Convocada folga en Valoriza Auga en reposta ao bloqueo patronal na negociación do novo convenio

A empresa ten a concesión do servizo de mantemento da rede de sumidoiros da Coruña
A Coruña - 13 Set 2018

Os traballadores de Valoriza Auga (concesionaria de EMALCSA que se encarga do servizo de mantemento da rede de sumidoiros da Coruña) irán á folga o vindeiro 18 de setembro como medida de presión ante o bloqueo patronal na negociación do convenio colectivo e en resposta ás medidas represivas adoptadas pola dirección nas últimas semanas. O persoal denuncia que mentres os seus salarios se manteñen conxelados dende o ano 2010, neste tempo, a empresa incrementou substancialmente os seus beneficios grazas á suba do prezo da hora que lle cobra á compañía municipal de augas pola prestación do servizo.

As condicións laborais e salariais do persoal de Valoriza Auga están sen actualizar dende o ano 2010 e a pesar dos reiterados intentos da parte social para chegar a un acordo e dos compromisos adquiridos pola concesionaria de EMALCSA, a negociación do novo convenio fica bloqueada ao pecharse en banda a empresa cunha proposta salarial "que nin sequera garante a recuperación do poder adquisitivo perdido ao longo deste tempo".

As retribucións do persoal están sen actualizar dende 2010 e son un 20% máis baixas que os salarios marcados no actual prego de condicións

O secretario comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira, explica que entre os anos 2013 e 2015 (coincidindo co Goberno de Carlos Negreira) a empresa mellorou de maneira importantes os seus beneficios xa que se lle incrementou o prezo do traballo por hora en máis dun 42%. "Un incremento inxusto por parte da empresa xa que engordou os seus beneficios a conta de manter conxelados os salarios dos traballadores".

A empresa non cumpre co marcado no prego de condicións

Pero ademais, engade Filgueira, no ano 2015 a concesión foille adxudicada novamente a Valoriza Auga sen que a empresa actualizara os salarios segundo o estabelecido no prego de condicións. "Os traballadores (que en moitas das categorías non chegan nin aos mil euros) están cobrando polas táboas do convenio colectivo publicado en 2006, que son un 20% máis baixas que as retribucións recollidas no actual prego de condicións. É dicir, os salarios reais non se corresponden cos que están recollidos nos pregos publicados por EMALCSA", advirte.

A loita por un novo convenio vénse prolongando dende hai anos, e mesmo en 2011 os traballadores desenvolveron unha folga de cinco días contra da paralización da negociación colectiva e para rexeitar a modificación substancial das condicións de traballo que quería impor a empresa. "Cando se produciu a nova adxudicación, Valoriza Auga comprometeuse a iniciar as negociación do convenio, mais non o fixo, o que provocou que as relacións laborais se viran xudicializadas en diferentes ocasións".

Nesta liña, o responsábel da CIG da Coruña critica a actitude represiva demostrada pola empresa nas últimas semanas, ao abrir expediente sancionador ao delegado de persoal e a varios traballadores por participar nunha asemblea para avaliar a última oferta patronal. "Esta claro que esta medida é un intento de coaccionar os traballadores para que cesen nas súas demandas e non se mobilicen. Pero se a dirección de Valoriza cre que por este camiño vai resolver o conflito que ten aberto, está moi equivocada", asevera.

Plataforma reivindicativa

Xabier Filgueira censura que a empresa pretenda agora "despachar" cun incremento de 600€ os sete anos nos que o persoal estivo sen convenio, pero sen que esa suba teña a condición de salario, coa escusa de que non pode facer un esforzo económico maior. "É dicir sen que repercuta sobre as táboas salariais como incremento no salario base. Neste senso, a oferta da empresa limítase a un incremento para  cada ano de convenio igual ao IPC do ano anterior".

Valoriza Auga abriu expediente sancionador ao delegado de persoal e a varios traballadores por participar nunha asemblea

 Fronte a isto, a parte social demanda un incremento do salario do 1.75% para cada ano de convenio (2018-2020) con cláusula de revisión; establecemento dun complemento anual nunha porcentaxe sobre o salario base do 25% en 2018, o 50% en 2019 e do 75% en 2020; crear un plus de cualificación profesional; incremento do prezo da hora extraordinaria e da xornada laboral en festividades sinaladas; plus de limpeza de depósitos; ou establecer un complemento de retén.

Chamada a EMALCSA

Dende a CIG da Coruña apélase á responsabilidade de EMALCSA -como titular da concesión- para que interveña no conflito, obrigue a empresa a cumprir co estabelecido no prego de condicións e a avanzar na negociación do novo convenio colectivo. Filgueira agarda que desta volta "a resposta non sexa a doutras veces: que non van mediar porque se trata dunha cuestión laboral entre traballadores e a empresa concesionaria".

Así mesmo, a central sindical chama ao Concello da Coruña a que respecte o dereito fundamental á folga dos traballadores de Valoriza Auga decretando uns servizos mínimos razoábeis e que non resulten abusivos.