COPASA pretende atallar o conflito no transporte de residuos de SOGAMA chantaxeando o persoal

A representación social rexeita a oferta da empresa porque suporía asumir as represalias e abriría a porta a consolidar a precariedade laboral

Santiago -

A reunión que tivo lugar esta mañá no Consello Galego de Relacións Laborais para abordar o conflito no transporte de residuos de SOGAMA rematou sen ningún tipo de acordo xa que a UTE que xestiona o servizo, encabezada por COPASA, formulou unha proposta-chantaxe inasumíbel pola parte social. Ademais, o anuncio unhas horas antes de que Transportes Pacholo (subcontrata de COPASA) abandona a prestación do servizo xerou máis desconfianza entre os traballadores.

»Os traballadores do transporte de residuos de SOGAMA, en folga indefinida, manifestaranse o día 27 en Ordes

O presidente do comité, Manuel Regueiro, e o secretario da FGAMT-CIG de Compostela, Inácio Pavón, explican que na xuntanza estaban presentes tanto a subcontrata Transportes Pacholo como unha representación da UTE formada por COPASA, RENFE e LOGITRAIL, que ten adxudicado o contrato público do transporte dos residuos de SOGAMA. Por parte da UTE pretendíase que parte social aceptara unha nova contratación dos oito traballadores despedidos en distintas empresas do grupo, alleas á actividade de transporte de residuos e sen relación coa planta de SOGAMA. Xunto a isto, a empresa quería adiar o tratamento do resto das problemáticas que xeraron o conflito á próxima semana, demandando, ademais, a suspensión da folga.

"Ofrecemento envelenado"

Pavón cualifica a proposta de recolocación de "ofrecemento envelenado que non podemos aceptar", xa que suporía asumir as represalias polas que o persoal foi despedido, pero ademais hai que ter en conta que estes postos de traballo seguen existindo e son necesarios, como o acredita o feito de que COPASA introduciu cinco novas empresas no servizo e incrementou o número de camións e operarios.

"Poderíamos discutir a recolocación destes oito traballadores dentro destas novas empresas que entraron a facer o servizo, pero non podemos dar por boas as represalias emprendidas contra todo o persoal nin que esta sexa unha saída", apunta Regueiro.

Abrir a porta á precariedade laboral

Neste senso, advirten que ceder ante as pretensións da UTE suporía abrir a porta para que a compañía e SOGAMA tenten resolver o resto do conflito pola vía de ir despedindo a todos os traballadores e traballadoras que actualmente están adscritos ao servizo de transporte de residuos e que teñen garantidos os seus dereitos laborais e salariais ao teren recoñecida a subrogación. "Esta sería a vía máis doada para consolidar a precarización das condicións e abaratar o custe do servizo co único obxectivo de tirar maiores beneficios a conta de reducir salarios, desregular a xornada e recortar as condicións de seguridade no traballo".

Así as cousas, os traballadores e traballadoras continuarán adiante coa folga e as mobilizacións até lograr unha solución que non implique asumir futuros recortes de dereitos.

Volver