O comité de empresa de Concentrix vén de anunciar a convocatoria dunha xornada de folga e dúas mobilizacións para rexeitar o ERE que suporá o despido de 80 persoas que prestan servizo de atención ao usuario para Microsoft no centro de traballo da Coruña e denunciar a falta de alternativas reais da empresa e a actitude da dirección durante o período de consultas. O paro de 24 horas terá lugar o vindeiro día 15 de xullo, xornada na que se desenvolverá tamén unha concentración diante da Delegación do Goberno de 11:30 a 12:00 horas. Mentres que un día antes terá lugar unha mobilización ás portas da propia empresa, na rúa Newton, de 13:30 a 14:00 horas.
Dende a representación sindical (6 delegados/as da CIG, 3 da CGT, 2 de CCOO e 2 da UGT) explican que Concentrix é unha transnacional que no Estado español dá emprego a máis de 5000 persoas, atendendo o servizo de máis de 80 grandes empresas de sectores tan diversos como tecnolóxicas, financeiras, téxtil e automoción, entre outras, “tendo capacidade máis que suficiente para asumir e repartir as cargas de traballo e evitar a destrución de emprego”.
O ERE non é un feito illado nin unha decisión inevitábel, xa que forma parte dunha dinámica global de redución de persoal por parte de Microsoft
Ao tempo que denuncian que este ERE non é un feito illado nin unha decisión inevitábel, xa que forma parte dunha dinámica global de redución de persoal por parte de Microsoft e por tanto das compañías que lle prestan servizo, cun impacto directo tanto sobre o emprego como sobre a calidade da atención ás persoas usuarias, xa que Microsoft está derivando á autoxestión e a IA a resolución de incidencias, o que supón unha perda de calidade no servizo.
“A situación é aínda máis grave porque, no medio da negociación do ERE, Concentrix comunicou a perda doutro servizo diferente ao procedemento inicial, o que podería supor a destrución doutros 80 postos de traballo adicionais na Coruña. É dicir, a negociación iniciouse sobre un escenario que a propia empresa modifica sobre a marcha, deixando á parte social nunha situación de indefensión”, censuran.
Neste senso, consideran que a dirección non está a actuar coa boa fe esixíbel nun procedemento destas características: limita o crédito horario da representación social, demora a entrega de documentación esencial, non acredita esforzos reais de recolocación e non achega alternativas serias para evitar os despedimentos.
Ademais, durante a reunión do 6 de xullo, a propia empresa recoñeceu que no centro da Coruña non existen vacantes abertas nin previsión de novas incorporacións, mentres se fala de oportunidades noutros centros e campañas sen unha proposta real e concreta de recolocación para o persoal afectado.
Retirada do ERE
En consecuencia, esixen a retirada inmediata do ERE, a apertura dunha negociación real e a presentación dun plan de viabilidade que analice todas as alternativas posíbeis: recolocacións no grupo, teletraballo en campañas doutros centros e redistribución de cargas de traballo que garanta o mantemento da actividade na Coruña.
Finalmente, o comité de empresa chama o conxunto do cadro de persoal, as organizacións sociais e a cidadanía da Coruña a apoiar unhas mobilizacións que foron refrendadas nunha asemblea telemática na que participaron máis de 180 persoas traballadoras, “porque defender o emprego en Concentrix é tamén defender a permanencia de actividade produtiva na cidade, a calidade dos servizos de atención ao usuario e o dereito das persoas traballadoras a non seren tratadas como unha simple variable de axuste”.