COP28: A miraxe de que o capitalismo poida solucionar a súa destrución

Andy Higginbottom - 04 Dec 2023

Baixo as relacións de produción capitalistas, é dicir, imperialistas, o reto de poñer fin á catástrofe climática é imposíbel. Dado o moito que as nosas sociedades dependen xa dos combustíbeis fósiles, construír un sistema socialista equitativo e ecoloxicamente sustentábel partindo da base material existente será un reto inmenso. Unha cousa está clara, salvar a vida na Terra significa que temos que destruír o imperialismo capitalista

 As miraxes no deserto ocorren cando o aire quente desvía a luz de tal xeito que actúa como un espello, invertendo a realidade. O efecto delirante da miraxe é que hai unha poza de auga que brilla ao lonxe. A sede desesperada impulsa o viaxeiro cara á miraxe. Mais vaise afastando cada vez máis, ata que o viaxeiro exhausto cae ao chan e morre, cruelmente torturado polo engano. A miraxe é unha verdadeira ilusión.

 A cimeira COP28 que terá lugar en Dubai, Emiratos Árabes Unidos, do 30 de novembro ao 12 de decembro é unha ilusión colosal, unha miraxe no deserto. Certamente, haberá moito aire quente. O efecto ilusorio é que o sistema capitalista é capaz de se reformar dabondo como para evitar unha catástrofe climática global, mesmo cando toda a evidencia apunta cara a unha conclusión oposta.

 Entre a gran cantidade de informes publicados en vésperas da cimeira, salienta a crúa mensaxe do último informe do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente: coas políticas actuais, o máis probábel é que o planeta se quente unha media duns 2,9°C este século, e só hai unha pequena posibilidade de limitar o quecemento un 1,5°C. O Informe sobre a fenda de emisións 2023 do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), “Récord superado: as temperaturas alcanzan novos máximos, e o mundo non logra reducir as emisións (outra vez)”, é mesmo máis grave que todas as demais advertencias da corrente científica dominante(1).

A ciencia e a experiencia coinciden: a catástrofe ambiental paira sobre nós

 Na COP28 farase balance, a culminación de oito anos de hipocrisía e acordos sucios desde que se fixaron os obxectivos de 1,5 °C e 2,0 °C na COP de París de 2015. Pero París foi en si mesmo un compromiso máis aló do límite seguro de 1 °C que propuxo Evo Morales de Bolivia na COP de Copenhague en 2009, pero que rexeitaron as principais potencias capitalistas(2).

 Desde aquela, o planeta xa excedeu o límite de seguridade, estamos na zona de perigo en moitos sentidos(3). A COP28 é unha gran mostra de preocupación que xerará falsas esperanzas nas capacidades do sistema actual xusto no momento en que o que se necesita é unha revolución do pensamento e da acción.

 A catástrofe que se aveciña ten unha cadea causal física que vai desde a queima de combustíbeis fósiles á emisión de gases de efecto invernadoiro (GEI), pasando polo quecemento da superficie do planeta e os impactos ambientais multitudinarios, solapados e acelerados(4). Un problema desta magnitude debe abordarse desde todos os ángulos posíbel, pero hai un punto de inflexión ineludíbel: se non se produce unha redución inmediata e xeneralizada da combustión de combustíbeis fósiles, todas as demais solucións propostas fracasarán.

As emisións acumuladas xa poñen o mundo en perigo

 A menos que se reduza drasticamente a produción actual, o mundo xa superou a "ración de carbono" [carbon budget] das emisións acumuladas de gases de efecto invernadoiro (GEI), que limitaría o quecemento global a 1,5 °C, e está a piques de pasar o límite para se achegar aos 2 °C. Segundo o PNUMA: "o carbón, o petróleo e o gas extraídos durante a vida útil das minas e xacementos en produción e en construción en 2018 emitirían máis de 3,5 veces a ración de carbono dispoñíbel para limitar o quecemento a 1,5 °C cunha probabilidade do 50%, e case o tamaño do orzamento dispoñible para 2 °C"(5).

Figura 1. Emisións de CO Emisións de CO2 comprometidas das infraestruturas de combustíbeis fósiles existentes comparadas coas racións de carbono que reflicten o obxectivo de temperatura a longo prazo do Acordo de París.

Fonte: PNUMA (2023) Emissions Gap Report, p35.

 A razón de ser dos combustíbeis fósiles é que arden, desprenden a súa enerxía calorífica almacenada, está na súa natureza. Unha humanidade ambientalmente racional limitaría o seu uso en condicións controladas. No sistema capitalista, os combustíbeis fósiles seguen a ser moi rendíbeis para extraer e procesar como mercadorías, e utilízanse de forma rendíbel como insumos para moitos procesos industriais, así como para a combustión final. A enerxía fósil barata está arraigada no modo de vida capitalista, sobre todo no consumo de luxo descarado dos superricos, pero tamén en certa medida por poboacións máis amplas privilexiadas por ter modos de vida imperialistas, e ademais con contradicións aínda maiores para a masa da humanidade traballadora no Mundo Maioritario (Sur Global)(6).

 O que se coñecer por "civilización" capitalista funciona a base de liberar carbono fosilizado, especialmente no transporte, a calefacción e, cada vez máis, na petroquímica(7). As corporacións e os Estados capitalistas construídos ao redor da rendibilidade como o seu carácter esencial determinante non renunciarán voluntariamente aos seus beneficios excedentes obtidos dos combustíbeis fósiles.

 O obxectivo é limitar o aumento da temperatura media mundial por riba das temperaturas preindustriais. Hai dous aspectos a ter en conta sobre a media. En primeiro lugar, a media no tempo, xa que a cifra obxectivo se calcula ao longo dunha década ou máis. Pero nun mes determinado pode haber un aumento considerábel, como en setembro e outubro de 2023, onde as subas foron de 1,8 °C e 1,7 °C respectivamente(8), aínda que a media suavizada a máis longo prazo considérase aínda 1,2 °C por riba do nivel preindustrial.

 En segundo lugar, a media calcúlase sobre a superficie do planeta. Con 1,1°C, a temperatura media dos océanos está 0,9°C por riba, mentres que as masas terrestres están 1,4°C por riba dos niveis preindustriais. As flutuacións rexionais das condicións meteorolóxicas fan que as temperaturas suban aínda máis, con resultados catastróficos, como na India, o sur de Europa, o norte de América a principios deste ano e Brasil nestes momentos(10). Algunhas zonas do Ártico están a quentarse sete veces máis rápido que a media mundial, ameazando cun punto de inflexión de derretemento acelerado dos casquetes polares, o que elevaría o nivel do mar en todo o mundo(11).

 A nivel local, dentro das cidades, as diferenzas extremas de temperatura ambiente débense ás desigualdades de clase, como en Bombai, onde os habitantes das chabolas de Dharavi sofren 6 °C máis de calor que os do barrio rico veciño(12). A Organización Meteorolóxica Mundial sinala que a maioría dos servizos sanitarios son inadecuados para facer fronte ao quecemento global. "Entre 2000 e 2019, as mortes estimadas debidas á calor foron aproximadamente 489.000 ao ano"; polo tanto, morreron dez millóns de persoas nese período(13).

Son os beneficios, estúpido!

 O tempo esgotouse, pero o perverso espectáculo das reunións anuais da COP segue o seu curso. A pesar da abafadora evidencia que teñen ante si os gobernos nacionais do mundo reunidos na COP28, aínda os seus manexos significan que esta urxencia se obviará e perderá, e as drásticas medidas que se requiren serán unha vez máis postergadas.

 Que solucións se propoñen? A Axencia Internacional da Enerxía (AIE) foi creada polo club de países ricos da OCDE para coordinar as súas políticas tras a primeira suba do prezo do petróleo en 1973. A AIE defende o paso ás fontes de enerxía renovábeis (eólica e solar) co argumento de que os seus custos de produción baixaron rapidamente e agora son comparábeis ao custo dun quilowatt hora (kWh) de electricidade producida por combustíbeis fósiles(14).

 Esta confianza no mercado está fóra de lugar, o ton autoritario da AIE agochan que as súas proxeccións carecen de base e que se esvaecerán ao primeiro sopro de interese propio capitalista. Como sosteñen Brett Christophers e outros, a formulación "centrada nos custos" da AIE pasa por alto o esencial: o que importa aos investidores capitalistas son os beneficios que se obteñan. "Para entender a economía da transición enerxética, deberiamos adoptar unha perspectiva "centrada nos beneficios", en lugar dunha centrada nos custos". As taxas internas de rendibilidade (TIR) son os beneficios ao longo do tempo menos o custo de financiamento, utilizadas polas empresas para avaliar os proxectos de investimento. Fundamentalmente, as TIR dos proxectos de hidrocarburos sitúanse "en torno ao 15% ou 20%, ou máis", mentres que "as TIR típicas das enerxías renovábeis se sitúan hoxe en torno ao 5% ou 6%"(15), aínda que as grandes petroleiras cren que poden facelo mellor que as actuais empresas de renovábeis e elevar a rendibilidade a preto do 10%. De feito, unha rendibilidade do 10% é a media recente do capital das empresas británicas(16).

 A produción de hidrocarburos xera unha rendibilidade moi superior á media, polo menos o dobre que as renovábeis. Hai debate respecto diso: McKinsey informa de que as TIR medias dos hidrocarburos upstream diminuirán de 2010 a 2020 en torno ao 25%(17); a AIE é máis optimista a favor das renovábeis, argumentando que "os proxectos de petróleo e gas producen actualmente rendementos do investimento lixeiramente superiores, pero eses rendementos son menos estábeis"(18).

 Con todo, as grandes petroleiras seguen a aumentar a súa produción coa esperanza de obter uns beneficios superiores á media. Shell, con sede no Reino Unido, espera unha TIR do 30% na súa expansión de zonas industriais abandonadas no Golfo de México(19). Os rendementos esperados por BP dos investimentos en enerxías renovábeis sitúanse entre o 6% e o 8%, mentres que o seu limiar mínimo para investir en novos proxectos de petróleo e gas é do 15% ao 20%, o cal é conservador, xa que supón que o cru se venderá a 60 dólares o barril; a 70 dólares o barril, a taxa de rendemento situaríase entre o 20% e o 25%(20). BP declarara en 2019 que reduciría a produción de hidrocarburos nun 40% para 2030, pero este obxectivo reduciuse posteriormente a un recorte do 25%, que segue sen gustar aos accionistas e que, en calquera caso, non se está cumprindo. Só nas súas mensaxes BP é un caso atípico entre as grandes petroleiras.

 En outubro de 2023, os dous xigantes estadounidenses ExxonMobil e Chevron compraron outras empresas en megaoperacións para aumentar considerabelmente as súas capacidades de produción a 5,1 millóns de barrís de petróleo ao día (mb/d) e 4,4 mb/d respectivamente(21). Exxon está a se introducir agora na minaría do litio porque "os beneficios dos proxectos de litio tamén son superiores aos das enerxías renovábeis e están máis en liña cos do petróleo e o gas"(22).

Escenarios contrapostos da demanda de petróleo e gas

 Gran parte do debate céntrase nas diferentes proxeccións de demanda de petróleo para os próximos trinta anos. O Financial Times pregúntase se alcanzaremos o tan cacarexado "pico do petróleo" nesta década. Empezarán entón a producir efecto as políticas de transición ecolóxica e a produción de petróleo diminuirá significativamente até 2050? Ou aumentará realmente a demanda e seguirá crecendo a produción rendíbel? Ou, finalmente, estancarase a produción de petróleo e gas xusto por riba dos niveis actuais? A última opción é cada vez máis probábel, non só porque é o escenario intermedio, senón porque o cambio radical no sistema mundial actual non se está producindo. O FT conclúe que todo isto configura "unha era de incerteza enerxética"(23).

 Para poñelo de relevo, comparemos as proxeccións da AIE coas do grupo de produtores de petróleo OPEP. A AIE sinala tres escenarios, similares ao estudo científico de referencia do IPCC e a moitos outros informes. No seu escenario de políticas declaradas, a AIE prevé que a produción de petróleo aumente arredor dun 5% até alcanzar un máximo de 99 mb/d en 2030 e, a partir de aí, descenda lixeiramente até situarse aproximadamente no mesmo nivel actual. Neste escenario, os prezos do petróleo mantéñense en 85 dólares o barril. O escenario para alcanzar o cero neto en 2050 requiriría xa en 2030 unha redución drástica da produción mundial de petróleo e unha caída (moi improbábel) do prezo a só 40 dólares o barril, co resultado de que "os produtores de alto custo se vexan expulsados do mercado"(24). Cómpre salientar que, neste escenario, o 90% do petróleo mundial procedería dos produtores de baixo custo de Oriente Medio.

Figura 2. Custos de produción de petróleo no escenario NZE e caso de preferencia de custos 2030.

Fonte: AIE (2023) The Oil and Gas Industry in Net Zero Transitions.

 A senda do cero neto é o camiño necesario para salvar o planeta, pero é un contrafáctico completamente irreal dentro do modo de produción capitalista. A AIE introduce un terceiro escenario, a medio camiño entre os dous, pero que segue exixindo un programa mundial de reformas radicais moito máis alá do que se ofrece na COP28.

 Noutro informe da mesma organización, a AIE prevé un aumento da demanda de 6 mb/d, de 99 mb/d en 2023 a 106 mb/d en 2028, o 90% dos cales procederán da rexión de Asia-Pacífico, concluíndo que "aínda que se albisca un pico de demanda de petróleo, o aumento continuado das materias primas petroquímicas e das viaxes en avión significa que o consumo global segue crecendo ao longo da previsión"(25).

 Os escenarios máis optimistas da AIE axústanse á súa posición de reforma ilustrada por interese propio dentro do establishment. A súa estratexia consiste en instar o capitalismo corporativo a facer o correcto. As multinacionais da enerxía ocupan un lugar central na súa estratexia de transición. E, con todo, non se prestan a iso. Isto levou o director da AIE, Fatih Birol, a se queixar de que "as empresas petroleiras e de gas gastan ao redor do 2,5% do seu capital en tecnoloxías de enerxías limpas, como as renovábeis e a recarga de vehículos eléctricos, fronte ao 97,5% en áreas de negocio tradicionais"(26).

 A OPEP é máis franca en canto ás continuas oportunidades de beneficio para os produtores de hidrocarburos; prevé que a demanda de petróleo aumente significativamente a curto prazo, pasando do nivel de 2022 de 91 mb/d a 102 mb/d en 2030, e logo continúe con lixeiros incrementos anuais, até 106 mb/d en 2045. A OPEP estima que a produción de gas aumentará considerabelmente, de 67 a 87 mb/d (barrís equivalentes de petróleo ao día), e prevé un descenso significativo da produción de carbón, de 76 a 54 mb/d. A OPEP predí que, en conxunto, a produción de combustíbeis fósiles aumentará de 234 mboe/d en 2022 a 248 mboe/d en 2045.

 Na actualidade, as enerxías renovábeis eólica e solar fornecen só 8 mboe/d, menos do 3% da subministración total de enerxía primaria; cun rápido crecemento alcanzarían o 12% da subministración mundial de enerxía en 2045. A proporción de combustíbeis fósiles na subministración total é actualmente de algo máis do 80%, e na predición da OPEP redúcese ao 69% en 2045; o resto procede da enerxía nuclear, hidroeléctrica e da biomasa. A OPEP prevé que a cota de todas as enerxías renovábeis, incluídas a hidráulica e a biomasa, aumente do 15% ao 23% de toda a enerxía primaria en 2045(27).

 A grandes trazos, a rápida expansión das enerxías renovábeis parte dun punto moi baixo e, no mellor dos casos, apenas vai chegar para satisfacer a crecente demanda. Iso deixa a produción continuada de combustíbeis fósiles nos niveis actuais ou xusto por riba deles. O peso dos combustíbeis fósiles diminuiría entón en termos relativos, pero probabelmente non de forma absoluta. É dicir, o ritmo actual de emisións de GEI procedentes da queima de combustíbeis fósiles manterase nos niveis actuais ou tenderá a aumentar. Con todo, repetindo o obvio, xa estamos no límite de seguridade das emisións acumuladas, ou mesmo estamos a excedelo.

 A rendibilidade é o vector cardinal que está a levar o mundo cara á catástrofe. Os beneficios dependen da diferenza entre os custos de explotación e os prezos das materias primas no mercado mundial. As previsións de beneficios globais de BP baséanse nun prezo estimado de 70 dólares o barril de cru en 2030, e Shell é un pouco máis conservadora, con 65 dólares o barril máis aló de 2026(28). Estas empresas deciden ampliar a produción a custos de equilibrio de 30-40 dólares o barril, é dicir, cunha marxe de beneficios de 35 dólares ou máis o barril. Con estas marxes seguirán ampliando a produción e obtendo enormes beneficios.

 Non só as grandes corporacións occidentais, senón tamén as grandes corporacións petroleiras estatais de Oriente Medio (Asia Occidental) están a seguir o camiño da expansión da demanda de combustíbeis fósiles que manterán os prezos cerca do rango actual de 75-80 dólares, e por tanto aumentarán a produción con beneficios aínda maiores, xa que producen a menos de 10 dólares o barril. Andreas Malm sinala que a saudita Aramco obtivo máis beneficios en 2022 que ningunha outra empresa en toda a súa historia, e sen dúbida ten razón ao afirmar que os centros do capitalismo mundial xa decidiron que o mundo se vai quentar até alcanzar o catastrófico aumento térmico de 3 ºC, e agora están decididos a manexar a narrativa con afirmacións tendenciosas de futuros arranxos técnicos para devolver o planeta a 1,5 ºC. Malm argumenta que o feito de non cambiar ás enerxías renovábeis é unha protección capitalista da súa propiedade privada, en particular dos custos irrecuperábeis dos activos de hidrocarburos e das infraestruturas construídas ao redor deles que corren o risco de deixar de ser rendíbeis, os chamados "activos varados"(29).

Activos varados ou un sistema en quebra?

 O risco de activos varados utilizouse para presionar as finanzas para que abandonen os hidrocarburos.

Figura 3. Iniciativa Carbon Tracker.

Fonte da imaxe: The Climate Alliance, "Stranded assets in the fossil fuel industry and why they are important", 1 de abril de 2016.

 Como mostra o gráfico, a Carbon Tracker Initiative advirte de que "as empresas de combustíbeis fósiles corren o risco de destruír a rendibilidade dos investidores". O problema é que as realidades climáticas están subordinadas aos mercados de capitais, non ao revés, e as ilusións non cambiarán iso. Este é realmente o quid da cuestión.

 O problema é que as grandes multinacionais do carbono e os fondos de activos que as apoian non están a morder o anzol. Como vimos, aínda que as petroleiras aumentaron algo o seu investimento en enerxías renovábeis, isto segue a ser só nas marxes, deixando os hidrocarburos en máis do 97% da súa produción.

 O problema é que os grandes bancos e xestores de activos están a investir enormes fondos na extracción de combustíbeis fósiles, están "a apostar polo caos climático", por valor de "5,5 billóns de dólares nos sete anos transcorridos desde a adopción do Acordo de París"(31). O efecto contrarrestante de cambiar o investimento a través das finanzas éticas e verdes está sobrevalorado. Segundo un estudo recente, menos do 5% do capital financeiro colocado en fondos ambientais, sociais e de gobernanza (ESG) é realmente coherente con 1,5°C(32).

 Os produtores de combustíbeis fósiles están a ampliar a produción, a pesar das reclamacións e promesas, sobre o seu cálculo de beneficios futuros. Só en América Canadá incumpriu todos e cada un dos obxectivos de redución de emisións desde que se abriron as areas bituminosas(33); nos Estados Unidos, o rápido desenvolvemento do xacemento do Permiano e a fracturación hidráulica convertérono no maior produtor do mundo; e en México, Güiana, Surinam, Brasil e Arxentina están a explotarse enormes xacementos nas profundidades do océano atlántico(34).

Non hai un COP bo, todo é COP malo.

 Se pensan que esta versión do capitalismo é mala, esperen a ver a seguinte. Os grupos centrais do capitalismo mundial están encamiñados cara a un aumento medio de 2,9°C para 2100. Todo irá a peor.

 Existe unha polarización cada vez máis fonda na política de masas dentro dos países industrializados ricos, cuxas poboacións están socializadas en modos de consumo imperiais, pero polo menos cunha minoría consciente que agora emprende accións militantes para salvar o planeta; a polarización entre países que parte da ruptura básica da división "Norte/Sur" nun sistema mundial aínda profundamente moldeado polo legado dos colonizadores e os colonizados; e agravado polos intereses diverxentes de produtores e consumidores.

Figura 4. A fenda entre o Norte e o Sur.

Fonte da imaxe: Hesperian.

 A política do cambio climático ten que evolucionar cara á unión de todos os movementos de base, unha reavivación do espírito e a ambición da conferencia do movemento social de Cochabamba reconstruída democraticamente(35). As "zonas de sacrificio" son as zonas de resistencia en primeira liña, como no caso do oleoduto EACOP de Total en Uganda(36). A pesar da súa criminalización, os defensores do medio ambiente seguen loitando, e están a atraer accións de solidariedade para con eles(37).

 A solución fundamental virá das moitísimas comunidades indíxenas e empobrecidas do Mundo Maioritario que se mobilizan en confrontación co capitalismo extractivo para a súa propia supervivencia emerxendo no centro dunha alianza global dos traballadores.

 Ao peche desta edición, acabábase de informar de que a persoa encargada da COP28 recibira instrucións para facer tratos paralelos para vender petróleo e gas ao abeiro das reunións sobre o cambio climático(38). Isto non se pode inventar, é o indicio máis claro do proceso perverso do que depende o futuro de todo o planeta e da humanidade.

 Chegamos ao final do camiño. Baixo as relacións de produción capitalistas, é dicir, imperialistas, o reto de poñer fin á catástrofe climática é imposíbel. Hai un paso conceptual máis aló do enfoque centrado nos beneficios. Debemos comprender que a procura de beneficios excedentarios (Marx) ou super beneficios (Lenin) é o motor económico polo que o imperialismo capitalista está a destruír o planeta.

 Dado o moito que as nosas sociedades dependen xa dos combustíbeis fósiles, construír un sistema socialista equitativo e ecoloxicamente sustentábel partindo da base material existente será un reto inmenso. Unha cousa está clara, salvar a vida na Terra significa que temos que destruír o imperialismo capitalista.

 A revolución, non a reforma, é a única resposta vital ao espellismo capitalista no deserto.

_____________________________________________________________________________

Notas:

1 UNEP (2023) Emissions Gap Report 2023, unep.org.

2 ‘Evo Morales stuns Copenhagen with demand to limit temperature rise to 1C’ The Guardian 16 December 2009.

3 Steffen, Will et al. (2018) ‘Trajectories of the Earth System in the Anthropocene’ PNAS August 14, 2018 115 (33): 8252-8259 pnas.org; and Climate Reality Check (2021) Climate Reality Check, climaterealitycheck.net.

4 von Schuckmann et al (2020) ‘Heat stored in the Earth system: where does the energy go?Earth System Science Data, essd.copernicus.org.

5 UNEP (2023), p. xxiii.

6 Oxfam International (2023) Climate Equality: A Planet for the 99%, policy-practice.oxfam.org.

7 See Adam Hanieh (2021) ‘Petrochemical Empire’ New Left Review 130, pp25-41.

8 Copernicus, “2023 on track to become the warmest year after record October,” 10 November 2023, climate.copernicus.eu.

9 World Meteorological Organization (WMO) (2022) United in Science 2022 ; WMO (2022) State of the Global Climate 2022 (WMO-No. 1316), library.wmo.int.

10 ‘‘Hell de Janeiro’: scorching heat highlights Brazil’s glaring inequality’ The Guardian 19 November 2023.

11 ‘New data reveals extraordinary global heating in the Arctic’ The Guardian 15 June 2022.

12 Oxfam International (2023), p32.

13 WMO (2023) 2023 State of Climate Services: Health, library.wmo.int.

14 IEA (2023) World Energy Investment 2023, iea.org. See also IPCC (2023) AR6 Synthesis Report: Climate Change 2023, ipcc.ch.

15 Brett Christophers 2021 ‘Big oil companies are driven by profit – they won’t turn green by themselves’ The Guardian 25 May 2021

16 UK Office of National Statistics 2023 Profitability Dataset, Profitability of UK companies time series, ons.gov.uk.

17 McKinsey ‘The big choices for oil and gas in navigating the energy transition’ 10 March 2021, mckinsey.com.

18 IEA (2023) The Oil and Gas Industry in Net Zero Transitions https://www.iea.org/reports/the-oil-and-gas-industry-in-net-zero-transitions

19 Shell (2023) Capital Markets Day, nevirpedia.nl.

20 BP (2023) 2022 Full Year and 4Q: Financial Results and Update on Strategic Progress, bp.com ; pp19-30.

21 ‘Dealmakers see Chevron-Hess tie-up as the start of oil “arms race”’ The Financial Times 24 October 2023

22 ‘Exxon to begin producing lithium to feed surging battery demand’ The Financial Times 14 November 2023

23 ‘Oil megadeals usher in an age of energy uncertainty’ The Financial Times 25 October 2023

24 IEA (2023) The Oil and Gas Industry in Net Zero Transitions, p54.

25 IEA (2023) Oil Analysis and forecast to 2028, iea.blob.core,p28.

26 ‘Companies still investing too much in fossil fuels, global energy watchdog says’ The Guardian 23 November 2023

27 OPEC (2023) World Oil Outlook 2023, woo.opec.org.

28 Shell (2022) 2nd Quarter 2022 And Half Year Unaudited Results https://www.shell.com/investors/results-and-reporting/quarterly-results.html

29 Andreas Malm (2023) Interview on Palestine, Climate Activism and over-shooting 1.5 °C, youtube.com

30 Carbon Tracker Initiative ‘Aligning capital market actions with climate reality’ https://carbontracker.org

31 Rainforest Action Network et al (2023) Banking on Climate Chaos: Fossil Fuel Finance Report 2023, bankingonclimatechaos.org.

32 Fichtner et al (2023) ‘Mind the ESG capital allocation gap: The role of index providers, standard-setting, and “green” indices for the creation of sustainability impact’ Regulation & Governance

33 UNEP (2023) Production Gap Report 2023: Phasing down or phasing up? Top fossil fuel producers plan even more extraction despite climate promisesorg.

34 ‘Oil still looks like an easier bet for Latin America than renewables’ The Financial Times 14 November 2023

35 ‘Grassroots summit calls for international climate court’ The Guardian 23 April 2010

36 Human Rights Watch (2023) Uganda: Oil Pipeline Protests Stifled, hrw.org.

37 Just Stop Oil (2023) ‘Students paint Total Energies HQ in resistance to Ugandan pipeline atrocities’ juststopoil.org. Ver tamén Fossil Free London https://fossilfreelondon.org

38 ‘UAE planned to use COP28 summit for oil deals, documents show’ The Financial Times 27 November 2023.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Monthly Review, do 1 de decembro de 2023]