Convocadas tres xornadas de folga en defensa do convenio das conservas de peixe

A última proposta do empresariado non garante o poder adquisitivo nin remata coa fenda salarial
Nacional - 29 Dec 2021

Os sindicatos maioritarios no sector das conservas de peixe -CIG, CCOO e UGT- acordaron convocar tres xornadas de folga en defensa do convenio colectivo estatal para os vindeiros días 21 de xaneiro e 3 e 4 de febreiro. Denuncian que a última proposta da patronal non garante o poder adquisitivo dos cadros de persoal nin remata coa fenda salarial entre mulleres e homes.

Segundo explican dende a FGAMT-CIG do Salnés, a decisión foi adoptada tras comprobar que as achegas do empresariado na última xuntanza celebrada este luns 27 non recollen as principais reivindicacións das persoas traballadoras do sector. Diante disto, as centrais máis representativas optaron por convocar tres días de folga de 24 horas. 

A proposta da patronal non contempla a revisión de soldos conforme ao IPC nin o cobro de atrasos

Nesa reunión a patronal propuxo un incremento salarial do 2,30% para 2021, do 3% para 2022, do 2% para 2023 e do 0,50% para 2024, subida que a CIG considera insuficiente xa que non se garante o poder adquisitivo ao non contemplar unha revisión conforme ao IPC nin o cobro de atrasos.

En canto á equiparación salarial dos grupos 5 e 6, pasouse de non contemplar ningunha subida adicional para a categoría de auxiliar a unha nova proposta de incremento adicional dun 0,2%. Para a CIG segue a ser insuficiente porque non remata coa fenda salarial entre as categorías ocupadas maioritariamente por mulleres (produción) e as dos homes (oficios varios).

Ampliación da xornada

No que ten que ver coa xornada, a patronal desiste da súa intención de ampliar a xornada de luns a domingo e tamén retira a proposta de que até un 75% do persoal puidera traballar os sábados até as 14:00 horas. Ademais, aceptou a proposta da CIG de eliminar que a non utilización dos EPI sexa considerada falta moi grave.

Tras a proposta da CIG de que o persoal teña unha licenza para acompañamento ao médico/a de crianzas e persoas maiores a cargo, a patronal accedeu a que as 16 horas médicas actuais se poidan usar tamén para este fin. Mais a central sindical insiste na necesidade de ampliar o tempo de acompañamento, así como que as licenzas teñen que comezar a computarse ao seguinte día laborábel ao feito causante.

Por todo isto, dende a central sindical anuncian que seguirán a traballar e a mobilizarse para conseguir un convenio que non supoña unha perda de poder adquisitivo e que mellore os dereitos laborais do persoal do sector.