Convocan paros na recollida do lixo de Vilagarcía para reclamar un convenio digno

Desenvolveranse os vindeiros tres venres de 13:30 a 14:00 na quenda de mañá, de 14:00 a 14:30 na de tarde e de 23:00 a 23:30 horas na de noite
Vilagarcía - 14 Xul 2023

O cadro de persoal de Urbaser, concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria do Concello de Vilagarcía, anunciou hoxe durante a concentración celebrada ás portas do consistorio a convocatoria de paros de media hora en cada unha das tres quendas de traballo os tres vindeiros venres para reclamar a negociación dun convenio colectivo digno.

Os traballadores/as comezaron o pasado venres día 7 un calendario de mobilizacións para reclamar a renovación do convenio colectivo, que leva caducado dende decembro de 2021. As protestas continuaron hoxe diante do Concello ao berro de “convenio digno, salarios xustos”.

Dende a representación da CIG na empresa explican que unha vez se produciu o cambio da adxudicataria do servizo hai dous meses puxéronse en contacto coa dirección da compañía para trasladarlle a necesidade de renovar o convenio, “pero néganse a negociar até despois do verán, sen ter en conta que arrastramos unha situación de precariedade dende hai anos, cunha perda de poder adquisitivo de preto do 18%”.

En consecuencia, o cadro de persoal non está disposto a agardar máis e optou por iniciar un calendario e mobilizacións, “nun primeiro momento fóra do noso horario laboral para non prexudicar a veciñanza”, que agora se desenvolverán durante media hora en cada unha das tres quendas de traballo: de 13:30 a 14:00 na de mañá, de 14:00 a 14:30 na de tarde e de 23:00 a 23:30 horas na de noite. Tras a protesta do venres pasado a empresa convocou a representación sindical a unha primeira xuntanza, que terá lugar o vindeiro martes 18.