Convocada mobilización conxunta contra o ERE do Sabadell o día 23 de setembro

O mesmo día, CIG-Banca concéntrase en San Caetano para rexeitar as subvencións de caixeiros
Nacional - 20 Set 2021

As organizacións sindicais que forman parte da mesa negociadora do ERE do Sabadell convocan para este xoves, día 23 de setembro, entre as 11:00 e as 12:00 horas, a primeira mobilización conxunta en Galiza diante das oficinas do Hórreo e Xeneral Pardiñas.

Concentración contra as subvencións a ABANCA

Posteriormente, ás 12:30 horas, a CIG-Banca ten convocada unha nova mobilización en San Caetano para rexeitar as subvencións da Xunta a caixeiros automáticos nos concellos do rural sen oficina bancaria, logo de ter coñecido a adxudicación desta subvencións a Abanca, precisamente a entidade que máis oficinas está pechando.

O ERE do Sabadell atinxe a 13.306 persoas

O pasado xoves, día 16 de setembro, constituíase a mesa negociadora do ERE do Sabadell. Unha xuntanza na que a representación da entidade fixo entrega da documentación oficial que, segundo a empresa, xustifica a medida presentada, e na que explicaron que o cadro de persoal total, a 31 xullo, era de 13.601 persoas e que o persoal afectado atinxe a 13.306, excluíndo as excedencias, alta dirección, temporais e internacionais.

A representación do Sabadell falou ademais de “voluntariedade”. Porén a empresa pode rexeitar as adscricións “por cuestións organizativas, por excedentes ou porque a persoa non cumpra os requisitos”. Ademais, e segundo explica a sección sindical, o que non se cubra coa “voluntariedade”, serán despedimentos. “Utilizarán como criterio a menor ‘valoración do desempeño’ dos últimos 3 anos. A igual valor, terán en conta a formación legal e polivalencia”.

Para o secretario da sección sindical da CIG, Andrés Río, “repítese así o de experiencias anteriores: carta branca para despedir a quen queiran”.

Río explica que, ademais, queren facer 2 grupos de exclusión: persoal de entre 50/55 anos, de máis difícil recolocación, “aínda que xa sabemos que o motivo é o maior custe”, e maiores de 63 anos.

Non hai motivo para o ERE

Fronte a isto, a sección sindical afirma que non hai motivo para o ERE. “Non nos cansaremos de dicilo. É indecente e inmoral que unha empresa con beneficios pretenda facer 1.936 despedimentos, habendo outras alternativas non lesivas para o seu persoal. E así llo trasladamos ao banco, pero non queren escoitar”.

Xunto a isto advirten que “todo o persoal está afectado polo ERE, que ninguén pense que está dentro dos parámetros, que son subxectivos e modificables a vontade da empresa. Todos e todas debemos loitar polos nosos empregos”.

Por iso as organizacións sindicais fan un chamamento a todos os compañeiros e compañeiras desas oficinas e das próximas para que participen nas concentracións nos 15 minutos de café.