Convocada manifestación en Vigo ante a vaga de mortes no traballo na provincia de Pontevedra

A marcha promovida pola CIG, CCOO e UGT terá lugar este xoves día 11 dende Vía Norte até a Xunta ás 19:00 horas
Vigo/Pontevedra - 05 Abr 2024

As federacións de Industria da CIG, CCOO e UGT anunciaron hoxe a convocatoria dunha manifestación en Vigo o vindeiro xoves 11 de abril ante a vaga de accidentes laborais mortais na provincia de Pontevedra. Dende as centrais sindicais chaman a asistir á mobilización para denunciar unha problemática que afecta ao conxunto da clase traballadora, en solidariedade coas familias das persoas falecidas e para reclamar máis formación e medidas de prevención e seguridade ás empresas e un maior control por parte das administracións públicas.

O secretario comarcal da CIG-Industria de Vigo, Xulio Fernández, lembrou que no que vai de ano perderon a vida en accidente laboral nove persoas en Galiza, sete delas na provincia de Pontevedra, algo que cualificou de “extremadamente grave” e “inadmisíbel”. O responsábel sindical culpou do que está a acontecer aos “fallos” en materia de prevención e seguridade, á falta de formación nesta materia e á “desidia” por parte das administracións.

Neste senso, incidiu en que a Inspección de Traballo ten que velar de maneira estrita polo cumprimento da lexislación laboral en materia de prevención e de seguridade. “Mais ao contrario, moitas veces non se investigan accidentes graves que se fan pasar por leves; e que son derivados para o sistema público, co que as empresas cárganlle os gastos ao conxunto da sociedade”.

Tamén fixo fincapé na falta de formación específica en materia de prevención nos postos de traballo, xa que como por exemplo acontece no sector naval “os cursos de formación son pagados cos recursos dos propios traballadores; as empresas non dan os cursos, polo que non se fan nos postos de traballo concretos, senón que é unha formación xenérica e teórica”.

Fronte a isto, os tres sindicatos coincidiron en que ante a falta de formación e a chegada de profesionais a determinados sectores sen a experiencia nin a capacitación suficiente precísase máis investimento e unha maior formación real no posto de traballo, “non unicamente con certificados que acrediten unha formación que en moitos casos é inexistente”.

Ao mesmo tempo, apelaron á necesidade de que as inspeccións teñan un carácter máis expeditivo, “con sancións exemplarizantes e disuasorias que obriguen o empresariado a tomar en serio a súa responsabilidade na prevención de riscos”. Máis tamén á importancia de afondar na concienciación da clase traballadora “para que non dea por normais comportamentos que comprometen a saúde e seguridade no traballo”.

Problemática social

Por iso subliñaron que a protesta do xoves día 11 (que sairá de Vía Norte ás 19:00 horas e rematará diante da delegación da Xunta na cidade) é aberta a todos os sectores ao tratarse duna problemática social que lle afecta ás persoas traballadoras no seu conxunto, aínda que a industria sexa a máis golpeada por este tipo de accidentes.

“É fundamental darlle visibilidade ao que está a acontecer e esixir as ferramentas necesarias para combater esta lacra. Entre outras cousas, actualizando a lei de prevención de riscos para garantir que sexa máis eficaz”. Mais tamén rematando coa crecente precarización das condicións laborais que padecen amplos sectores da clase traballadora, con xornadas prolongadas, redución dos tempos de descanso e ritmos de produción máis elevados.