Convocan folga na recollida do lixo da Estrada para reclamar unhas condicións de traballo dignas

A CIG denuncia que Geseco, a empresa concesionaria, carece de convenio propio e que o servizo non foi adxudicado mediante concurso público
A Estrada - 12 Feb 2026

O cadro de persoal da recollida do lixo e limpeza viaria do Concello da Estrada decidiu en asemblea convocar tres xornadas de folga os días 16, 17 e 18 de febreiro, coincidindo co Entroido, para reclamar unhas condicións de traballo dignas. Dende a CIG-Servizos denuncian que Geseco, a empresa concesionaria, carece de convenio colectivo propio e que o servizo non foi adxudicado mediante concurso público tras a súa privatización hai sete anos.

Segundo explican na central sindical, as arredor de 20 persoas traballadoras de Geseco están reguladas polo convenio estatal, que contempla unhas condicións laborais “moi precarias” e que reserva a negociación de moitas materias aos convenios de empresa. “Por iso cando o ano pasado logramos o delegado de persoal comezamos a traballar na apertura dunha mesa de negociación para pactar un convenio propio”.

Dende entón producíronse varias xuntanzas, pero ante a negativa da empresa a contemplar unha serie de melloras, entre elas unha suba salarial xusta, o persoal apostou por iniciar mobilizacións. Este mesmo mediodía desenvolveron unha concentración ás portas do Concello ao berro de “Convenio digno, convenio xa”, Geseco culpable, Concello responsable” e “Concello, escoita, o lixo está en loita”. Ao remate anunciaron a convocatoria de folga para os días 16, 17 e 18 de febreiro, xornadas que aproveitarán tamén para desenvolver protestas diante do consistorio.

Ao mesmo tempo, na CIG lembran que o servizo de recollida do lixo e limpeza viaria atópase en fraude de lei, xa que foi adxudicado “a dedo” sen concurso público tras a súa privatización hai sete anos por parte do Goberno local do PP.