Convocada manifestación cidadá na Coruña para esixir "futuro para a industria electrointensiva"

O sábado 8 de xuño, ás 12:00 horas dende a Praza da Palloza

A Coruña -

Os presidentes dos comités das industrias electrointensivas anunciaron en rolda de prensa a convocatoria dunha gran manifestación para sábado 8 de xuño na cidade da Coruña en demanda dun novo marco regulador da enerxía que garanta a viabilidade deste sector industrial e dos miles de empregos que del dependen. A manifestación, convocada polos comités de Alcoa A Coruña e San Cibrao, Ferroatlántica Cee-Dumbría-CCHH e Sabón e Celsa Atlantic, partirá ás 12:00 horas da Praza da Palloza e rematará diante da Delegación do Goberno.  

Esta é segunda mobilización conxunta que convocan os comités para esixir do Goberno español avances urxentes e definitivos que atallen á grave crise na que está sumido o sector por mor do elevado custe da enerxía. Unha solucións que, lembraron, pasan pola aprobación do estatuto do consumidor eléctrico, que o Executivo de Pedro Sánchez se comprometera a publicar antes das eleccións xerais do 28 de abril.

Porén, a menos dun mes para que expire o prazo dado por Alcoa para aplicar o seu fatal plan de peche para as fábricas da Coruña e Avilés, nada se ten avanzado para lograr unha tarifa industrial estábel, xusta e competitiva. Ao contrario, as axudas en materia de compensación de CO2 publicadas resultan totalmente insuficientes e as condicións da próxima de poxa da interrompibilidade xeran máis incerteza ao rebaixar o número de bloques e as contías destes. Nesta poxa ademais non poderán participar as fábricas de aluminio da Coruña e Avilés (complicando aínda máis unha saída alternativa ao peche) e chega con ERTEs formulados por Ferroatlántica para as instalacións de Sabón e de Cee-Dumbría e unha posíbel segregación encuberta das centrais.

En resposta á inacción dos gobernos,  os comités de empresa, a instancias dunha proposta que partiu da CIG, acordaron repetir a mobilización do pasado día 20 en Compostela e convocar unha gran manifestación cidadá na Coruña para este sábado. Así mesmo, na comparecencia informaron que están estudando levar as protestas tamén a Madrid, coincidindo co arranque da poxa de interrompibilidade.

Un marco enerxético para dar viabilidade a industria

O presidente do comité de Celsa Atlantic, Agustín Méndez (CIG), explicou que con estas mobilizacións queremos "esixir un marco enerxético que permita o desenvolvemento industrial do noso país, que evite a deslocalización da produción e a destrución de emprego, que facilite que as empresas realicen as inversións necesarias para a modernización das plantas e que nos permita competir en igualdade de condicións co resto dos países europeos".

Méndez denunciou que o actual marco regulador da enerxía só leva ao desmantelamento industrial e a que milleiros de familias sufran pobreza enerxética. Por iso, aseverou, "o Goberno debe decidir se quere apostar pola industria e as familias, ou seguir beneficiando coas súas políticas as grandes compañías eléctricas que funcionan en réxime de oligopolio e que descaradamente son o retiro dourado de quen goberna ao seu favor".

Abundando nesta cuestión, o presidente do comité de Alcoa San Cibrao, Xosé Paleo (CIG), insistiu na urxencia de aprobar o estatuto do consumidor electrointensivo porque "un país sen industria non ten futuro. Un Goberno que permite a desaparición da súa industria de base non é un Goberno que mire polo futuro do seu país", afirmou.

Paleo recalcou que a continuidade dun sector estratéxico para Galiza como o do Aluminio seguirá estando no aire mentres non se avance nunha regulación eléctrica máis xusta e predicíbel. "A planta de Alcoa da Coruña é nestes momentos a que maior perigo corre, pero se non hai solucións políticas inmediatas, a continuidade do complexo de San Cibrao verase seriamente comprometido. O tempo esgótase para todo o sector", advertiu.

Criticou que malia terse comprometido en decembro pasado a elaborar un estatuto do consumidor electrointensivo en seis meses, "a día de hoxe non temos nada enriba da mesa". Incidiu Xosé Paleo nas incertezas que xera a convocatoria da poxa de adxudicación da interrompibilidade "un mecanismo que non é a solución, pero que precisamos mentres non exista esa nova regulación que nos dea viabilidade".

Galiza non se pode permitir perder tecido industrial e empregos

Cómpre lembrar que a CIG ten elaborada dende outubro pasado unha proposta de tarifa eléctrica para a industria con grandes consumos que foi trasladada ao Goberno español e galego en numerosas ocasións, á patronal do sector e mesmo ao comisario europeo de Enerxía, quen dixo non atopar ningún punto na proposta que entrara en contradición coa regulación da UE.

Para a CIG resultaría intolerábel que nun país como Galiza, gran produtor de enerxía e que asume os custes sociais e ambientais desta actividade, pechen industrias e se destrúa emprego a causa do prezo da electricidade. A central nacionalista reivindica que a explotacións dos nosos recursos naturais ten que reverter no desenvolvemento económico e social de Galiza e que temos dereitos a contarmos cunha tarifa eléctrica máis baixa, non só para beneficio das industrias con grandes consumos enerxéticos, senón que beneficie tamén ao conxunto dos galegos e das galegas.

A CIG leva meses chamando á mobilización conxunta do sector

A manifestación deste sábado será a segunda que realicen conxuntamente os comités de empresa. Neste senso, hai que lembrar que a CIG lanzou en reiteradas ocasións un chamando ás organizacións sindicais e aos comités das distintas fábricas para, diante da crise xenérica das electrointensivas, acordar un calendario de mobilizacións conxunto, mesmo propondo a convocatoria de xornadas de folga sectorial.

A falta de acollemento desta proposta levou a central nacionalista a realizar en solitario un intenso calendario de actuacións que comezou o pasado 14 de febreiro cunha concentración diante da Delegación do Goberno na Coruña; seguiu cunha protesta na fábrica de Ferroatlántica de Cee o 1 de marzo; o 28 de marzo nas instalacións de Ferroatlántica Sabón; o 26 de abril no complexo de Alcoa en San Cibrao; e o  23 de maio a mobilización trasladouse até a fábrica de Celsa Atlantic da Laracha.

No marco desta protesta, a CIG lanzou a proposta de convocar unha gran manifestación cidadá na Coruña para a fin de semana do 8-9 de xuño que, de asumirse por parte dos comités, suporía a suspensión da protesta que a central tiña previsto realizar este 6 de xuño na planta de Alcoa da Coruña.

Volver