• Nova

Folga indefinida no almacén de Froiz en Pontevedra contra a modificación das condicións de traballo

A CIG e UGT opóñense aos cambios horarios que impedirían a conciliación laboral e familiar
Pontevedra - 08 Feb 2019

A maioría do comité de empresa de Distribuciones Froiz, plataforma loxística que a compañía de alimentación ten en Lourido (Poio), rexistrou hoxe a convocatoria de folga indefinida a partir do xoves 14 para rexeitar a modificación substancial das condicións de traballo que pretende impoñer a dirección. Dende a CIG e UGT opóñense aos cambios horarios plantexados pola empresa, que non tivo en conta as propostas aprobadas polos traballadores/as en asemblea, ao entender que son discriminatorios e impedirían conciliar a vida laboral e familiar.

Segundo explica o presidente do comité, Miguel Ángel Varela, da CIG, os cambios que quere introducir a dirección de Froiz chegan tras as denuncias e os requirimentos da Inspección de Traballo a raíz dos incumprimentos por parte da empresa non que ten que ver cos descansos semanais. “A dirección quere aproveitar para modificar os horarios do 50% do cadro de persoal, integrado por unhas 180 persoas, pero négase a pactar nada coa representación dos traballadores/as”, denuncia.

De feito, dende o comité remitíronlle até tres propostas que foron aprobadas polos empregados/as en asemblea, pero as tres foron desbotadas pola compañía. “No día de onte celebramos a cuarta xuntanza coa dirección, na que nos trasladaron unha proposta totalmente inasumíbel, por iso decidimos convocar a folga”. Entre outras cousas, a empresa pretende implantar diferentes horarios dentro da mesma semana (até catro horarios diferentes nalgún caso) e quere obrigar a traballar só tres horas algúns días, “cunha finalidade claramente represiva”.

Finalmente, o presidente do comité sinala que o que pretenden coa convocatoria de folga é que a empresa dea marcha atrás nas súas pretensións e que atenda as demandas do persoal ao que lle pretende modificar o horario. “O que queremos é evitar que se produza discriminación entre grupos de traballadores/as e garantir que se garanta a conciliación entre a vida laboral a familiar, algo moi complicado se se aplica a proposta da empresa”.