Convocadas seis xornadas de folga en COPO Galicia para reclamar melloras laborais

Os paros desenvolveranse os días 10, 12, 16, 18, 23 e 25 de xuño e afectarán tanto ao persoal directo da empresa de Mos como ao contratado por ETT
Mos - 05 Xun 2026

A asemblea de persoas traballadoras de COPO Galicia, compañía do sector da automoción con sede en Mos, acordou convocar seis xornadas de folga no mes de xuño para reclamarlle á empresa que sente negociar un acordo para mellorar as condicións laborais e salariais. As folgas, que afectan tanto ao persoal contratado directo como ao de ETT, desenvolveranse os días 10, 12, 16, 18, 23 e 25 de xuño.

O persoal tomou esta decisión por unanimidade a proposta das tres delegadas de persoal, da CIG, despois dunha semana de mobilizacións diarias na que a dirección apenas convocou unha xuntanza para trasladar a súa rotunda negativa a negociar ningún tipo de melloras e a súa intención de continuar aplicando o convenio estatal da industria téxtil ás compañeiras do centro. Deste xeito, a empresa pretende perpetuar as peores condicións que padecen con respecto ao persoal do resto do grupo, que conta con convenios propios superiores.

Hai que lembrar que as traballadoras e traballadores de COPO Galicia teñen as condicións salariais máis baixas de toda a industria auxiliar da automoción en Galiza, e, tras anos de esforzo, compromiso e profesionalidade, defenden que “chegou o momento de avanzar nun pacto de empresa que dignifique os soldos e as condicións laborais” para deixar de ser “a filial de baixo custe do grupo”.

Entre as principais reivindicacións sociais cómpre destacar a necesidade de rachar co modelo actual de contratación baseado na precariedade e na temporalidade e que o persoal por ETT pase a estar contratado directamente pola empresa. A representación social subliña que COPO Galicia ten unha actividade estábel e continuada no tempo e “o persoal desta fábrica merece estabilidade, dereitos e un futuro”.

Xunto a isto, reclaman salarios decentes, pois na actualidade as retribucións do persoal sitúanse arredor de 10.000 euros/ano por debaixo da media do sector e aproximadamente 4.000 euros por debaixo da seguinte empresa na clasificación salarial. “Esta situación é inaceptábel nunha fábrica que forma parte da cadea produtiva da automoción e que esixe diariamente altos niveis de produtividade, calidade e responsabilidade ás persoas traballadoras”.

Esta pobreza salarial está estreitamente relacionada coa infravaloración histórica do traballo feminizado, pois aínda que as traballadoras desenvolven a súa actividade nunha fábrica de compoñentes para a automoción e realizan un labor especializado cosendo a máquina para marcas de luxo como Ferrari, continúaselles aplicando o convenio estatal da industria téxtil, perpetuando unhas condicións salariais moi inferiores ás existentes noutras empresas do sector industrial e da automoción.

“Non aceptamos que o valor do noso traballo sexa medido con criterios que contribúen a manter desigualdades históricas. O noso traballo ten o mesmo valor e merece o mesmo recoñecemento”, aseveran.

Por todo isto, a representación sindical fai un chamado ao cadro de persoal directo e contratado por ETT a secundar as folgas e a participar nas mobilizacións para lograr que a empresa mude a súa posición e avanzar nestas xustas reivindicacións.