Convocan novos paros en Citroën para esixir unha solución á sobrecarga de traballo en montaxe
Os traballadores/as da fábrica de PSA Peugeot Citroën en Vigo están chamados/as a unha nova xornada de paros da catro horas por quenda este mércores 21 (na de mañá, tarde e central) e o xoves 22 (quenda de noite) para reclamar unha solución á sobrecarga de traballo que padece o persoal da cadea de montaxe.
Despois do éxito da convocatoria do pasado xoves 16, na que os paros de dúas horas por quenda foron secundados polo 80% do cadro de persoal -o que provocou a paralización da actividade nas liñas de montaxe-, a planta viguesa de Citroën vivirá unha nova xornada de protestas para demandar un compromiso por escrito da dirección no que ten que ver coa aplicación de medidas para rematar con esta problemática.
Representantes da CIG, CCOO e UGT no comité compareceron hoxe en rolda de prensa para informar sobre os detalles dunha convocatoria que se desenvolverá este mércores 21 de 10:00 a 14:00 horas na quenda de mañá e na central; e de 18:00 a 22:00 horas na de tarde; mentres que na quenda de noite terá lugar o xoves 22 de 02:00 a 06:00 horas.
As centrais explicaron que ademais dunha solución para a sobrecarga de traballo en montaxe, que afecta sobre todo á liña 2, demandan que se contrate o persoal necesario e que se recuperen as actividades externalizadas. Ao mesmo tempo, denuncian os prexuízos físicos e mentais que esta sobrecarga está a provocar nos traballadores/as e o incremento das enfermidades derivadas da actividade laboral, así como un aumento do absentismo.
O representante da CIG, Manuel Domínguez, xa adiantara o pasado mércores 16 a posibilidade de convocar novas xornadas de folga se non se producían avances significativos, “porque non imos abandonar a reivindicación sobre o exceso de carga de traballo dos postos produtivos e que estes sexan realizábeis”, algo que finalmente non sucedeu.
De feito, as mobilizacións chegan tras de meses de conversas infrutuosas coa dirección, que malia apelar de xeito continuado ao diálogo, non puxo en marcha nin unha soa medida para corrixir este deterioro. Neste senso, Domínguez, valorou que a altísima participación que tiveron os primeiros paros demostra que o persoal non tolera máis esta situación e ten plena disposición a plantarlle cara á empresa para conseguir unha mellora nas súas condicións laborais.
Lembrou que as centrais sindicais levan advertindo á dirección sobre os problemas da excesiva carga de traballo dende que se levou a cabo a planificación dos postos na liña 2 de montaxe. “Os postos son irrealizábeis, a carga de traballo inasumíbel e a xente xa non dá máis”. Aínda que a sobrecarga afecta especialmente á liña 2, o representante sindical destacou que situacións similares se poderían dar noutras liñas de montaxe, polo que a folga parcial deste mércores implica a todo o persoal da planta viguesa.
Denuncias na Inspección de Traballo
Algúns dos problemas detectados, sinalou Domínguez, refírense ás deficiencias na configuración dos postos de traballo, que fan que non sexan realizábeis “sen andar a correr”, e nos útiles cos que teñen que desenvolver o seu traballo; tamén o feito de que as cargas de traballo estean por riba do tempo do pase de cada coche; a externalización continua de operacións; alteracións da velocidade; a falta dun mapa dos postos que requiren de esixencia física importante en membros do corpo; así como a ausencia dun tope máximo de cargas para postos ocupados por persoal con limitacións.
Entre as medidas adoptadas pola CIG, CCOO e UGT neste tempo inclúense visitas ao taller co responsábel de fabricación para que comprobara o deterioro no que moitos traballadores/as teñen que afrontar os seus postos; denuncias na comisión paritaria de tempos e rendementos; e elaboración dun estudo detallado posto por posto e doutro no que cada responsábel de unidade participou achegando as súas necesidades.
Tamén enviaron escritos reclamando compromisos e solucións por parte da dirección de montaxe, do departamento de recursos humanos e do director da planta; denunciaron diante do departamento de prevención a situación do persoal con limitacións, para o que solicitaron medidas urxentes; e comunicáronlle á Inspección de Traballo o que está a padecer o persoal de montaxe “para que tome cartas no asunto antes de que estes/as empregados/as sufran problemas de saúde”.