar a solicitude de peche cursada pola dirección de Endesa diante do Ministerio de Industria antes sequera de saber se é posíbel continuar coa actividade facendo uso de combustíbeis alternativos ao carbón, tal e como denuncian dende as centrais.

“Tamén demandamos a convocatoria formal da mesa da transición enerxética, na que teñen que participar o Estado, a Xunta, o Concello, a empresa os sindicatos e outros axentes sociais”, explica Alberte Amado, da CIG-Industria.

Coa folga de 24 horas prevista para o martes 14 e as mobilizacións que se desenvolverán todos os mércores queren rexeitar tamén o incumprimento das garantías do emprego, “xa que se están a producir despedimentos na industria auxiliar”.

Protesta o luns pasado

O pasado luns día 30, pouco despois de que o venres se coñecese a solicitude de peche por parte de Endesa, o comité de crise (integrado polos sindicatos, os grupos da corporación municipal, empresarios/as e comerciantes e transportistas do carbón) organizou unha concentración na Praza do Carme ás 20:30 horas para amosar o seu rexeitamento a unha decisión que terá un forte impacto no emprego e na economía de Ferrolterra.

Volver