Xornada reivindicativa este 14 de abril ante "o menosprezo" dos gobernos con Ferrol, Eume e Ortegal

Haberá manifestación do naval, concentracións nos concellos e marchas a pé

Ferrol -

Ante a falta de resposta por parte dos gobernos, as centrais sindicais CIG, UGT e CCOO teñen convocada unha nova xornada de mobilizacións en Ferrol, Eume e Ortegal para esixir medidas concretas, investimentos e infraestruturas para dotar de futuro as comarcas e xerar postos de traballo. Os tres secretarios comarcais compareceron en rolda de prensa para anunciar as protestas que se realizarán este mércores, 14 de abril.

Dende ás 10 da mañá, os secretarios comarcais estarán na Casa do Concello de Ferrol onde manterán reunións cos colectivos que trasladaron o seu apoio á folga comarcal do pasado 10 de marzo, como as asociacións de hostalería e comercio, empresariais, as confrarías de pescadores/as e mariscadores/es ou as asociacións veciñais. Ás 10:30h, os traballadores e traballadoras do naval farán unha marcha dende o estaleiro até a Praza de Armas e ás 12 do mediodía, realizaranse concentracións diante dos concellos das comarcas.

Xa pola tarde, ás 18 horas, haberá dúas marchas a pé dende o Mercado de Caranza e a Praza da Gándara que discorrerán polas rúas de Ferrol até rematar na Praza de Armas, onde os secretarios comarcais farán unha valoración da xornada.

Estas novas mobilizacións acordáronse para dar resposta "ao menosprezo" da Consellaría de Industria, do Ministerio de Facenda e da SEPI, do Ministerio de Industria e do Ministerio de Transición Ecolóxica que seguen sen fixar data para as xuntanzas solicitadas polos tres sindicatos para abordar as solucións urxentes que precisan as comarcas e cales son as medidas concretas que teñen previsto aplicar as administracións.

Reivindicacións concretas e urxentes

Neste senso, o secretario comarcal da CIG de Ferrol, Manuel Anxo Grandal, criticou que a Consellaría de Industria pretendeu "entrampar esta reunión e lavar a cara, dicindo que estaba traballando para convocar unha nova xuntanza da mesa de reindustrialización. Pero o formato desta mesa, polo número de entidades que a integran, non é o máis adecuado, porque o único que fan é tirarse os cacharros á cabeza uns aos outros. E estas comarcas o que precisan son solucións, por iso o que queremos nesa reunión é concretar as decisións nas que a Xunta debe participar".

Grandal lembrou que xa hai un ano que as centrais sindicais recolleron nun documento as principais reivindicacións para Ferrol-Eume-Ortegal "que non cambiaron porque a situación foi a peor". Neste texto formulábanse as medidas que cómpre pór en marcha de inmediato para reindustrilizar a comarca e xerar emprego. "Demandamos proxectos, que haxa unha transición enerxética xusta, políticas para recuperar a construción naval civil, rexenerar a ría, infraestruturas etc. Pero xunto a estas medidas máis a longo prazo, queremos traballo no inmediato e para isto os gobernos teñen que tomar medidas concretas.Esta crise haina que afrontar con investimento público", aseverou.

Así, Grandal referiuse á decisións como que a transformación do buque Galicia se faga no estaleiro de Ferrol. "Ten que haber unha orde de reparación e ten que vir para Ferrol porque a industria auxiliar está a cero de traballo. De igual maneira, as instalacións da ría teñen que converterse nun gran centro de reparacións e iso supón que hai que construír o dique e consignar xa o financiamento da obra. Ademais a propia construción suporía dotar carga de traballo o estaleiro", matizou.

Transición xusta

De igual xeito, reclamou que comecen xa os estudos para a rexeneración e recuperación da ría e no caso das Pontes, que se asine o convenio de transición xusta "porque é o único territorio do estado afectado polo peche das centrais térmicas onde aínda non se puxo en marcha". Neste punto, resaltou tamén que unha das medidas para favorecer o desenvolvemento industrial dos concellos afectados pasa "porque non se dean concesións de evacuación de enerxía ás solicitudes que non vaian acompañadas de proxectos industriais".

Finalmente Grandal subliñou que dende as centrais sindicais "seguiremos facendo o noso traballo que é reivindicar futuro para as nosas comarcas. Os gobernos e as forzas políticas atenderán ou non estas demandas, pero que teñan en conta que a cidadanía tamén decidirá en consecuencia co seu voto".

Volver