A CIG convoca 20 mobilizacións este 1º de Maio pola paz, contra o imperialismo e para reclamar traballo digno e dereitos
A CIG convoca 20 mobilizacións noutras tantas localidades neste Primeiro de Maio, Día internacional da clase traballadora, baixo o lema “Contra o imperialismo, paz e soberanía. Na Galiza, traballo digno e dereitos”. A central nacionalista fai un chamado a converter esta día nunha xornada de loita e mobilización para avanzar en dereitos, exixir dos gobernos políticas alternativas e da patronal xustiza social, mais tamén polo respecto a poder exercer a plena soberanía, o dereito de autodeterminación e a capacidade de decidir libremente.
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que compareceu en rolda de prensa acompañado da secretaria confederal de Organización, Susana Méndez, advertiu contra a aposta da guerra que fai o capitalismo neoliberal, “o imperialismo dirixido polos Estados Unidos coa subordinación da UE”, e rexeitou as ordes de incremento do gasto militar aos Estados que integran a OTAN “para alimentar a maquinaria de agresión aos pobos, que se suman ás coñecidas invasións militares baixo a bandeira de accións humanitarias”.
Como exemplo desta maquinaria expuxo o xenocidio do pobo palestino por Israel, as ameazas a Grenlandia, as agresións sobre Venezuela, Irán, Líbano ou o reforzo do criminal bloqueo a Cuba. Carril salientou a incoherencia de berrar “non á guerra” e “aumentar sen parar o gasto militar ou facer apoloxía do militarismo e dos desfiles militares”, como o previsto para o 30 de maio en Vigo. Neste senso, chamou a participar na mobilización convocada pola Plataforma Galiza pola Paz para ese día na cidade olívica, con saída ás 12 dende Vía Norte.
Criticou que no contexto de medre descontrolado dos prezos pola guerra en Irán, no Estado español se destinen “máis millóns de euros a gasto militar que ás medidas para facer fronte ás consecuencias económicas e sociais desta guerra”. O secretario xeral da CIG incidiu en que non se pode repetir unha situación como a acontecida ao inicio da guerra da Ucraína, cos custos de bens e servizos básicos desbocados. “As grandes compañías enerxéticas e do comercio da alimentación seguen batendo récords de ganancias mentres o acceso á cesta da compra e á vivenda son cada día misión imposíbel de resultado incerto”, denunciou.
Cómpre un plan de choque contra a carestía
Esta carestía que incrementa o risco de pobreza, dáse ademais nunha realidade marcada pola extensión da precariedade laboral, do traballo a tempo parcial, dos contratos fixos descontinuos, e da temporalidade, “por causa das reformas laborais do actual Goberno español e do anterior do PP. Non pode ser que o pobo e as clases traballadoras sexamos quen paguemos a guerra”, aseverou Carril.
Fronte a isto, demandou aos gobernos a posta en marcha dun verdadeiro plan de choque con medidas básicas para que se garanta o mantemento do poder adquisitivo dos salarios; elevar o Salario Mínimo Interprofesional até os 1.374,74 euros mensuais, acadando así o 60% do salario medio no Estado español, tal e como recomenda a Carta Social Europea; que se elimine o IPREM como indicador de referencia público e que este pase a ser o SMI; así como probar unha Renda de inserción laboral e social, en substitución do IMV, na contía do salario mínimo. Isto, apuntou Carril, sen deixar de lado a necesaria intensificación do conflito na negociación colectiva ante a patronal.
Xunto a isto, demandou que, durante os anos 2026 e 2027, se garanta a prohibición dos desafiuzamentos, a conxelación das cláusulas de actualización das rendas do alugueiro en todos os conceptos e das hipotecas variábeis e que non se apliquen as subas de xuros. En paralelo, a posta a disposición de todas as vivendas da SAREB e un programa especial de axudas conforme a criterios de renda para as unidades familiares con dificultades.
O secretario xeral tamén reclamou medidas de acceso aos combustíbeis fixando prezos máximos da gasolina e do diésel (con referencia aos existentes antes do 28 de febreiro), garantir a mobilidade con accións de reforzo das liñas e horarios do transporte público, camiñar á gratuidade total nos servizos de proximidade, tanto en tren como en autobús, e ampliar ao 50% dos descontos nos desprazamentos de longa distancia.
Poñer a enerxía ao servizo do pobo
Carril incidiu na necesidade de poñer a enerxía ao servizo do pobo “porque a descarbonización da economía e o desenvolvemento de renovábeis non está sendo xusto nin social nin territorialmente. En Galiza espolian os nosos recursos e pagamos igual de cara a factura eléctrica”, criticou. Por iso, no camiño de avanzar cara á soberanía enerxética, reivindicou que revertan ao público os saltos de auga do Tambre (con expediente de extinción da concesión aberto) e que estes aproveitamentos hidroeléctricos sirvan de base para botar a andar unha empresa pública galega de enerxía.
“Cómpre que Galiza pase de ser exportadora de electricidade a ser exportadora dos bens e produtos que se fabrican con esa electricidade. A nosa capacidade de produción eléctrica ten que estar ao servizo do noso desenvolvemento económico e social, da creación de emprego e ten que servir para abaratar o custe da factura ás industrias e aos fogares”, aseverou.
Doutra banda, Carril defendeu unha intervención e control públicos que garantan prezos populares en produtos básicos de alimentación, con prezos xustos para quen produce, e actuar de forma decidida sobre as empresas que especulan co mercado dos alimentos, de forma especial sobre os grandes operadores do comercio de alimentación.
Mobilización e compromiso
Ás portas dun novo Primeiro de Maio, o secretario xeral da CIG, rematou lanzando un chamamento á mobilización e ao compromiso nos centos de traballo e nas rúas “para gañar as loitas que temos por diante para irmos construíndo poder popular co que avanzar en dereitos ante a patronal e os gobernos”. Aí están as folgas da Atención Primaria, do ensino público, do comercio téxtil en defensa dos convenios provinciais fronte á negociación estatal que pretende a patronal ARTE, ou a convocatoria de folga no metal de Pontevedra por un convenio digno, etc.
Pero a través da mobilización, tamén hai que dar resposta a campaña do Goberno do PP na Xunta para responsabilizar a clase traballadora das baixas laborais, criminalizando as ausencias e buscando culpabilizar as persoas por enfermar, para seguir recortando dereitos, afianzando as competencias das mutuas e a privatización da sanidade pública. “Porque a saúde é un dereito e enfermar non é delito”, concluíu.
HORAS E LUGARES DAS MOBILIZACIÓNS:
- Vigo: ás 12 horas, no Cruce da Dobrada. Esta manifestación ten carácter central.
- A Coruña: ás 12 horas, na Praza de Vigo
- Ferrol: ás 12 horas, no Local Sindical (Avd., do Esteiro)
- Lugo: ás 12:00 horas, desde Edificio Sindical (Rda Muralla).
- Ourense: ás 11:30 horas, na Praza Maior.
- Pontevedra: ás 12 horas, en Pasantería.
- Santiago de Compostela: ás 12 horas, na Praza Roxa.
- A Estrada: ás 12 horas, na Praza do Mercado.
- A Guarda: ás 12:00 horas, na Praza Avelino Vicente.
- As Pontes: ás 12:00 horas, na Praza de América.
- Cangas: ás 18:00 horas, desde o Concello.
- Carballo: 12:00 horas, na Praza do Concello.
- Cee: ás 12:00 horas, na Praza de Otero Lastres.
- Foz: ás 12:00 horas, desde a Praza de Galiza.
- Monforte: ás 12:00 horas, na Praza de España.
- O Porriño: ás 12:00 horas, na Praza do Concello.
- Ribeira: ás 12:00 horas, no Mercado Municipal.
- Verín: ás 12:00 hroas, na Praza do Concello.
- Vilagarcía: ás 11:30, na Avda da Mariña.
- Vilamartín de Valdeorras: ás 12:00 horas, na Praza José Luís Núñez.