Convocadas dúas xornadas de folga en COMFICA pola readmisión dos compañeiros despedidos

Advirten da pretensión de desfacerse do persoal e substituílo por outro subcontratado
Compostela - 26 Set 2023

O persoal de COMFICA, subcontrata de MOVISTAR e Mas Movil (R), ten convocadas dúas xornadas de folga para os vindeiros días 27 e 28 de setembro e concentracións ás 8:30 horas diante da empresa, no Polígono do Milladoiro. Demandan a readmisión dos compañeiros despedidos e o mantemento do emprego.

Segundo explica o secretario comarcal da CIG-Industria de Compostela, Benedicto Blanco, o que pretende facer COMFICA, que é a contrata de MOVISTAR na zona de Compostela, é quedar con cada vez menos persoal propio e substituílo por outro subcontratado. Algo que constatan porque desde o inicio do ano “xa procedeu a 5 despedimentos”, denuncia.

Xunto a isto apunta o obxectivo de empeorar as condicións laborais do persoal subcontratado, “con condicións precarias, xornadas de 12 a 14 horas, de luns a domingo e incumprindo as medidas de seguridade” e mesmo agora de tirar de subcontratas portuguesas que “están vindo aquí facendo unha fraude porque din que son traballadores transfronteirizos, que veñen traballar de luns a venres, pero en realidade vemos como están traballando tamén en fin de semana”. Unha fraude que, afirma, “se estendería tamén á propia Seguridade Social”.

Convocatoria de folga

O persoal  chegou agora ao acordo de convocar estas dúas xornadas de folga porque “polos dous últimos despedimentos que fixeron xa non pasamos”. Por iso exixen a readmisión destes dous compañeiros e que a empresa se comprometa a manter o emprego, canto menos o que hai agora mesmo no centro de traballo porque, “na actualidade xa debemos de estar nun 50% de persoal propio e nun 50% de subcontratas”.

Blanco advirte que “non lles é abondo aínda isto, senón que o que queren é practicamente chegar ao 100% de subcontratas” como xa pasou no centro de traballo de Ourense que veñen de desmantelar hai dous ou tres meses, lembra.

Un centro de traballo que quedou deserto e no que só quedan unha ou dúas persoas no almacén para darlle o material ás subcontratas desta subcontrata.

Ameazas

Tamén rexeitan as ameazas da empresa, que ante a convocatoria de folga ía a haber máis despedimentos. “Ante esas ameazas, desde logo, o que non imos é entrar no seu xogo”, sinala e advirte que “se estas xornadas de folga non son suficientes e non queren sentar a falar e readmitir a eses compañeiros despedidos decidiremos novas datas de protestas”.