Convocan folga indefinida na recollida do lixo de Vigo pola intención da empresa de recortar dereitos

O comité de FCC denuncia o inmobilismo da dirección á hora de negociar o convenio colectivo
Vigo - 26 Xun 2018

O comité de FCC, concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Vigo, convocará folga indefinida a partir do vindeiro venres 13 de xullo para rexeitar a intención da empresa de aplicar unha serie de recortes en materia de dereitos sociais e denunciar o inmobilismo da dirección á hora de negociar o convenio colectivo.

O anuncio foi feito hoxe pola representación do persoal (CIG, USO e CCOO) na rolda de prensa celebrada nas instalacións da compañía na estrada de Camposancos. O presidente do comité, Rufino Santalices, da CIG, explicou durante a comparecencia que as negociación comezaron o pasado 5 de maior e que o desacordo entre as partes chegou tras sete xuntanzas xa que “cando dous negocian e un non quere poucas cousas se poden conseguir”.

Polo tanto, o pasado mércores optaron por levantarse da mesa e aproveitaron as catro asembleas informativas que xa estaban convocadas para trasladarlle aos traballadores/as o estado das conversas para analizar o novo escenario derivado do inmobilismo da dirección. “Explicámoslle o que estaba a suceder e propuxémoslle a posibilidade de convocar folga, proposta que saíu adiante por ampla maioría”.

Con todo, a representación sindical convocará unha nova asemblea conxunta este luns ás 22:00 horas para que a totalidade do persoal (uns 600 empregados/as) ratifique unha folga indefinida que comezará a partir das 6:00 horas do vindeiro venres 13 de xullo.

Principais atrancos

Entre as cuestións que imposibilitan un acordo que permita formalizar un novo convenio salientan a duración do mesmo, a suba salarial e os dereitos sociais. A empresa quere pactar un convenio a dous anos (o persoal insiste en asinalo a un ano) que contempla un incremento de soldos do 1% “pero a conta de conxelar a antigüidade, retirar os complementos de incapacidade temporal e restrinxir a certo persoal as melloras sociais das que agora gozan o conxunto dos traballadores/as”, aspecto este último que consideran moi grave. Pola súa banda, o persoal demanda unha suba de máis do 2%, “por riba do acordo de negociación colectiva que veñen de asinar os sindicatos estatais e a patronal”.

Nos dereitos que pretenden recortar inclúese o seguro de vida do que dispoñen todos os empregados/as, xa que a intención de FCC é que o persoal de fin de semana que teña que facer uso del o faga de xeito proporcional ao tempo traballado. “Isto significará que en caso de morte, por exemplo, esa morte custará menos se se trata dun destes/as traballadores/as”.

No que ten que ver coa axuda familiar por persoas con discapacidade ao cargo que contempla o actual convenio (fixada en 70 euros ao mes para o persoal de luns a venres), a pretensión da empresa pasa por reducila de xeito proporcional ao tempo traballado no caso do persoal de fin de semana, algo que dende o comité consideran “denigrante”. Isto, sumado ás reducións citadas anteriormente, provocará unha importante perda de dereitos e baixada salarial.

A dirección de FCC quere eliminar tamén a bolsa de emprego mediante a que o persoal de fin de semana cubre, en base á antigüidade, as baixas que se producen na empresa por xubilación, algo ao que tampouco están dispostos/as a renunciar.

“Nin un paso atrás”

Dende o comité de empresa quixeron deixar moi claro que non van dar “nin un paso atrás” na súa loita para evitar a perda de dereitos e reivindicar unhas condicións de traballo dignas, “máis tendo en conta que no pasado mes de abril incrementouse considerablemente o canon económico que o Concello lle paga á empresa”. Así, insistiron en que non están dispostos/as a perder dereitos salariais nin sociais “que tanto tempo e esforzo nos custou conseguir”.

Finalmente, dirixíronse ao conxunto da veciñanza para pedirlle desculpas polas molestias que a folga lle poderá ocasionar, “pero queremos que saiban que non temos máis remedio que convocala para defender as nosas condicións de traballo porque a empresa non nos deixa outra saída coa súa actitude”.