Coronacrise, neoliberalismo, democracia: o que virá

Aram Aharonian - 29 Out 2021

A crise do coronavirus tamén demostrou que a globalización só beneficia as transnacionais e pode poñer en perigo a supervivencia dos cidadáns se cada país non produce bens esenciais; que os traballadores en empregos precarios son os máis afectados por carecer de fonte de ingresos ou protección social

 O coronavirus, en lugar de se volver un factor de cohesión para loitar contra un inimigo común, resultou o contrario, por mor de ambicións absurdas dentro do modelo neoliberal, que non só perdeu lexitimidade, senón que constitúe unha das maiores ameazas tanto para a humanidade como para o planeta.

 A pandemia puxo en cuestión moitas das certezas políticas que parecían terse consolidado nas últimas catro décadas, sobre todo no mundo occidental, esas que constituían (constitúen) a orde neoliberal.

 Estas certezas eran o triunfo final do capitalismo sobre o socialismo soviético; a prioridade dos mercados na regulación da vida económica e social (coa privatización e desregulación da economía e as políticas sociais e a redución do papel do Estado); a globalización da economía baseada en vantaxes comparativas na produción e a distribución; a brutal flexibilización das relacións laborais como condición para aumentar o emprego e o crecemento económico.

 Esas certezas foron aniquiladas pola realidade, e a coronacrise demostrou ante todo que é o Estado (non os mercados) quen pode protexer a vida dos cidadáns.

 Tamén demostrou que a globalización só beneficia as transnacionais e pode poñer en perigo a supervivencia dos cidadáns se cada país non produce bens esenciais; que os traballadores en empregos precarios son os máis afectados por carecer de fonte de ingresos ou protección social, unha experiencia que no Sur coñecemos e padecemos desde hai ben tempo.

 E o acoso ao sur non se detén. Hai 20 anos, segundo as axencias de intelixencia, a maior ameaza terrorista contra Estados Unidos proviña de musulmáns ultradereitistas alén do mundo -en Afganistán, Paquistán e Medio Oriente-, e hoxe provén do interior, de estadounidenses cristiáns ultradereitistas e os seus aliados, que se expresaron con actos violentos, mesmo homicidios, en varias partes do país, e chegaron a intentar un golpe de Estado o 6 de xaneiro ao invadir o Capitolio para anular o proceso electoral nacional.

 Agora, a Casa Branca e o Pentágono difundiron unha serie de documentos nos que establecen que o cambio climático aparece como unha poderosa ameaza á súa seguridade nacional, e alertan de que tomarán medidas para previr as súas consecuencias.

 Segundo os documentos, EUA debe prever que problemas xa existentes se van agudizar e van xurdir outro novos, dos que os seus tradicionais rivais, Rusia e China, poderán tirar proveito para o seu propio beneficio en detrimento dos seus intereses. Un dos aspectos que lles preocupa especialmente é o das migracións, porque entenden que se incrementarán debido ás catástrofes provocadas pola furia da natureza cada vez máis descontrolada.

 O finado historiador Howard Zinn sinalaba que o establishment estadounidense depende moito da amnesia histórica, do feito de que nese país a xente non coñece esta historia. “Non só non coñece o que ocorreu a fins do século XIX ou principios do XX; descoñece a historia dos 15 ou 20 anos atrás. Iso facilita que o goberno diga ao pobo cosas que son inmediatamente aceptadas”, impoñer imaxinarios colectivos. Hoxe, a memoria é chave para un futuro diferente.

 Mesmo o Papa Francisco se decatou: asegurou que non se pode saír da actual crise pola pandemia “sen evolucionar cara ás periferias”, e tras esixir aos países máis poderosos que recoñezan as asimetrías do mundo chamou a “abrirse e mirar cara ao futuro, sobre todo neste final da pandemia (que) ten que ser dun xeito creativo. Dunha crise non se sae igual, senón que se sae mellor ou peor. E ese final de pandemia ten que ser cara ao mellor. Pola contra imos ir cara a atrás”, dixo. “No imaxinario colectivo existe unha idea de que se pode recomezar cunha reconstrución das cousas como eran até o de agora, pero iso non vai. A pandemia é un desafío ao cambio, é unha crise que nos leva a cambiar. Se non, saímos peor, aínda que non o sintamos», engadiu. Amén.

 A humanidade perdeu o control sobre o xigantesco experimento que esta mesma desencadeou e que a conduce irremediabelmente a unha catástrofe. Contra o que supón a inmensa maioría, estamos na hora das definicións e das decisións que deberán determinar o destino de boa parte da humanidade e as súas creacións, pensa o mexicano Víctor Toledo.

 O sociólogo portugués Boaventura de Sousa Santos sinala que as alternativas socialdemócratas e socialistas volveron á imaxinación de moitos, non só porque a destrución ecolóxica provocada pola expansión infinita do capitalismo chegou a límites extremos, senón porque, despois de todo, os países que non privatizaron nin descapitalizaron os seus laboratorios parecen ser os máis eficaces na produción e máis xustos na distribución de vacinas (Rusia e China).

Abur neoliberalismo

 O presidente ruso, Vladimir Putin -a quen dificilmente se pode cualificar de comunista- dixo que o modelo actual de capitalismo se esgotou e que dentro dese sistema é imposíbel saír do nó de contradicións cada vez máis complexas que afectan a todos en ámbitos que van desde a crise da ecoloxía, a degradación do medio ambiente, a inxusta distribución dos bens materiais, até a escaseza de auga, a falta de enerxía eléctrica ou as dificultades para recibir asistencia médica adecuada.

 Lonxe de Moscova, o expresidente de Bolivia, Evo Morales, sinalou na súa visita a México, a incongruencia dos defensores do neoliberalismo, que antes da pandemia demandaban máis mercado, mercado, mercado, pero ante a urxencia sanitaria e económica esixen todas as solucións ao mesmo Estado que tanto debilitaron e empequeneceron.

 Sinalou que as sociedades enfrontan dúas alternativas: controlar os recursos naturais a través da administración do Estado ou cedelos ás transnacionais que actúan baixo a consigna do saqueo. A partir desta alternativa, Evo criticou os partidos que chegan ao poder baixo as siglas do socialismo, pero unha vez no goberno manteñen intacta a estrutura de privatizacións; unha traizón que comparou co sistema político estadounidense, onde demócratas e republicanos se alternan sen cambios substanciais.

 Todos sabemos en que nos nosos sistemas capitalistas, as empresas e os empresarios son máis importantes que o pobo e as institucións. Como exemplo da última semana, a multinacional enerxética española Iberdrola condicionou deter a incesante alza de prezos da electricidade -que alcanzou ao 500%- a que o goberno do presidente Pedro Sánchez se absteña de cobrar impostos que cualificou de lesivos.

 A alza de prezos da enerxía no Estado español, país europeo, capitalista e cun presidente socialista de partido, puxo en xaque a industria e levou as familias a situacións absurdas como lavar roupa ou pasar a aspiradora de madrugada para evitar as cotas de horas pico, e que levou as persoas a buscaren o auxilio dos bancos de alimentos porque xa non poden permitirse o gasto de cociñar na casa.

 É outro exemplo de, que cando se lle dá o control dun sector estratéxico como o da enerxía, a iniciativa privada convérteo en arma para chantaxear, extorsionar o Estado e a sociedade española ás portas do inverno europeo, cando o uso da calefacción eléctrica ou por gas (tamén en mans de empresas privadas) se converte en asunto de vida ou morte nunha ampla franxa da poboación.

 Un editorial do xornal mexicano La Jornada sinala que cando chegamos ao extremo de que o consello de administración dunha transnacional ameaza de xeito directo a millóns de persoas e pon a un Estado na disxuntiva entre cobrar impostos ou afrontar un abalo de descontento social, está claro que o modelo neoliberal se volveu en todo punto indefendíbel, e que emprender o seu desmantelamento é unha cuestión de supervivencia para as grandes maiorías.

 O neoliberalismo tamén fai augas por este sur. A declaración dos estados de excepción en Chile e Ecuador é a mellor mostra do fracaso das mal chamadas democracias liberais. En Ecuador acontece despois de que os Papeis de Pandora revelasen que o presidente Guillermo Lasso ten contas ocultas en paraísos fiscais e blinda a militares e policías de calquera xuízo polas súas actuacións.

 En Chile, o presidente Sebastián Piñera envía soldados, tanques e helicópteros de guerra a territorio mapuche, para frear a recuperación de terras do movemento. Este feito prodúcese mentres a Convención Constituínte se reúne para redactar un texto que supere a carta herdada do réxime de Pinochet.

 As cousas que se resolven entre galos e medianoites adoitan ser pouco democráticas. As decisións que afectan ás comunidades son produto de pactos ou de imposicións. Se o acordo é amplo, dicimos que se trata dunha disposición democrática. Pola contra, cando a decisión se toma entre poucos que poden impoñela, falamos de autocracia, ditadura, tiranía ou plutocracia.

 As plutocracias establecen o predominio da clase máis rica dun país. O capitalismo, polo tanto, é un sistema esencialmente plutocrático? Se capitalismo e democracia se consideran unha mesma cousa, simplemente a vida non será digna (nin posíbel) para amplos sectores e a “inseguridade social” será a tónica da convivencia: a rúa, a mobilización social parece ser a única(?) resposta da maioría.

 O mundo está en crise. Ou mellor dito, o modelo capitalista de mundo é o que o está, malia as súas políticas de distracción como a mal chamada “revolución verde”, porta de escape para a reconversión dun sistema capitalista estancado e de propiedade ultraconcentrada para seguir como modelo dominante, coas ameazas ambientais, climáticas e de guerra nuclear, poñendo en perigo a existencia da humanidade.

 Hai algo que está claro: as nosas sociedades latinoamericanocaribeñas xa non serán as mesmas de antes da pandemia. E entón haberá que “inventar” un pensamento acaído á nova realidade social. Haberá millóns máis de desempregados, moita máis fame, paralelos a unha impagábel e odiosa débeda externa e ás políticas de axuste que esixe o Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial.

 Un dos principais desafíos que enfronta o pensamento crítico latinoamericano radica en xerar a crítica dos discursos lexitimadores da orde colonial e a visión de “outro” inferior, ou sexa, analizar a decolonialidade do saber e a necesidade dun saber situado, ou sexa a xeopolítica do coñecemento [...].

 

[Artigo tirado do sitio web Estrategia.la, do 24 de outubro de 2021]