Convocada folga indefinida, a partir do 1 de decembro, na Escola Municipal de Música de Compostela

A última nómina completa que cobrou o seu persoal foi a de agosto

Compostela -

A CIG-Ensino rexistrou o pasado venres, día 20 de novembro, a convocatoria de folga indefinida do persoal da Escola Municipal de Música de Santiago, ante a situación insostíbel que vive o conxunto dos 21 traballadores e traballadoras Escola, que seguen sen cobrar desde o pasado mes de agosto. Concello e empresa concesionaria xa está advertidos desta convocatoria, mais tamén da grave situación que padece o persoal.

A CIG-Ensino Compostela lembra que levan case tres meses sen cobrar o seu salario íntegro e que tan só recibiron unha nómina correspondente ao mes de agosto o día 6 de outubro.

Ante esta situación que cualifican de “desesperada” e que pon en risco a viabilidade do servizo educativo, o conxunto dos traballadores e traballadoras tomaron de forma unánime esta decisión que xa está en coñecemento tanto da empresa como do Concello de Santiago.

Tanto o persoal docente como o non docente lamentan as consecuencias que esta decisión poida ter no alumnado e nas familias que acoden á Escola e insisten en que intentaron por todos os medios que se resolvera antes de optar por esta saída tan “drástica”.

A empresa segue aludindo á falta de liquidez para non facer os pagamentos ao asegurar que o Concello é o que non lle abonou as contías polo servizo que presta. A CIG-Ensino insta ás dúas partes a poñerlle fin a esta situación “tan lamentábel” e que se garanta a prestación dun servizo fundamental para a capital de Galiza.

Volver