Cousas da economía en tempos de pandemia

Ana Esther Ceceña - 07 Ago 2020

As múltiples hipóteses sobre a orixe da pandemia relaciónanse cos equilibrios xeopolíticos e a disputa pola hexemonía. Aínda que a crise posta en evidencia polo cambio climático e as pandemias ten a súa explicación no episteme moderno capitalista que obxectiva toda expresión de vida

 A pandemia do coronavirus emerxeu abruptamente como un acelerador dos procesos de crise/reconfiguración xa evidentes no capitalismo do 2020. En menos de cen días ocorreu o que as forzas do mercado terían que estender durante varios meses -ou anos?... de crise e con maiores custos políticos.

Hiperconcentración de capital e riqueza

 A estas alturas, a pirámide de riqueza xa se fixo moito máis pronunciada e modificou o seu perfil a favor das actividades de alta tecnoloxía e comunicación (as famosas GAFAM(1)), e tamén das extractivas que lles dan soporte a estas (litio, coltán) e ao proceso de reprodución material no seu conxunto (mineiras, enerxéticas). Jeff Bezos, o home máis rico dos Estados Unidos, gañou 149.319 dólares por minuto durante 2019, é dicir, 8.959.140 dólares a hora, mentres que un traballador con salario mínimo gaña 7,25 dólares a hora no mesmo país (no Sur global, por suposto, gaña moito menos). Un cálculo de J.P. Morgan sinalaba que xa no momento da pandemia, Bezos gañaba máis de 10.000 dólares por segundo, 4 veces máis que as súas espectaculares ganancias medias en 2019. En xeral, as gráficas de ganancias e/ou acumulación de riqueza fixéronse moito máis agudas mentres que o perfil produtivo se moveu cara á automación de xeito notábel, augurando un desprazamento irreversíbel de man de obra e de contactos humanos dentro do espazo sistémico. Neste sentido é emblemático o caso de Zoom Video Communications de Eric Yuan (China-Estados Unidos), que de ser unha empresa menor, en tres meses de pandemia gañou 4.000 millóns de dólares (Business Insider), que equivalen a 400 millóns de horas de traballo de acordo co salario mínimo medio dos Estados Unidos, ou ao traballo de 224.341 traballadores durante un ano, seguindo a media anual de 1.783 horas.

Autoritarismo inmanente

 Visto desde outro ángulo, observamos que a estrutura produtiva se alixeirou eliminando unha boa parte das empresas medianas e pequenas (e mesmo algunhas máis grandes como Hertz, con sistemas informáticos quizais obsoletos), promovendo un proceso de hiperconcentración do capital que polos seus niveis de oligopolización gozará de condicións aínda máis verticais e materialmente autoritarias para definir as marxes e os contidos da nosa existencia como sociedade. Efectivamente, o autoritarismo foise naturalizando mentres a barbarie capitalista avanza -o estado de excepción paradoxalmente permanente xa é un dato- mais en condicións de pandemia a inspiración que o alenta ve maior xustificación no medo ao contaxio e á incerteza. Porén, o relevante é que neste caso xa empezou a afundir raíces e a concretarse fisicamente transformando a materialidade da reprodución da vida: unha boa parte do consumo trasládase ao ciberespazo e modifica o seu contido; o relacionamento social adquire novos filtros; redúcense as estratificacións na produción; estréitase a franxa de absorción de traballo simple e mesmo de traballo vivo; os modos de consumir e de acceso ao mercado transfórmanse e así tamén o contido da produción. O autoritarismo máis agresivo e perigoso é este autoritarismo inmanente, intanxíbel, anónimo que se impón a través das condicións materiais en que se desenvolve a existencia.

Hipertecnoloxización e límites sistémicos

 Xunto coa hiperconcentración do capital e a riqueza, logo, dáse unha hipertecnoloxización que presenta a vida como prescindíbel. A vida humana vai perdendo importancia como forza produtiva e a vida natural vai converténdose en estorbo para o progreso ou en obxecto manipulábel.

 Con estas dúas tendencias combinadas: a hiperconcentración e a hipertecnoloxización, en realidade o ámbito sistémico estréitase, malia abranguer o planeta enteiro. A súa dimensión espacial é total pero non así a súa capacidade integradora. Do mesmo xeito que moitas das empresas que pecharon durante a pandemia xa non terán condicións de reabrir e manterse en funcionamento, unha boa parte dos traballadores desempregados xa non será recontratada. Non só se perderon irreversibelmente moitos empregos formais das empresas que pecharon, senón que esta crise (deberiamos dicir oportunidade?) permitiu ás empresas facer os recortes de persoal que xa viñan proxectando. A isto súmase a enorme cantidade de empregos informais, que ocupan arredor do 65% do total, que ante unha realidade cambiada xa non teñen sentido. É dicir, o desemprego de hoxe corre o risco de ser permanente nunha alta proporción. Que facer? Cara a onde se move o mundo?

 Claramente o sistema non só tocou os seus límites senón que os está pasando. No campo ambiental fálase deste fenómeno como translimitación, ou do uso da natureza máis aló das súas posibilidades de reprodución. O aumento na capacidade tecnolóxica permitiu procesar a natureza a ritmos maiores que os da súa propia restitución. Celebremos o desenvolvemento tecnolóxico pero nun contexto de acumulación sen límites isto conduce, como xa fixo, a provocar un colapso e seguramente a caída/rebento/disipación do sistema e a urxencia de alternativas de organización ou cohesión: algunhas peores, outras mellores.

 Semella pertinente trasladar o concepto ao ámbito social e preguntarnos se non presenciamos unha translimitación social, na que a exclusión, precarización, miserabilización e espolio están conducindo á sociedade a unha reprodución incompleta, precaria ou insuficiente na que bacterias, virus, desnutrición, enfermidades curábeis pero recorrentes ou enfermidades causadas polo estilo de vida e de alimentación deficiente, con agrotóxicos ou sen valor nutritivo levan, como na pandemia actual, a unha especie de depuración social na que os máis fráxiles sexan eliminados.

 Todo isto conduce ao cuestionamento xeral sobre o sistema de vida e a validez do proxecto civilizatorio do capitalismo. Un sistema de vida que non é capaz de sustentarse a si mesmo nin de resolver os problemas que vai creando ao seu paso non pode pretenderse universalmente válido e lexítimo. Por esta mesma razón, é un sistema que tende incesantemente ao disciplinamento social por medio dunha ampla gama de mecanismos ou dispositivos de forza. Desde o disciplinamento escolar e a implantación máis ou menos aceptada de sistemas de vixilancia e control en todos os espazos (abonda con ver a vixilancia domiciliaria a través de móbiles, ordenadores e similares); todos os niveis (controis do corpo, da mobilidade, da mente, das emocións, os desexos, etc.); ata o asoballamento material que ten unha das súas figuras máis visibles na militarización e a guerra.

Militarización e guerra

 As múltiples hipóteses sobre a orixe da pandemia relaciónanse cos equilibrios xeopolíticos e a disputa pola hexemonía. Aínda que a crise posta en evidencia polo cambio climático e as pandemias ten a súa explicación no episteme moderno capitalista que obxectiva toda expresión de vida para convertela en capital até o extremo da translimitación abusiva, pugna chinés-estadounidense por liderar o mundo contribúe a alterar a xa fráxil orde establecida. E aínda que as guerras do século XXI xa non se enfocan principalmente no militar senón que abranguen o espectro completo de relacións e dimensións de organización da vida, entre as que o militar está presente non só como unha modalidade de intervención senón como un sentido estratéxico xeral.

 No medio dunha situación sanitaria ruinosa, Estados Unidos non deixa de facer a guerra, tanto cara ao interior da súa propia sociedade como cara aos puntos estratéxicos para manter a súa posición hexemónica e para impedir que asomen outros potenciais hegemones. Así, no pico da pandemia, Estados Unidos e Colombia lanzan un operativo paramilitar de intervención en Venezuela e os posicionamentos noutras rexións de Asia, África e o Medio Oriente están tan activos como antes da pandemia ou aumentaron aproveitando a confusión do momento.

 O punto é que se xa se estaba nunha escalada militarista, coa pandemia militarízase a securitización. Os dispositivos de vixilancia de alta tecnoloxía orientados ao biocontrol (como os que aplica Israel especialmente na Franxa de Gaza) instaláronse na vida pública de xeito xeneralizado (até onde alcanzan os recursos) coa xustificación de impedir novos contaxios, cousa que realmente non se está facendo.

 Aquí o punto chave é que todos estes movementos ou reconfiguracións do sistema de poder non teñen volta atrás. Modificaron a realidade: a materialidade e as súas percepcións. Son, como a extinción das especies, un proceso de non retorno.

Estreitamento do sistema e bifurcacións

 Algúns estudosos sinalan que o sistema está nun proceso de desglobalización. O que eu observo é que se atopa nun proceso de estreitamento, sen perder a dimensión planetaria. A hiperconcentración xera á vez estreitamento. Os recursos que Bezos, Yuan e outros triunfadores similares (o 1 % do 1 %) lle extraen cada segundo á sociedade significa millóns de expulsados ou sobrantes que como nubes sen rumbo se van incorporando ás fileiras de migrantes sen orixe nin destino; que van sendo arrincados da súa terra por devastación, violencia directa, fame, acaparamento de terras ou calquera outra figura adoptada polo sistema de barbarie no que nos atopamos, sen ter ningún destino. Nin os migrantes africanos ou sirios en Europa nin os latinoamericanos ou caribeños en Estados Unidos. Chegan para volver ser botados, como nómades da precariedade. Mais o o sistema segue funcionando, segue xerando riqueza, segue cegando cos seus produtos tecnolóxicos e os seus novos equipos de guerra. Só que non todos collen.

 A pandemia do coronavirus e se cadra outras novas que seguirán colaboran co sistema como mecanismos de limpeza social afectando principalmente ás franxas máis desfavorecidas, pero iso non modifica as dinámicas de globalización con estreitamento, só as fai menos custosas.

 Todo isto é ben penoso pero o coronavirus tamén fixo unha gran achega á sociedade mundial e é a de por fin! decatarse de que este modo de vida (capitalista) leva á catástrofe e non ten ningunha alternativa para a vida. O cambio no modo de vida obrigado pola pandemia, a volta ao básico, ao comunitario, ao coidado da saúde tradicional, o abandono dos ritmos disciplinarios rutineiros, a volta á alimentación natural e a conciencia de que dentro do capitalismo non hai opción están fortalecendo os incipientes procesos de bifurcación desde o sistema cara aos outros modos de vida que posibelmente dean pauta á urxencia de sistemas organizativos non predatorios (non desemvolvementistas).

 Dun xeito ou doutro, por bifurcacións ou por catástrofe, o tempo histórico do capitalismo está chegando aos seus límites de posibilidade. Parabéns.

_______________________________________________________________________________________

(1) Google, Amazon, Facebook, Apple, Microsoft.

_______________________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 17 de xullo de 2010]