Convocados varios días de folga en UNVI de Ourense polo bloqueo do convenio colectivo
O persoal da empresa do sector da automoción UNVI de Ourense, pertencente ao Grupo Pérez Rumbao e dedicada á fabricación de autobuses, está chamado á folga este xoves 27 de novembro e os vindeiros días 10 e 11 de decembro en resposta ao bloqueo das negociacións do convenio colectivo, xa que tras tres xuntanzas a dirección aínda non achegou ningunha proposta. Dende o comité de empresa, presidido pola CIG, denuncian tamén que a compañía pretende modificar o calendario laboral, que até o de agora permitía coller tres semanas de vacacións en agosto.
A representación sindical de UNVI (4 persoas delegadas da CIG, 3 da CUT e 2 da UGT) censura a actitude inmobilista da patronal e aposta pola mobilización para intentar desbloquear as negociacións. De xeito que ademais da xornada de paro de 24 horas que comeza esta madrugada (con piquetes informativos no polígono industrial de San Cibrao a partir das 5:00 horas) teñen convocada unha manifestación que arrincará dende a Casa Sindical ás 12:00 horas e que rematará na Subdelegación do Goberno.
Con estas medidas de presión, ademais de reclamar melloras laborais, queren amosar o seu rexeitamento á intención de UNVI de modificar o calendario laboral que até o de agora permitía coller tres semanas de vacacións no mes de agosto ao conxunto do cadro de persoal, algo que a empresa quere mudar.
Protesta conxunta co siderometal o sábado
Por outra banda, dende a CIG-Industria de Ourense anuncian a convocatoria dunha protesta este sábado 29 de novembro coincidindo coa celebración dun salón de vehículos de ocasión organizado polo Grupo Pérez Rumbao. Na concentración, que terá lugar nas inmediacións do establecemento de Leroy Merlín ás 11:30 horas, participarán tamén persoas traballadoras do sector do siderometal para reclamar un convenio colectivo provincial digno.