Convocada folga indefinida na limpeza de Ourense polo bloqueo do convenio

O comité de Ecourense esgotou todos os recursos na busca dun acordo en 18 meses de reunións
Ourense - 25 Xan 2018

O comité de empresa de Ecourense, concesionaria do servizo de limpeza e recollida do lixo do Concello de Ourense, vén de convocar folga indefinida a partir do luns 5 de febreiro ante o bloqueo das negociacións para renovar o convenio colectivo. A decisión foi adoptada en asemblea pola práctica totalidade do cadro de persoal despois de esgotar todos os recursos na busca dun acordo durante máis de 18 meses de xuntanzas coa dirección.

Non é a primeira vez que dende a CIG se propón unha medida de presión ante a falta de vontade negociadora da empresa; xa en abril do 2017, despois de varias reunións sen ningún froito, a central propuxo unha convocatoria de folga; medida que finalmente hai que adoptar case un ano despois ao non obter ningún tipo de avance. “Non foi posíbel, nin sequera coa participación dun mediador do Consello Galego de Relacións Laborais (CGRL), acadar unha solución que fose satisfactoria para ambas partes”. 

A empresa, lonxe de achegar posturas, ameaza con reducir persoal e co descolgue salarial

Neste senso, lembran que tras 10 xuntanzas nas que estivo presente o mediador do CGRL, e despois de diferentes achegas, houbo unha proposta que o comité de empresa aceptou. “Non foi así por parte da empresa, que lonxe de achegar posturas bloquea todo o proceso negándose de plano a negociar, e chegando a ameazar con redución do cadro de persoal e descolgue salarial”.

A proposta trasladada pola dirección na última xuntanza celebrada o 18 de xaneiro consiste en non cumprir a actualización salarial, xa que oferta subir unha porcentaxe inferior ao IPC. Asemade, o comité quere negociar a recuperación de dereitos sociais e laborais que foron eliminados durante o período de crise.