• Nova

Convocan unha manifestación para esixir o desbloqueo das negociacións do convenio do siderometal ourensán

A CIG e CCOO veñen de anunciar o inicio dunha campaña de mobilizacións conxuntas
Ourense - 13 Xul 2022

A CIG e CCOO anunciaron hoxe en rolda de prensa o inicio dun proceso de mobilizacións conxuntas ante o bloqueo patronal da negociación do convenio colectivo do siderometal da provincia de Ourense. A primeira protesta consistirá nunha manifestación que percorrerá as rúas da cidade este xoves día 14 ás 20:00 horas, con saída dende a rúa Diagonal (Xoán XXIII).

Dende as centrais sindicais lembran que o convenio do siderometal de Ourense afecta a preto de 4000 traballadores e traballadoras, e a día de hoxe a negociación está bloqueada despois de que por parte da patronal se puxera enriba da mesa unha proposta pechada e non negociábel, pola que o persoal asumiría unha perda salarial do 6,7% a día de hoxe, sen cláusula de revisión. “Ultimato e proposta que os dous sindicais rexeitamos”, sinalaron na comparecencia diante dos medios de comunicación.

Ao meso tempo, indicaron que a suba “disparada” dos prezos, sen que soban os salarios, supón un recorte sen precedentes,” polo que a CIG e CCOO temos pactado un calendario de mobilización que comezará este mes de xullo, pero que continuará no mes de setembro no que sen dúbida será un outono quente”.