Crimes sen castigo, ou como a UE converte o Mediterráneo nunha fosa

Stathis Kouvelakis - 28 Xun 2023

É a chamada política de “externalización de fronteiras”, o reverso da “libre circulación” (moi relativa) dentro delas a que, ao reducir drasticamente (e cada vez máis), as vías de acceso regulares aos Estados membros da UE para as persoas que veñen en particular do Sur global levou a viaxes cada vez máis perigosas e mortais

 O naufraxio do 14 de xuño no Mar Xónico sumouse a unha serie negra de traxedias similares, das cales só unha parte goza de cobertura mediática, ou mesmo de calquera denuncia. Con máis de 650 mortos (104 sobreviventes dun total de 750 a 800 persoas a bordo), este naufraxio xa é o segundo máis mortal endexamais rexistrado no Mediterráneo, despois do do 19 de abril de 2015 (máis de 900 mortos) fronte á costa libia mais superando a “traxedia de Lampedusa” de outubro de 2013 (366 corpos atopados).

 Porén, por estarrecedoras que sexan, estas traxedias representan só unha parte das perdas humanas causadas polas travesías do Mediterráneo que tentan diariamente as e os refuxiados e migrantes procedentes do Sur global a bordo de embarcacións improvisadas. As estimacións varían pero o certo é que se contan por ducias de miles só na última década: 27.000 desde 2014 segundo Missing Migrant Project, entre 17 e 18.000 para o período 1993-2014 segundo outras estimacións, entre as máis moderadas. Por tanto, trátase dunha verdadeira catástrofe, que se produce e se desenvolve a diario, sen que isto ocasione ningún sentimento particular fóra de sucesos percibidos como excepcionais como os naufraxios mencionados anteriormente.

 Máis aló da contabilidade macabra está, por suposto, a cuestión das responsabilidades políticas. As dos Estados, abofé, mais no que respecta ao noso continente, a da instancia que define en detalle e implementa o marco xeral, a saber, a Unión Europea (UE). Porque, contrariamente ao que se adoita dicir, as fronteiras europeas non sempre foron letais para as poboacións do Sur, e, en calquera caso, certamente non á escala á que as opinións públicas se afixeron durante décadas. O fenómeno deixa de ser marxinal a partir de 1990, cando comezan a estabelecerse os dispositivos do espazo Schengen, e non medra até 1995, cando o dispositivo se aplica plenamente.

 Por tanto, é a chamada política de “externalización de fronteiras”, o reverso da “libre circulación” (moi relativa) dentro delas a que, ao reducir drasticamente (e cada vez máis), as vías de acceso regulares aos Estados membros da UE para as persoas que veñen en particular do Sur global levou a viaxes cada vez máis perigosas e mortais. A metodoloxía do que comunmente se coñece como a Europa fortaleza traduciuse así nunha política deliberada de deixar morrer a nivel masivo.

 Esta política está agora xustificada pola “promoción do noso estilo de vida europeo” segundo a denominación adoptada oficialmente pola UE para designar o ámbito no que ten lugar a política de asilo e migración. Implicitamente pero non menos claramente, unha vida non europea, especialmente se é non branca e / ou non cristiá, pode darse por amortizada, en nome da defensa dos supostos “valores” que fundan “Europa” tal como os diversos tratados do neoliberalismo constitucionalizado a formaron durante décadas.

 En verdade, tal escalada mortal non pode sorprender por parte dunha construción dun continente do que partiu a expansión colonial e imperialista, coa procesión de horrores que a acompañou. É desta Europa da que falaba Frantz Fanon cando escribiu, ao final d’Os condenados da terra: «Hai séculos que Europa detivo o progreso dos demais homes e someteunos aos seus designios e á súa gloría; hai séculos que, en nome dunha pretendida "aventura espiritual" afoga a case toda a humanidade. Véxana agora abalar entre a desintegración atómica e a desintegración espiritual.(…) Europa negouse a toda humildade, a toda modestia, pero tamén a toda preocupación, a toda tenrura. Non se mostrou parsimoniosa senón co home, mesquiña, carniceira, homicida senón co home».

 É con esta Europa, e con ese “Occidente”, coa que aínda hoxe se atreven a desfilar como modelos de moral e civilización na escena internacional, con quen temos que romper radical e definitivamente.

 Para a nosa humanidade común, é urxente.

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 23 de xuño de 2023]