Crise, COVID-19, "España Una, Grande y Libre"

Suso Seixo -

Sería inocente pensar que toda esta forma de actuar non é algo que está a ser calculado, avaliado e aproveitado por parte dos poderes fácticos, pensando en preparar a poboación e como actuar noutros escenarios como os derivados, por exemplo, das reivindicacións soberanistas de Galiza, Euscadi e Catalunya, ou fronte ás mobilizacións da clase traballadora

 Se analisamos a forma de actuar do Goberno español fronte a esta crise sanitaria, vemos que reproduce un comportamento que é común a todos os gobernos españois, sexan do signo que sexan, cando se dan situacións de crises graves, de carácter político-institucional ou mesmo sanitario, como neste caso, en que o poder do Estado centralista español se sente debilitado ou seriamente ameazado, e polo tanto os intereses da oligarquía española que defende.

 A reacción das forzas políticas do réxime, nestas circunstancias, sempre é: recorrer a medidas recentralizadoras, negar e combater o carácter plurinacional do Estado mesmo facendo deliberadas exaltacións da grandeza dunha España unida, á represión pura e dura, non dubidando mesmo en darlle protagonismo ao exército e buscar a complicidade, normalmente con éxito, de sindicatos e organizacións empresariais españolas para este escenario.

 Esta conduta é un fiel reflexo do profundo déficit democrático deste réxime de monarquía parlamentar, falta de democracia que asumen e teñen interiorizado as forzas españolas que o sosteñen e que, sen dúbida ningunha, é herdanza do franquismo e de como se fixo a, supostamente, “modélica” Transición española.

 Se nos retrotraemos ao momento do cambio de réxime, da transición da ditadura franquista a esta monarquía parlamentar, a finais da década dos setenta do século pasado, vemos como á hora de elaborar a Constitución española e definir polo tanto o modelo de Estado no económico, no social e no territorial, se utilizou a ameaza do exército para xustificar o contido que finalmente tivo esta, e que contou, a través dos Pactos da Moncloa, co respaldo a este modelo por parte das organizacións empresariais e sindicais españolas, convertidas tamén estas últimas, desde aquela, en valedoras deste réxime.

 Nestes últimos anos, en plena crise institucional e política do Estado, provocada especialmente polo desprestixio da Monarquía e as fortes mobilizacións do pobo catalán en defensa do seu dereito de autodeterminación, de novo a reacción do Goberno español do PP, co apoio do PSOE, foi aplicar o artigo 155 da CE, suprimir as competencias autonómicas da Generalitat, reprimir con dureza, e mesmo con cadea, os actos de protesta da sociedade catalá por querer realizar un referendo, aparecendo de novo as ameazas veladas de sectores do exército, con total impunidade, e recorrendo á complicidade das forzas sindicais e patronais españolas á hora de levar adiante estas medidas.

 Chegamos, por último, á crise sanitaria provocada polo COVID-19. O Goberno español (PSOE-UP), unha das primeiras medidas que adopta e centralizar as competencias en materia sanitaria é darlle un especial protagonismo ás forzas armadas (garda civil, policía e outra vez máis o exército), convertendo as roldas de prensa do goberno, para informar da marcha da pandemia e das medidas a adoptar, en todo unha propaganda da cualificación, poderío e bo facer dos membros destes tres corpos armados, cun nivel de protagonismo superior aos propios ministros e representantes do goberno, utilizando en moitos casos unha terminoloxía represiva, mesmo bélica, propia de militares do exército franquista, capitaneado por un rei facha vestido de traxe de campaña (e despois falan con desprezo das chamadas repúblicas bananeiras!).

 E xa se empeza a falar de ir a un grande Pacto de Estado, á reedición dos Pactos da Moncloa no ano 2020, coa anuencia das forzas sindicais españolas (elas sempre dispostas a colaborar “responsabelmente” co poder) e da patronal, de cara a facer fronte á crise económica, social e mesmo política que vai suceder a esta crise sanitaria, e sobre todo de cara a controlar e canalizar a contestación social que seguro e necesariamente vai producirse.

 Esta actuación de centralización, de protagonismo das forzas armadas, incluido o exército, o estado de shock provocado na poboación e a campaña mediática permanente en “prol da unidade de todos os españois fronte ao coronavirus”, “toda a cidadanía española unida é invencíbel e pode superar calquera reto, o que fixo posíbel a grandeza de España ao longo da historia”…, sen caer na conspiranoia, sería inocente pensar que toda esta forma de actuar non é algo que está a ser calculado, avaliado e aproveitado por parte dos poderes fácticos, pensando en preparar a poboación e como actuar noutros escenarios como os derivados, por exemplo, das reivindicacións soberanistas de Galiza, Euscadi e Catalunya, da resposta social a unha Monarquía absolutamente corrupta ou fronte ás mobilizacións dunha clase traballadora que, unha vez máis, o poder económico, vai procurar que sexa quen pague as consecuencias desta crise e deste sistema inxusto e bárbaro, como é o sistema capitalista.

 

[Galiza, 6 de abril de 2020]

Volver