As centrais convocan manifestación en Ferrol para esixir políticas sociais e de reindustrialización

A mobilización terá lugar o xoves 28 de novembro ás oito da tarde

Ferrol -

O xoves 28 de novembro a cidade Ferrol acollerá unha manifestación para esixir das Administracións medidas "prioritarias e urxentes" ante a grave crise social, económica e laboral que atravesa a comarca, con centos de empregos en risco, un declive demográfico imparábel e sectores fundamentais como o naval a punto de entrar en subactividade, ou sen futuro produtivo certo, como a central térmica das Pontes. A marcha está convocada polas organizacións sindicais CIG, UGT e CCOO e sairá ás 20 horas baixo o lema "Contra o esmorecemento das comarcas Ferrol-Eume-Ortegal. Reindustrialización Xa!".

"É obvio que desde a mal chamada reconversión todos e cada un dos plans postos en marcha, tanto por parte do Goberno do Estado como da Xunta de Galiza, incluídos os últimos, Plan Ferrol e Plan Director da Industria de Galiza para o período 2015-20, resultaron un absoluto fracaso".

Así se expresaban os responsábeis comarcais das tres centrais sindicais na presentación en rolda de prensa dunha mobilización mediante a que se busca pór o foco de atención "na situación insostíbel" que atravesan as comarcas, "sumidas nunha crise continuada no tempo" dende os anos 80, marcadas pola emigración da mocidade e onde os índices de pobreza na cidade de Ferrol están por enriba dos do resto do país. Tal é así que o 19% de persoas se atopan en risco de pobreza e/ou exclusión social.

Carga de traballo para o naval

"Xa non valen máis promesas, queremos actuacións, que non deixe morrer de inanición a esta comarca", asevera o secretario da CIG-Ferrol, Manuel Grandal, quen reclamou que se manteña e potencie o sector naval, a necesaria diversificación, unhas infraestruturas acordes cos tempos e un plan de fixación da poboación. Precisamente, Grandal sinalou as dificultades que enfronta un dos motores económicos da Ría, o naval, ante a falta de carga de traballo para os próximos dous anos. Algo que xa se está a notar no goteo incesante de perda de emprego nas auxiliares.

Fronte a isto, as centrais sindicais reclaman a construción dun buque loxístico para a armada española que permitiría paliar ese baleiro de novos contratos até o inicio da fragata F-110. Mais tamén abordar un plan que manteña o naval como sector estratéxico, que potencie a construción tanto militar como civil; as reparacións e a fábrica de turbinas; e a posta en marcha do centro tecnolóxico. Implementar o estaleiro 4.0; a construción do novo estaleiro dotado dun dique cuberto, cumprindo os prazos xa programados, así como un dique seco para reparacións, son cuestións que cualifican de "vitais para o futuro do sector na comarca".

A situación ante o peche da central de Endesa

De igual xeito, demándanse solucións ante o peche da actividade de Endesa e que se poña en marcha un período de transición que permitan o asentamento doutras actividades. "As  administracións e a propia Endesa deben asumir a rexeneración e diversificación da actividade económica na zona, dotando o financiamento necesario e  con prazos concretos, inaprazábeis e que se cumpran. De non ser así, a situación de decadencia tornarase irreversíbel", advirten.

Mellorar as infraestruturas e apostar pola diversificación

Consideran tamén imprescindíbel a creación dunha tarifa eléctrica estábel, que non poña en perigo os postos de traballo das industrias electro-intensivas; potenciar a actividade do Porto Ferrol-San Cibrao;  mellorar as infraestruturas de comunicación e mobilidade, paliando o déficit histórico con respecto ao resto do país; impulsar un plan de emprego axeitado ás características e singularidades das comarcas que incentive a fixación da poboación; e apostar pola diversificación produtiva, a medio e longo prazo, baseada primordialmente nas enerxías limpas e no emprego verde.

Volver