Convocada folga indefinida na Unidade de Coidados Intensivos de adultos do Hospital Clínico

Comezará o vindeiro día 16 de novembro e desenvolverase todos os luns de 8:00 a 8:00
Compostela - 05 Nov 2020

O persoal da Unidade de Coidados Intensivos de Adultos (UCI-A) do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela irá á folga indefinida, a partir do 16 de novembro, todos os luns de 8:00 horas a 8:00 horas do martes. O anuncio fixérono esta mesma mañá ao remate dunha concentración convocada para denunciar as deficiencias da unidade e as súas condicións de traballo.

A decisión foi adoptada polo persoal o pasado día 26 de outubro pola imposibilidade de chegar a acordos coa Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza no referido ás medidas de carácter organizativo e preventivas das/os profesionais desta unidade e de referencia para enfermos COVID-19, o que conleva a imposibilidade de dar unha asistencia sanitaria de calidade.

Acusan a esta xerencia de “insensibilidade” por non ter acometido as reformas comprometidas en xuño deste mesmo ano, que debían estar rematadas xa en setembro, para solventar as deficiencias estruturais desta unidade. Mais tamén pola falta de medidas organizativas e preventivas, limitando ao mínimo posible o número de traballadoras e traballadores e o tempo de exposición, atendendo ao procedemento de actuación para os servizos de prevención de riscos laborais fronte a exposición ao SARS-COV3 do Ministerio de Sanidade e o Plan de prevención fronte o risco de exposición laboral no coronavirus do persoal da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza.

Esgotamento físico e psíquico

Medidas que consideran necesarias para a previsión dun aumento de baixas por IT e polo esgotamento tanto físico como psíquico que padece o persoal. Neste sentido alertan da falta de condicións de traballo dignas, para non estar a quendas de 7 ou 10 horas diarias sen descanso e mesmo obrigando a dobrar quendas e co mesmo EPI e uniforme.

Responsabilizan ademais á Xerencia da imposibilidade de conciliar a vida laboral e familiar pola preocupación ao contaxio, dos efectos psicosociais ou mesmo síndrome de Burnout, ante a falta de test e probas ás/aos profesionais, incumprindo o requirimento da Inspección de Traballo da Coruña sobre a realización de Avaliacións de Risco Psicosocial ao persoal.

O persoal da UCI denuncia a  falta de información da implantación ou revisión de organización e métodos de traballo a representantes legais e a falta dun protocolo ou plan de prevención de riscos centrado no posto de traballo en función das particularidades e funcións de traballo específico da UCI-A establecido pola Unidade de Prevención de Riscos Laborais.

Xunto a isto poñen en evidencia a falta de formación de profesionais en novas técnicas e en riscos laborais, adestramento no manexo de EPIs para adquirir soltura e seguranza na UCI-A e poder reforzar a unidade, mesmo en momentos puntuais.

Sobre estas cuestións xa presentou denuncia perante a Inspección de Traballo a CIG-Saúde de Compostela o pasado mes de outubro, diante da falta de resposta da Xerencia e a persistencia dos incumprimentos en materia de prevención de riscos, nomeadamente no referido aos protocolos covid, así como a a ausencia de medidas preventivas de carácter organizativo e de plans de continuidade necesarios para a previsión de baixas laborais do persoal deste servizos ante o esgotamento que o persoal está a padecer a todos os niveis.