Convocan máis días de folga e unha manifestación para esixir un convenio xusto nas conservas de peixe

A marcha terá lugar en Boiro o vindeiro sábado 19 de febreiro e os paros os días 14, 16 e 18 de marzo
Nacional - 10 Feb 2022

Os sindicatos maioritarios no sector das conservas de peixe -CIG, CCOO e UGT- veñen de anunciar a convocatoria de novas mobilizacións para forzar a patronal a negociar un convenio colectivo xusto que permita unha suba de soldos digna e que remate coa fenda salarial entre homes e mulleres. Deste xeito, o vindeiro sábado 19 de febreiro celebrarán unha manifestación en Boiro ás 12:00 horas, mentres que para os días 14, 16 e 18 de marzo teñen fixadas tres xornadas de folga.

A decisión foi adoptada onte nunha xuntanza na que as tres centrais sindicais concretaron estas medidas de presión co obxectivo de facer posíbel que a patronal “reflexione” e se alcance un acordo “satisfactorio” para as persoas traballadoras do sector de conservas de peixe. 

Entre a data da manifestación e a folga terán lugar outras protestas

Ao mesmo tempo, acordaron que entre a manifestación do 19 de febreiro e o comezo dos días de folga, que arrancarán o 14 de marzo, promoverán outras protestas, entre as que salientan concentracións ás portas de supermercados.

Estas novas mobilizacións chegan despois dos tres exitosos días de folga que paralizaron o sector os pasados días 21 de xaneiro e 3 e 3 de febreiro, xornadas nas que tamén se celebraron multitudinarias manifestacións e concentracións en Vilagarcía, Vigo e Boiro, así como unha protesta diante de conservas Albo, en Celeiro (Viveiro).