Manifestación en Compostela para o vindeiro 5 de xuño “contra a invasión eólica de Galiza”

A marcha, que coincide co Día Mundial do Medio Ambiente, sairá da Alameda compostelá ás 12:00h
Nacional - 28 Mai 2021

Uns 50 colectivos e plataformas ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais e sindicais de toda Galiza, entre organizacións convocantes e adheridas, fixeron esta mañá un chamamento a toda a sociedade galega a participar na gran marcha que terá lugar o vindeiro sábado, día 5 de xuño, en Compostela, con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente.

O obxectivo desta gran mobilización, segundo explicaron as entidades convocantes en rolda de prensa, é “expresar o amplo e contundente rexeitamento do pobo galego a un modelo de desenvolvemento eólico imposto e colonial que converte a Galiza, unha vez máis, nun territorio de sacrificio para favorecer as ansias especulativas e de negocio do oligopolio enerxético, coa conivencia da Xunta e do Estado”.

O manifesto “Eólica, así non” que presentaron reclama a paralización inmediata dos proxectos eólicos en tramitación e un novo modelo enerxético.

Pobreza enerxética

Neste sentido, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, explicou que Galiza se atopa diante dun “novo proceso de colonización enerxética que no franquismo destruíu os ríos e agora vai polas terras e montes” e denunciou que, entrementres se mantén a moita xente “na pobreza enerxética” e comarcas enteiras de Galiza “camiño da desertización social e industrial, sen plans alternativos de ningún tipo de reindustrialización”.

Lembrou que temos unha produción de enerxía eléctrica que supera o consumo actual e que “o 30 % da electricidade producida segue a exportarse fóra do país, mentres o subministro á cidadanía, empresas e industrias galegas seguen a ser dos máis caros do Estado”.

Por iso afirmou que “Galiza necesita ter soberanía sobre dos seus recursos e capacidade para decidir o noso modelo de desenvolvemento económico  para que  reverta na maioría social do País”.

O secretario xeral da CIG reclamou “unha verdadeira transición ecolóxica galega ordenada, xusta, ao servizo do País e cunha xestión pública que poña fin ao oligopolio das grandes eléctricas” e rexeitou que a costa do territorio galego, as grandes empresas “aproveiten a ocasión do negocio eólico para facer o seu lavado verde, sen ter previamente reparada a súa débeda ecolóxica, nin resolto o impacto social xerado”.

Carril concluíu afirmando que “o pobo galego debe ser quen decida sobre o aproveitamento dos seus recursos e o seu modelo económico, industrial e social, capaz de procurar un equilibrio territorial e ambiental, que evite a destrución de emprego e a emigración, que pule pola enerxía como ben básico ao servizo do pobo, que cree emprego e industria”.