Coronavirus ou a posibilidade de imaxinar o nunca imaxinado

Joseba Permach - 18 Mar 2020

O neoliberalismo que se nos impuxo estas últimas décadas non só xerou recortes sociais que nos obrigan agora a confinarnos na casa para non colapsar uns centros e recursos sanitarios restrinxidos e minguados a golpe de decretos de austeridade

 Ás veces parécenos que determinados acontecementos son completamente novos e que todo é impredicíbel. Parece que non podiamos imaxinar que fósemos pasar días e días nun encerro nas nosas casas debido a un virus cuxos primeiros contaxios se produciron a miles e miles de quilómetros. Vivimos atrapados e atrapadas nas nosas propias vidas, enredadas na nosa rutina e, certamente, a maioría ten dabondo con sacar adiante a súa vida precaria, mal remunerada e peor recoñecida.

 Pero todo iso non quita para que recoñezamos que o que está ocorrendo era predicíbel. Estabamos avisados. O sociólogo alemán Ulrich Beck autor da sociedade do risco escribiu hai xa 28 anos o seguinte: “na modernidade avanzada, a produción social de riqueza vai a acompañada sistematicamente pola produción de riscos” (Beck, 2002:25).

 Non vou entrar a avaliar como e por que se xerou o covid19, se hai razóns para pensar en teorías conspirativas e que intereses xeoestratéxicos pode haber detrás de todo iso. Non teño datos e creo que o tempo irá poñendo as cousas no seu sitio. En todo caso, o certo é que un virus que hai poucos meses se inicia na rexión chinesa de Wuhan estendeuse xa por todo o mundo e que iso xerou, entre outras cousas, que millóns de persoas en todo o mundo permanezan confinadas nas súas casas (aqueles que dispoñen dunha).

 Esta extensión a nivel mundial dos riscos tamén foi prevista polo sociólogo alemán cando afirmaba que os riscos da modernización teñen unha “tendencia inmanente á globalización” (Beck, 2002:42). Vivimos nunha sociedade onde os efectos da contaminación e quecemento global se estenden a nivel mundial mediante un aire que non recoñece fronteiras. Pero, ademais, vivimos nun mundo que acurtou as distancias (e os tempos) e que, xa que logo, acelera tamén os procesos de irradiación dos virus e dos riscos.

 Todo parece surrealista, todo parece incríbel, endexamais o imaxinamos e agora vemos como as nosas rúas se apagan, o silencio se abre camiño, todos e todas nos temos que recluír e non sabemos nada do noso inmediato futuro. Non sabemos cantas persoas serán infectadas, cantas persoas morrerán e cando imos volver a unha situación que se pareza á de antonte?

 Fixeron falta só uns poucos días para comprobar que as consecuencias do coronavirus non nos van afectar a todas as persoas por igual: non é o mesmo confinarte nunha casa de 60 metros cadrados que nunha vila.

Todo parece que mudou, pero non de todo. Aínda que Ulrich Beck dicía que a sociedade de risco viñera a substituír a sociedade de clases el mesmo nos lembraba que “a historia da repartación dos riscos mostra que estes seguen, do mesmo xeito que as riquezas, o esquema de clases, pero ao revés: as riquezas acumúlanse arriba, os riscos abaixo” (Beck, 2002:41).

 Fixeron falta só uns poucos días para comprobar que as consecuencias do coronavirus non nos van afectar a todas as persoas por igual. Non é o mesmo viaxar en coche privado que nun transporte público agora reducido e cheo de aglomeracións, non é o mesmo confinarte nunha casa de 60 metros cadrados que nunha vila, non é o mesmo ter que ir traballar por medo a ser despedido que poder levar a túa empresa ou os teus negocios desde a casa.

 Obviamente, tampouco é o mesmo que teñas que estar repoñendo ou traballando na caixa dun supermercado ou poder traballar desde casa co ordenador, por certo, como vou poder facer eu. Como vimos, tampouco é o mesmo que teñas un negocio de comestibles (deixan que abras) ou un posto de verduras nun mercado ao aire libre (prohibíronos). Non é o mesmo vivir de rendas que traballar de coidadora nunha residencia de anciáns. E tampouco é o mesmo traballar nunha cadea de montaxe ou de costura de roupa que ser o dono desta.

 Non temos os mesmos privilexios nin as mesma posibilidades para facer fronte á situación de risco e é evidente que aínda que o virus non recoñece as clases, todas as clases non teñen os mesmo recursos para lle facer fronte. Ou dito de novo en palabras de Beck, “os riscos parecen fortalecer e non suprimir a sociedade de clases” (Beck, 2002:41). E nesa sociedade de clases, e dentro da clase traballadora, as mulleres, as persoas maiores, novas e migrantes son por moito os sectores que peor o van pasar nesta crise sanitaria que axiña será tamén económica, laboral ou dos coidados.

 O pasado sábado, en comparecencia extraordinaria, Sanchez Castejón aplicaba un 155 sanitario e facíase cargo de todas as policías e dos recursos sanitarios de todas as comunidades autónomas. Unha medida, por certo, aplaudida mesmo por Vox. Porén, a suposta “valentía” demostrada para facer efectiva unha medida que nunca na historia do Estado se tomara, non tivo o seu reflexo en aspectos máis importantes para a vida e a saúde das persoas.

 Si, a policía (e o exército!) xa pasea baixo nosas fiestras e balcóns instándonos por megafonía a non saír á rúa, pero coidado daquel ou aquela que se lle ocorra priorizar a súa saúde e a da súa familia ou compañeiras de convivencia, aos intereses da empresa na que traballa. Non só iso. A partir desta semana miles de persoas serán despedidas ou aplicaranlles un ERTE por traballaren en negocios e establecementos que van permanecer pechados ou que van padecer un forte diminución na súa demanda. Os empresarios, unha vez máis, non están dispostos a facerse cargo de ningún tipo de consecuencia económica desta crise. Desde hai tempo, eles son moi conscientes de que o sistema capitalista é aquel que privatiza as ganancias en tempos de ouro e que permite facer públicas as perdidas en tempos de crise, sexa esta financeira ou sanitaria como a actual.

 Por se todo o anterior fose pouco, xa se albisca que tipo de empresas van poder, mesmo, sacar tallada desta situación: Amazon, grandes cadeas de alimentación, empresas de comida a domicilio que utilizan riders que se terán que someter a peores situacións laborais e de risco, farmacéuticas, etc.). Non hai escrúpulos no mundo do business.

 Na pasada crise financeira o estado co apoio do PP e do PSOE regalou 60.000 millóns de euros á banca en forma de “rescate”. Porén, agora parece que a eses mesmos non se lles pasa pola cabeza a posibilidade de paralizar, por exemplo durante unha semana, a economía que non sexa absolutamente necesaria para “rescatar” a saúde e a vida das persoas. Tampouco, por suposto, se lles ocorre utilizar unha cantidade similar para sufragar mediante licenzas retribuídas, ou baixas médicas recoñecidas explicitamente respecto diso, a todas as persoas que teñan a alguén ao seu cargo e que teñan que coidalas debido ao peche de centros escolares ou centros de días.

 Nunha reunión realizada esta mesma semana a conselleira da comunidade autónoma vasca Arantxa Tapia dixo explicitamente que ían abrir unha vía de axudas ás empresas vascas polo efecto do coronavirus, pero ninguén do seu executivo propuxo o incremento de axudas sociais, a creación de novas axudas dirixidas aos sectores máis desfavorecidas pola crise social que se nos aveciña ou a condonación da facturación enerxética ou da auga. Nada diso entra nas súas cabezas formateadas por unha ciencia económica que só fala de empresas e que se esqueceu das persoas. O capital ou a vida, e eles están ao lado do capital, sen contemplacións, sen disimulo.

 O neoliberalismo que se nos impuxo estas últimas décadas non só xerou recortes sociais que nos obrigan agora a confinarnos na casa para non colapsar uns centros e recursos sanitarios restrinxidos e minguados a golpe de decretos de austeridade. O neoliberalismo imperante non só leva décadas privatizando empresas públicas con beneficios e mantendo negocios privados con perdas, senón que ademais, todo iso, se fai mediante o discurso do TINA (There is non alternative).

 Como dicía Bourdieu o discurso neoliberal non é un discurso máis, senón que é un discurso forte e a súa función principal é a de “orientar as preferencias económicas daqueles que dominan as relacións económicas” (Bourdieu, 1998). Ese discurso económico é o que subliña a importancia das empresas na creación da riqueza a partir dos sectores produtivos e ese é o discurso, neste caso o non discurso, que fai invisíbel os coidados e os labores reprodutivos. E a partir de aí, os estados, co noso diñeiro, axudan as empresas e permanecen cegas ante as desigualdades sociais que o sistema provoca.

 Así e todo, agora, en plena crise sanitaria, a realidade dos coidados e a importancia dos aspectos reprodutivos saíron á luz como nunca. Obrígannos a ficar na casa para garantir nosa saúde (aspecto reprodutivo da vida) e/ou coidar de criaturas e maiores, á vez que nos obrigan a ir traballar para seguir incrementando os seus beneficios.

 Falando da crise que vivimos estes últimos anos a economista feminista Amaya Pérez Orozco recordábanos que “a situación á que se enfrontan os fogares caracterízase por unha crecente dependencia do mercado para acceder aos recursos que o Estado deixa de garantir ao mesmo tempo que o acceso aos ingresos é cada vez máis incerto para a maioría” (Pérez Orozco, 2014:140).

 Esta frase que serve para entender o que ocorreu estes últimos anos, toma toda a súa forza e multiplícase por mil para comprender o que ocorre nestes momentos en decenas de miles de fogares. Os mesmos Estados que non tiveron problemas en axudar os bancos, as empresas automobilísticas ou ás enerxéticas en tempos de crise, nin pensan en axudar a unhas unidades familiares ou convivenciais nun momento onde ao risco da infección do virus pódelle seguir unha pandemia de despedimentos, ERTEs e procesos de precarización que aínda dean unha volta de parafuso máis ás condicións de vida e traballo das clases populares.

 E é que efectivamente, como xa nos fixo ver Naomi Klein e a súa ben estudada e desenvolvida “doutrina do shock”, presumibelmente esta crise sanitaria tamén vai ser utilizada para meternos o medo até os fígados e, con iso, permitir a adopción de medidas económicas, laborais e sociais aínda máis draconianas.

 Se non vas traballar despídente e se vas traballar baixaranche o soldo, porque a economía está moi mal e esta crise, tamén, tela que pagar ti. Non só tes máis posibilidade de ser contaminado polo coronavirus, senón que, ademais, o virus neoliberal de recortes sociais e laborais tamén te vai afectar a ti e só a ti. Mentres, as grandes corporacións seguirán facendo público os beneficios do seu último exercicio como acaba de facer Iberdrola cos seus 3.000 millóns de euros de beneficio neto.

 Ben, esta é a realidade e os riscos aos que nos enfrontamos. Como di Marina Garcés “a condición póstuma vén hoxe sobre nós como a imposición dun novo relato, único e linear: o da destrución irreversíbel das nosas condicións de vida” (Garcés, 2017:22). Mais a resignación é o peor de todos os virus. É importante, crucial, non aceptar ese relato e construír novas narrativas alternativas ás do establishment e o poder establecido. En palabras tamén da filosofa catalá, “temos que nos declarar insubmisos á ideoloxía póstuma” (Garcés, 2017:30). Unha cousa é aceptar a gravidade da situación e poñer no centro o coidado das persoas, e outra moi diferente é tragarmos cun discurso autoritario e cheo de medo que non pretende outra cousa que limitar o ámbito do posíbel.

 Afortunadamente, esta crise tamén puxo enriba da mesa o desatino dun sistema capitalista e patriarcal que entra en crise e cae en picado por un virus invisíbel, aínda que con gran capacidade de contaxio. Non se parece esa invisibilidade ao xeito en que pretenden tamén inxectarnos o medo en todos e cada un dos aspectos da nosa vida? E se fósemos capaces de contaxiarnos noutra dirección? E se fósemos capaces de demostrar que este sistema non funciona e que cando non funciona os estados nación actuais acoden a socorrelo a custa da nosa suor, sangue e bágoas? E se nos atrevésemos a ampliar o marco do posíbel que a economía de hoxe nos di que é imposíbel? E se nos contásemos unhas a outros que é posíbel construír outra sociedade, outra comunidade e que en plena crise soubemos tecer lazos de solidariedade e coidados que poden servirnos de referencia? E se no canto dun estado que centraliza de arriba a abaixo a favor dos de sempre dixésemos que queremos construír repúblicas socialistas e feministas de abaixo arriba? E se acreditamos en que os concellos en colaboración e goberno comunitario con organizacións sociais, sindicais ou cooperativas poden empezar desde hoxe a dar pé a novas realidades sociais e económicas? E se nos convencésemos e animásemos a boicotear a calquera empresa que utilice esta crise para enviar a traballadores ao paro ou para precarizar máis as condicións de traballo? E se saísemos á rúa non a dar as grazas ás traballadores da saúde pública, que tamén, senón a reivindicar un maior investimento público en saúde e gasto social para reverter os recortes desta última década? É moito o que podemos facer, pero para iso primeiro temos que empezar por imaxinalo, por acreditar niso, facelo real nas nosas mentes e empezar a socializalo.

 Non nos decatamos de que un sistema que non funciona como é o sistema capitalista e patriarcal se mantén única e exclusivamente porque o discurso de que non hai alternativa tradeou as nosas mentes até pensar que é posíbel rescatar os bancos pero non as persoas? Cando nos imos dar conta da debilidade dun sistema que se basea na mentira dunha man invisíbel que non funcionou nunca? Cando comprenderemos o poder que posuímos as persoas para contaminarnos unhas a outras dunha utopía que vaia pechando o escenario de caos actual e abrir paso a un novo ciclo de igualdade e xustiza social? Por que non aproveitamos esta desgraza para certificar a morte da necropolítica neoliberal e abrir paso a unha política baseada na innovación social que teza redes entre o comunitario e o público a partir do recoñecemento das diferentes soberanías (alimentaria, enerxética, cultural, económica, dos pobos, dos nosos corpos, etc.) e que aposte por sociedades libres onde persoas libres poidan vivir vidas que merezan ser vividas?

 Que todo iso é difícil é indubidábel, pero non imposíbel. Dixéronnos que limpemos as mans máis dunha vez ao día, está ben e anímovos a facelo. Pero podemos tamén aproveitar a ocasión para lavarnos nós e nós mesmos a cabeza e quitarnos esa mancha neoliberal incrustada desde hai anos e que nos di o que é posíbel e non é posíbel na economía.

 A economía é unha ciencia social. Punto. As marxes do posíbel e o imposíbel dítana única e exclusivamente a vontade das persoas, as comunidades e, está claro, os recursos naturais que temos que preservar. O resto non son máis que escusas e virus ao servizo e interese dos de sempre. Imaxinemos o inimaxinábel para facer posíbel o que hoxe se nos presenta como imposíbel. Como ben dicía Mandela, todo é imposíbel até que se fai.

_______________________________________________________________________________________

BIBLIOGRAFÍA

Beck (2002): A Sociedade do Risco

Bourdieu (1998): A esencia do neoliberalismo

Perez Orozco (2014): Subversión feminista da economía

Garcés (2017): Nova ilustración radical

_______________________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web El Salto, do 18 de marzo de 2020]