Convocada folga no sector de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra por un convenio digno

A CIG-Banca promove paros parciais o 5 e 11 de abril e de 24 horas o vindeiro día 15. Nas dúas primeiras xornadas haberá mobilizacións
Pontevedra/Vigo - 03 Abr 2024

A CIG vén de anunciar a convocatoria de paros parciais para este venres 5 e para o xoves 11 e unha folga de 24 horas para o vindeiro luns 15 de abril para reclamar un convenio colectivo digno no sector de oficinas e despachos da provincia de Pontevedra. Durante as dúas primeiras xornadas a central sindical desenvolverá tamén mobilizacións diante da sedes das patronais en Vigo.

Na CIG-Banca lembran que o sector leva 12 anos co convenio paralizado, “malia o que tras nove xuntanzas da mesa negociadora o empresariado non entende que non imos conxelar o complemento de antigüidade e négase a aceptar a realidade salarial do noso sector”.
De feito, a patronal pretende substituír o complemento de antigüidade por salarios que, nalgunhas categorías, supoñen un incremento sobre o SMI de 9 euros brutos anuais. [As diferenzas entre a proposta da CIG e a da patronal pódense observar na táboa que encabeza esta información]

A patronal pretende substituír o complemento de antigüidade por salarios que, nalgunhas categorías, supoñen un incremento sobre o SMI de 9 euros brutos anuais

Lamentan que a proposta da Confederación de Empresarios non recoñeza a profesionalidade do persoal do sector nin o seu carácter esencial, “como quedou claro durante os momentos máis duros da xa esquecida pandemia da covid”.

Ademais, a patronal quere que a aplicación en táboas sexa dende o 1 de xaneiro deste ano, “mentres que para nós é innegociábel que a aplicación sexa dende xaneiro de 2023”. E négase a introducir unha cláusula de garantía salarial que operaría en casos de inflación disparada (como aconteceu nestes últimos anos).

Por iso na CIG entenden que o único xeito de lograr o convenio “digno e xusto” que merecen os traballadores/as pasa por retomar as mobilizacións. “Loitar é o único camiño para dignificar as nosas condicións de traballo e para adaptar os nosos salarios á realidade económica actual, e non imos esperar máis tempo”.

De xeito que a central sindical celebrou asembleas abertas co persoal do sector nas que se decidiu convocar paros parciais este venres 5 e o xoves 11 e unha folga de 24 horas o vindeiro luns 15 de abril. Ao mesmo tempo, nas xornadas de paros parciais haberá concentracións diante das sedes das patronais en Vigo: o día 5 de abril na Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) ás 10:30 e en ASIME ás 12:00, mentres que o día 11 de abril serán en ASIME ás 10:30 e na CEP ás 12:00 horas.

Finalmente, inciden en que ASIME, a patronal do metal, “é unha das empresas afectadas por este convenio que máis resistencia amosa para non alcanzar acordos”.