Convocan folga en GRI Towers do Carballiño polos reiterados incumprimentos en materia laboral
O comité de empresa de GRI Towers Galicia, transnacional dedicada á fabricación de torres eólicas con sede no polígono da Uceira, no Carballiño, convoca seis xornadas de folga contra os reiterados incumprimentos da dirección no que ten que ver cos acordos acadados na mesa de negociación en materia de dereitos laborais e para reclamar que se paralice a externalización de produción a outras factorías.
A representación do cadro de persoal (4 delegados/as de CCOO, 4 da CSIF, 3 da CIG e 2 de UGT e) explica que a medida adoptouse tras constatar a dificultade para normalizar a negociación colectiva en materias de obrigada negociación como xornada de traballo, organización da produción, carga de traballo ou retribucións salariais.
Polo tanto, veñen de rexistrar a convocatoria de folga para os vindeiros días 9, 11, 16, 23, 25 e 30, unha vez que o 85% dos traballadores/as refrendou a proposta nas distintas asembleas celebradas nos últimos días en cada unha das quendas. Ao mesmo tempo, chaman a todos/as os empregados/as -por volta de 350- e ao conxunto da veciñanza da comarca a participar na manifestación que terá lugar no Carballiño o martes día 16. A marcha arrincará da Pista Roxa/Praza do Emigrante ás 11:30 horas e rematará na Praza Maior, diante do Concello.
Salientan que a empresa situada no polígono a Uceira constitúe un dos motores económicos e de emprego da comarca e fan fincapé en que o cadro de persoal e o comité están a defender a produción e a carga de traballo “e tamén a esixir e que a dirección respecte e cumpra os acordos acadados en materia de dereitos laborais”.