Coronavirus e a outra pandemia: o desmantelamento da saúde no mundo

Raúl Zibechi - 23 Mar 2020

O nó do problema da pandemia do coronavirus está nos sistemas de saúde, que se viñeron deteriorando como consecuencia das políticas neoliberais de redución de gastos sociais e privatización de servizos. Un simple repaso das cifras de camas por habitante en diferentes países, pon ao descuberto a crise do sistema de saúde

 O verdadeiro motivo de alarma, en Occidente polo menos, é a superación dos servizos sanitarios. A posibilidade de que morran moitas persoas por non teren acceso a hospitais ateigados converteríase nunha crise política que os gobernos buscan eludir con medidas draconianas de illamento forzado.

 Máis que a gravidade da pandemia de coronavirus, preocupa o elevado nivel de contaxio en pouco tempo, que é a causa da superación do sistema sanitario. Se se prolongase durante dous anos, como prevén algúns expertos, pero non houbese grandes picos de internamento, a situación sería menos grave.

 En síntese, o nó do problema está nos sistemas de saúde, que se viñeron deteriorando como consecuencia das políticas neoliberais de redución de gastos sociais e privatización de servizos. Un simple repaso das cifras de camas por habitante en diferentes países, pon ao descuberto a crise do sistema de saúde.

 Os cambios aceleráronse a raíz da crise de 2008. En 2006, a Unión Europea tiña 574 camas cada 100.000 habitantes, pero en 2017 a cifra caera a só 504 camas. Unha diminución do 12%.

 Na parte máis alta da gráfica, figura Alemaña con 800 camas en 2017 (830 en 2016), o único país europeo que cumpre coas recomendacións da Organización Mundial da Saúde, de non menos de 800 camas cada 100.000 habitantes.

 Non é casualidade que Alemaña presente neste momento uno dos niveis máis baixos de mortos por infectados: 24 entre 9.257 infectados a data da publicación deste artigo, apenas o 0,26%, dez veces menos que China e trinta veces menos que Italia, que supera o 7%.

 Italia sitúase nun dos lugares máis baixos da táboa europea: en 2006 tiña 399 camas cada 100.000 persoas e en 2017 caeu a só 318, un descenso estrepitoso do 20%. Países moito máis pobres como Romanía e Polonia, incrementaron as camas por habitante de 674 a 689 e de 647 a 662, respectivamente.

 Bulgaria que ten un PIB por habitante catro veces máis baixo que Italia, aumentou a súa dispoñibilidade de camas en máis do 18% no mesmo período. Datos xerais que amosan que a saúde non depende mecanicamente da riqueza dun país, senón de que as súas autoridades a consideren un servizo ou un negocio.

 En América Latina, a disposición de camas mostra unha situación aínda peor. Cuba marcha á cabeza con 520 camas cada 100.000 habitantes, seguida por Arxentina con 500. A moitísima distancia séguelle Uruguai, con 280 camas, Brasil e Chile con 220. Unha lista que se pecha con Haití, Honduras, Venezuela e Nicaragua, con menos de cen camas.

Privatización, a outra pandemia

 A privatización dos servizos é outro dato fundamental, xa que aumenta a desigualdade no acceso á saúde. No Estado español a a sanidade privada representa xa máis do 30% do gasto sanitario, algo que se traduce en maior opacidade e menor transparencia, segundo a Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP).

 Segundo a mesma organización, Madrid é a rexión que lidera os índices de privatización, así como a porcentaxe de camas privadas sobre o total (27,7% en Madrid versus 5,1% na Rioxa). Na privada os datos falan da utilización de estudos caros, como as probas diagnósticas de imaxe. Un informe sindical asegura que "nos últimos catro anos, a porcentaxe de investimento na privada multiplicaba por tres o da pública".

 Un investimento de carácter especulativo, xa que non impediu que a crise do coronavirus teña o seu foco principal na capital española, co 44% dos contaxios do país e o 72% dos mortos, ao 17 de marzo.

 Madrid destina elevadas sumas á "atención especializada", cara e con resultados dubidosos, mentres "destina moi pouco á Atención Primaria, que require dun investimento forte e urxente porque é o primeiro chanzo da sanidade", segundo Marciano Sánchez Bayle, presidente da FADSP.

O foco da pandemia do COVID-19 desprázase a Europa

 En Italia, en dez anos perdéronse 70.000 camas hospitalarias, pecháronse 359 departamentos e numerosos hospitais pequenos foron abandonados. Entre 2009 e 2018 o gasto en saúde creceu 10%, fronte a 37% da OCDE.

 Entre xaneiro e febreiro, o sector sanitario español perdeu 18.320 traballadores, en plena expansión do coronavirus. Ademais, os sindicatos do sector denuncian abuso da contratación de interinos e a precariedade no emprego, mentres as condicións de traballo son cada vez máis duras.

Estados Unidos, líder mundial en desmantelamento da saúde

 Poderiamos establecer unha xeopolítica do desmantelamento da saúde e da crise sanitaria. Un dos epicentros sería Estados Unidos, segundo o sociólogo e urbanista Mike Davis. "A tempada de gripe de 2018, por exemplo, superou os hospitais de todo o país, mostrando a escandalosa escaseza de camas hospitalarias logo de 20 anos de recortes da capacidade de hospitalización en aras ao beneficio".

 Davis destacada os peches de clínicas privadas e a escaseza de persoal, impostos pola lóxica de mercado, que " devastaron os servizos sanitarios nas comunidades máis pobres e zonas rurais, trasladando a carga a hospitais públicos infradotados e clínicas para veteranos".

 Os servizos de urxencias están sobrecargados, polo que asegura que o seu país se enfronta a un "Katrina sanitario", en referencia ao furacán que arrasou a cidade de Nova Orleans en 2005.

 Davis recórdanos que "nada menos que 380.000 pacientes de residencias de anciáns morren cada ano debido ao incumprimento por parte destas entidades dos procedementos básicos de control de infeccións".

 Como sabemos, Estados Unidos é o país referente na privatización da saúde. Davis denuncia que as grandes empresas farmacéuticas deixaron de investir no desenvolvemento de novos antibióticos e antivirais. "Os medicamentos para o corazón, os calmantes adictivos e os tratamentos da impotencia masculina encabezan a lista dos máis rendíbeis, pero non os destinados a combater as infeccións hospitalarias, as novas enfermidades e as tradicionais patoloxías tropicais".

 Por iso vaticina que "dentro dun ano poida que admiremos retrospectivamente o éxito de China na contención da pandemia, pero que nos arrepiemos ante o fracaso de EEUU".

 

[Artigo tirado do sitio web Sputniknews, do 17 de marzo de 2020]