Coronavirus: Información de permisos para nais e pais

A única ferramenta que hai é solicitar un permiso retribuído por un deber persoal e inescusábel
Nacional - 13 Mar 2020

A CIG informa que nestes momentos non hai ningunha medida publicada por parte do Goberno a respecto de facilitar que pais e nais traballadoras poidan coidar as súas crianzas, tras decretarse o peche dos centros de ensino a causa do coronavirus. Malia terse anunciado, non existe ningunha axuda para conciliar ou permisos especiais.

A única ferramenta que temos na man é solicitar un permiso retribuído por un deber persoal e inescusábel (que podes descarga no arquivo anexo a esta información). Este permiso ten sustento legal dado que os colexios estarán pechados e o Código Civil obriga a atender os fillos e ás fillas. Este modelo non ampara das posíbeis represalias que poidan adoptar as empresas, por iso, ante calquera presión ou represalia ponte en contacto de inmediato co sindicato.

Por outro lado, non se debe aceptar coller as vacacións ou excedencias voluntarias, tal e como están intentado impor algunhas compañías. Se a empresa quere que o persoal marche de vacacións, debe comunicalo por escrito, sendo esta unha decisión da empresa que se deberá recorrer.

Ante calquera abuso ou dúbida ponte en contacto de inmediato co sindicato xa que estamos nunha situación inusual e en cambio constante.