Convocada folga en TUSSA de Santiago polo bloqueo da negociación do convenio

O persoal levará a cabo dúas xornadas de paro o 24 e 25 de xullo

Santiago -

No marco dunha nova mobilización dos traballadores/as de TUSSA, compañía municipal de transportes de Santiago, o comité anunciou a convocatoria de folga os días 24 e 25 de xullo para forzar a empresa a rematar a negociación dun convenio colectivo que unifique por fin as condicións de traballo.

A concentración tivo lugar hoxe diante da pasarela da nova estación Intermodal, e consistiu un percorrido polas instalacións e para reclamar igualar as condicións de traballo do cadro de persoal, ao que se lle veñen aplicando tres convenios colectivos diferentes (o galego de Aparcadoiros, o provincial de Oficinas e Despachos e o antigo convenio da empresa Setex Aparki), coa disparidade de condicións laborais que iso supón. 

Demandan un convenio colectivo que unifique as condicións laborais de todo o cadro persoal

A negociación do convenio está agora bloqueada a pesar que hai xa máis de tres anos que existía un compromiso municipal para asinar o primeiro convenio colectivo de TUSSA. Desde o comité denuncian a escasa vontade para rematar unha negociación que estaba practicamente pechada hai máis dun ano, e onde as diferencias eran mínimas. Sen embargo, nas últimas reunións da mesa negociadora constataron o bloqueo, o que provocou a convocatoria de asembleas e o inicio das mobilizacións.

Calendario de mobilizacións

O comité de empresa anunciou as mobilizacións que se sucederán durante o que resta de mes de xullo. Desta maneira o próximo luns 19 concentraranse novamente na entrada da Intermodal, antes das xornadas de folga dos días 24 e 25 de xullo, nas que ademais se levarán a cabo diferentes accións de protesta. A folga afectará a todos os servizos de TUSSA nos aparcadoiros de Xoán XXIII, Belvís e Salgueiriños, ao servizo de guindastre, ORA e depósito, así como á estación de autobuses.

O día 29 realizarase unha marcha desde a Intermodal até o Concello de Santiago pola celebración do pleno municipal. Neste sentido, a pasada semana solicitáronse reunións cos grupos municipais para explicar a situación e denunciar o bloqueo das negociacións. O pasado venres o comité foi recibido por Compostela Aberta e hoxe polo BNG, e ambas formacións amosaron xa o seu apoio ás reivindicacións dos traballadores/as. Esta mesma tarde reuniranse co Partido Popular. O PSOE, a quen tamén se lle solicitou unha reunión, de momento non contestou.

Volver