A CIG mobilizarase pola negociación dun acordo de condicións laborais para o persoal non docente de Educación
O vindeiro martes, 17 de marzo, ás 11:00h, a CIG-Autonómica ten convocada unha concentración diante da Consellaría de Educación para instar, unha vez máis, á negociación dun acordo de condicións de traballo para o persoal de administración e servizos dos centros educativos da Xunta de Galiza.
Durante a mobilización farase tamén entrega das sinaturas recollidas nestes meses nos centros de toda Galiza para reclamar a regulación dos dereitos laborais deste persoal.
A CIG lembra que máis de 3.000 compañeiros e compañeiras quedaron sen regulación específica tras o proceso de funcionarización, ao quedar fóra do V Convenio Colectivo Único ao mudar de réxime xurídico.
A administración xa negociou acordos para outros colectivos que tamén prestan un servizo específico, como o persoal dos centros de Política Social ou o persoal do servizo de incendios, pero a Consellaría de Educación “continúa a resistirse a abrir unha mesa de negociación, ignorando unha vez máis o persoal non docente dos seus centros”.