Crise de Europa: Petróleo, OTAN e xeopolítica

Iñaki Gil de San Vicente - 08 Abr 2022

A militarización da sociedade burguesa vén imposta pola cega e irracional lóxica da acumulación ampliada do capital: segundo as contradicións internas incrementan os atrancos que frean esa acumulación, o Estado como forma política do capital e a OTAN como forma militar do imperialismo, endurecen e amplían as represións múltiples que son hoxe máis amplas que hai 73 anos cando se creou a OTAN

1.- A burguesía do século XVIII necesitaba dominar a complexidade das contradicións entre Estados, das resistencias das clases explotadas e dos pobos invadidos polo seu colonialismo, etc., nun contexto de descubrimentos xeográficos. A Xeopolítica irrompeu baixo esas presións, pero a súa esencia viña de antes. No século I Quinto Curcio Rufo fixo falar así a Alexandre Magno: «Non é duradeira unha dominación cando se consegue coa espada, en troca, o agradecemento dos beneficios é eterno». A xeopolítica das clases dominantes está reflectida nesas palabras: violencia e beneficio.

2.- Porén, non foi até mediados do século XIX coa formación do materialismo histórico cando a xeopolítica se esgazou en dous métodos contrarios: Un, o burgués que prioriza o papel do seu Estado, do seu exército, da xeografía e das comunicacións tal como as modifica e crea o capital, etc., rexeitando a súa dialéctica coas contradicións socioeconómicas, coas loitas de clases e nacionais que elas provocan. E outro, o marxista, que integra calquera problema dentro da totalidade concreta no que está obxectivamente inserido como subproblema; totalidade concreta que sempre, en última instancia, depende das contradicións socioeconómicas e da loita de clases entre o capital e o traballo na súa esencia xenético-estrutural, aínda que non pareza ser así na súa forma externa, na súa singularidade histórico-xenética.

3.- Un exemplo, o imperialismo chama “invasión criminal” á intervención especial de Rusia contra o nazismo, contra a nuclearización e guerra biolóxica, contra a otanización de Ucraína, e tamén en defensa da independencia armada do Donbass e da reintegración de Crimea en Rusia. A xeopolítica burguesa asume as aberrantes doutrinas de «guerra preventiva» e «guerra humanitaria» de 2002 para xustificar as súas salvaxes atrocidades, pero nega o concepto marxista de «guerra xusta». Hai un antagonismo ético-moral inconciliábel.

4.- A xeopolítica marxista rexeita as aberracións de «guerra preventiva» e «guerra humanitaria» que expresan a necesidade imperialista de xustificar a destrución de pobos e civilizacións en aras do capital; ao contrario, afirma que a «guerra xusta» na súa forma actual de «intervención especial» rusa, expresa o seu dereito de autodefensa ante a longa e sistemática presión imperialista, dereito que tamén sae en defensa do pobo en armas do Donbass e de Crimea atacados polo nazismo.

5.- E é que segundo a lección histórica extraída pola xeopolítica marxista e pola súa teoría da crise, as guerras e as violencias estatalmente organizadas, sexan imperialistas e inxustas ou xustas e defensivas, son o último método para decidir o resultado dunha crise grave, para decidir se gaña o opresor ou a oprimida. Segundo Marx: cando chocan dous dereitos iguais e antagónicos, decide a forza. Canto maior sexa o grao de inconciliabilidade interna á loita e unidade de contrarios, maior será a violencia do conflito. Por iso é un deber ético-moral apoiar por todos os medios posíbeis ás clases e nacións oprimidas.

6.- A base socioeconómica, o Estado e os seus aparellos militares ou o poder armado do pobo traballador, as tradicións nacionais e a súa cultura, a solidez das conciencias, etc., todo este universo material e inmaterial se converte nunha arma de opresión ou de liberación. No caso das catro guerras interburguesas pola hexemonía en Europa, o seu resultado definitivo terminou coa orde global anterior e impuxo outra acorde coas necesidades expansivas das burguesías máis potentes, con máis recursos e máis alianzas, como tentaremos ver ao final.

7.- A inconciliabilidade entrambas as xeopolíticas chega ao seu apoxeo no relacionado cos recursos enerxéticos, é dicir, desde alimentos, auga e saúde, até a enerxía de fusión pasando pola madeira, o carbón, o gas, o petróleo, etc., porque sen esa exo-enerxía non existe a endo-enerxía que sostén a forza de traballo animal incluída a humana e sobre todo o seu pensamento como a forma máis desenvolvida da materia e da enerxía. No capitalismo, a enerxía é vital para transformar o traballo vivo en traballo morto, en infraestruturas, medios de produción/reprodución e destrución, mercadorías e ganancias, para reproducir as condicións de produción ampliada do capital.

8.- Polo tanto, todo debate sobre a enerxía é un debate socioeconómico, político, militar, ético-moral, cultural, etc., sobre as formas de propiedade e sobre as relacións sociais de produción/reprodución e destrución, distribución e consumo desa enerxía. Para o patriarcado, a muller é a fundamental fonte de enerxía, e para os clans, castas e clases dominantes, a propiedade privada da enerxía é a base da produtividade do traballo e da lei do valor e da plusvalía.

9.- Non é casualidade que a xeopolítica xurdise despois das dúas grandes revolucións burguesas, a holandesa e a inglesa, que venceron en case un século de guerra pola súa vantaxe enerxética sobre o imperio español e a monarquía inglesa. Sen esa superioridade enerxética que se materializaba en superioridade socioeconómica, militar e cultural non se chegaría á primeira reordenación capitalista europea no Tratado de Westfalia de 1648 baixo a hexemonía británica. O inhumano colonialismo e a salvaxe explotación obreira deron á burguesía británica a superioridade enerxético-industrial para vencer a Napoleón tras 25 anos de guerra até volver imporse no Congreso de Viena de 1815, a segunda reordenación da xerarquía interburguesa.

10.- O Congreso de Viena creou unha especie de pre-OTAN para garantir a orde burguesa en Europa. Ese exército entrou no Estado español en 1823 para reprimir mobilizacións revolucionarias cada vez máis intensas, salvando a orde establecida. O Congreso de Viena opúxose decididamente aos avances democrático-radicais que percorrían Europa e que producirían as revolucións de 1830 mais sobre todo na de 1848. A expansión colonial europea, reforzada por este Congreso de Viena, foi contestada ao pouco tempo polo Congreso Anfictiónico de Panamá en 1826 organizado polo Libertador Bolívar e que non era senón un chamado á defensa común do patrimonio material e cultural.

11.- A superioridade británica baseábase tamén no carbón e a máquina de vapor, bases enerxéticas que substituíron a madeira, a forza animal, ao vento e ao auga. A violencia estato-militar foi imprescindíbel para superar a crise enerxética e multiplicar a taxa media de ganancia cuxa lóxica é a acumulación ampliada. En 1839-42 Gran Bretaña invadiu China na «guerra do opio» para destruíla por dentro mediante esa arma biolóxica. O Congreso de Viena foi superado pola Comuna de 1871 e pola primeira Gran Depresión de 1873-93 que forzou o salto do colonialismo ao imperialismo e a introdución do petróleo e pouco despois da electricidade. Foi nese contexto, en que en 1904 H. Mackinder, destacado xeopolítico inglés, sostivo que quen conquistase Eurasia, conquistaría o mundo, e ese mesmo ano Gran Bretaña asinou un pacto secreto con Xapón, sempre escasa de recursos, para atacar a Rusia, cousa que se fixo en 1905.

12.- A IGM empeorouno todo porque desde 1917 xurdiu a URSS. As burguesías non só tiñan que levar os seis proletarios á guerra interimperialista para que se matasen en beneficio delas, senón que sobre todo tiñan que exterminar a URSS e o socialismo. Desde 1914 EEUU elaborou un plan de balcanización do imperio tsarista que se concretou aínda máis en 1918 cando 14 potencias que se pegaron entre elas até había poucos meses se uniron para ir pola URSS. A segunda Gran Depresión de 1929-45 agravou a crise o que explica que nos anos 30 e 40 o nazi K. Haushofer e o ianqui J. S. Nicholas difundisen a necesidade de se apropiar de Eurasia. Mais Xapón proxectara a súa conquista en 1923 e 1931, cando invadiu Manchuria, atacou a URSS en 1932-39 e a China en 1937, para se estender con salvaxismo a outros países entre1941-45.

13.- En 1922 Hitler explicou os seus plans de expansión cara ao Leste na embaixada ianqui en Berlín, e seis meses antes da invasión da URSS esa embaixada recibiu os plans do ataque de mans do xefe do Alto Estado Maior nazi. Durante toda a guerra, os empresarios nazis e a burguesía ianqui mantiveron algo así como unha «tregua económica» porque tiñan tres obxectivos comúns: saír da segunda Gran Depresión cando antes, acabar coa URSS e o socialismo, e enriquecerse elas o máis posíbel. Parece ser que cando Alemaña empezou a obter petróleo de Venezuela, os EUA e Gran Bretaña pensaron en rompela en tres anacos: o norte para os EUA, o sur para Gran Bretaña e o centro, a zona menos rica, para unha Venezuela empobrecida ao máximo.

14.- Nas dúas guerras mundiais, as potencias imperialistas explotaron a enerxía humana e material das súas colonias como carne de canón, empobrecéndoas aínda máis. Na IGM Gran Bretaña e EEUU cercaron enerxeticamente Alemaña, afundíndoa na fame e na escaseza, e na IIGM sucedeu outro tanto desde 1943. Unha das razóns da súa derrota ante a URSS foi a súa aguda escaseza de petróleo. Alemaña e Xapón, carente tamén de recursos, saquearon todo o que puideron asasinando por fame a millóns de persoas, pero Gran Bretaña exterminou con fame a centenares de miles de indios para lles quitar a comida que necesitaba para os seus exércitos. Entrementres, en 1943 os aliados idearon dúas vías: unha para destruír Alemaña, e outra para negociar con ela a guerra contra a URSS, levando a Dinamarca en 1945 as dez mellores divisións nazis rendidas, proxecto imposíbel daquela pola forza e prestixio do Exército Vermello e porque o imperialismo temía unha vaga revolucionaria en Europa Occidental.

15.- Así, a terceira reordenación europea, imposta polos EUA en Bretton Wood e nos seus acordos coa URSS, realizouse mediante a guerra mundial de polo menos 31 anos, desde 1914 a 1945, a máis atroz da historia, guerra que deu un salto en calidade letal coas armas nucleares, bioquímicas, etc., Todo iso sería imposíbel sen a industria da matanza humana e sen a OTAN, creada para destruír a URSS e asegurar o imperialismo enerxético ianqui. A OTAN reintegrou nas súas fileiras a nazifascistas tanto no Oeste cuxo caso máis coñecido é a Rede Gladio en Italia, pero integrada nunha rede europea, como no Leste para combater a URSS: desde 1945 armou a guerrilla nazi ucraína, que tamén contaba coa axuda da ditadura franquista.

16.- Para o imperialismo, as necesidades enerxéticas eran tan prementes que se lanzou a controlar no posíbel os recursos do mundo, o que esixía acabar coa URSS e desenvolver a enerxía nuclear, sobre todo a militar. Para 1948-49, a OTAN creada entón tiña outro proxecto de bombardear as 30 cidades máis importantes da URSS, plan que tampouco se puido realizar. A OTAN xa empezaba a adaptar ao presente as leccións de guerra psicopolítica que se remontan a máis de 2500 anos: unha rede de radios e unha guerra cultural imperialista actuaban sen descanso no Oeste e no Leste.

17.- Europa perdera a súa supremacía económica a finais do século XIX superada polos EUA, que reforzaron o seu dominio desde entón até 1945, como se demostrou en 1956 cando obrigou a Francia e Gran Bretaña a retirarse da canal de Suez nacionalizada por Nasser. A creación da Europa do Carbón e o Aceiro a comezos dos anos 50 respondeu á necesidade de autonomía enerxética, vixiada polos EUA, e á necesidade de preparar outra invasión da URSS planificada para 1957, sen repetir o erro nazi de 1941. Entrementres, no seu afán por se apropiar de Eurasia, os EUA pensaron en bombardear nuclearmente a fronteira entre Corea e China para non perder a guerra de 1950-53.

18.- A crise mundial de acumulación de finais dos anos 60 propiciou como saída a política monetarista e o militarismo, que é moito máis que o simple neoliberalismo. En 1972 o chamado Club de Roma publicou o seu coñecido informe sobre os límites do crecemento, que demostraba sen moita profundidade crítica que o capitalismo estaba a esgotar os recursos finitos; daquela outras investigacións máis rigorosas realizadas desde a perspectiva socialista foron silenciadas pola prensa. Debemos partir de aquí para comprender o obxectivo monetarista no referente ao esgotamento enerxético.

19.- O golpe fascista de 1973 contra Chile, coa represión salvaxe, dentro do Plan Cóndor contra toda Nuestramérica, coincidindo coa suba dos prezos do cru e a decisión ianqui de romper a paridade entre o dólar e o ouro, agudizou a dependencia enerxética. O monetarismo intensificouse coa «austeridade orzamentaria» do goberno socialdemócrata-liberal da Alemaña Federal. A necesidade do saqueo de Eurasia era tal que en 1977 EEUU pensou na destrución de 25.000 centros urbanos e industriais soviéticos, aínda que morresen 110 millóns de persoas, así como arrincar Ucraína da URSS polo seu importante papel na Unión. Pouco antes Nixon estivo a piques de lanzar bombas nucleares contra Vietnam para non perder a guerra. Foi en 1973 cando a OTAN intensificou as súas investigacións psicosomáticas sobre a teledirección de masas, a agresividade inducida, a privación sensorial e o illamento, a manipulación xenética, as etno-bombas, etc., esforzos que lle permitirán chegar á «guerra cognitiva» en 2022.

20.- Reagan e Thatcher ademais de axudar Iraq contra Irán en 1980-88 para máis adiante repartirsen as súas inmensas reservas de petróleo e gas, ademais de atacar as Malvinas en 1982 para manter a posesión dos seus recursos e o seu emprazamento xeoestratéxico derrotando a Arxentina, etc., fixeron que en 1983 a raíña Isabel de Inglaterra gravase un discurso televisado anunciando o ataque nuclear á URSS. O Consenso de Washington de 1989 reforzou ese ataque xeral que tiña como un dos seus obxectivos prioritarios o total saqueo dos recursos enerxéticos dos pobos, empezando pola sobreexplotación da muller traballadora e da infancia.

21.- A implosión da URSS en 1989-91 abriu a fase de inicio da cuarta reordenación do capitalismo europeo, xa baixo o control ianqui. Entre 1914-18, 1944-45 e 1991. O chamado «século da violencia» sufrira ducias de guerras e causara centos de millóns de mortes provocadas polas contradicións do capital. Desde os anos 50, EEUU vixiaba atentamente a «construción europea», reservándose as pancas fundamentais do poder: enerxía, transnacionais, institucións, moeda e finanzas, tecnociencia, exército... O Tratado de Maastricht de 1992 foi o marco sociopolítico que reforzaba o poder ianqui sobre Europa.

22.- A euforia norteamericana era tal que xa en 1991 atacara Iraq, e en 1992 pensou en mercar Siberia a un goberno ruso tan esnaquizado que permitiu aos EUA andar por Rusia como pola súa casa, mentres se multiplicaba o empobrecemento. Debemos lembrar que nese 1991 o terrorismo islamista patrocinado polos EUA e os seus aliados comezou o seu feroz ataque dunha década de duración contra Alxeria, seguindo o ronsel de Afganistán e anunciando o que lle esperaba a Libia, Siria e outros países. A mediados dos anos 90 imperialistas coñecedores da mentalidade rusa avisaron de que calquera intento de separar Ucraína da Federación provocaría unha dura resposta, así que a OTAN prometeu que non avanzaría as súas bases cara ao Leste.

23.- Pero entrementres, para 1997 os EUA remodelaron a súa doutrina, sistema, estratexia e tácticas para intensificar a súa agresión a Eurasia de xeito do que en 1999 a OTAN esnaquizou Iugoslavia e bombardeou «por erro» a embaixada de China en Belgrado: un «erro» que agora descobre o seu oculto significado. J. Biden gabábase de ordenar bombardear Belgrado. Clinton afirmou entón que despois da destrución de Iugoslavia había que destruír Rusia. Simultaneamente a OTAN devoraba a Hungría, Polonia, Bulgaria, Chequia, Eslovaquia, Romanía, Estonia, Lituania e Letonia.

24.- En 2001 os «sorpresivos» ataques ás Torres Xemelgas organizados por países daquela incondicionalmente fieis aos EUA, como Arabia Saudita e outros, permitiron ao Pentágono activar en 2003 o plan de aniquilación de Iraq ideado poucos anos antes. Lembremos que foi en 2002 cando os EUA puxeron en marcha un errado golpe de Estado contra o goberno bolivariano de Hugo Chávez e, inmediatamente despois, volveron á carga coa «guerra petroleira» gañada de novo por Venezuela en 2003. En 2004 as presións internas e externas lograron anular as eleccións democráticas que deron o goberno a Yanukovich disposto a negociar con Rusia. Existen indicios de que a OTAN puido estar detrás dos atentados terroristas do 11 de marzo de 2004 en Madrid para xustificar os crimes imperialistas en Iraq, Afganistán...

25.- Estes e outros ataques para se apoderar de recursos dábanse nuns anos de aparente crecemento imparábel de «novo capitalismo» que, segundo se aseguraba, superara para sempre as súas crises e contradicións endóxenas. Mais a realidade impúxose de novo co estourido da terceira Gran Depresión en 2007 que se volve agudizar agora malia os seus vaivéns. No que nos interesa aquí, a xeopolítica do cru, unha das solucións inmediatas tomadas polo imperialismo foi cercar máis a Rusia coa entrada na OTAN de Croacia e Albania en 2009, mentres que servizos de intelixencia advertían en 2010 que para 2030 non estaría garantida a independencia enerxética da UE.

26.- Nese mesmo ano de 2010 celebrouse en Lisboa a Cimeira da OTAN que decidiu que a Alianza pasase de ser un organismo europeo a outro de «seguridade global» para «protexer» o mundo enteiro, é dicir, a propiedade das forzas produtivas en mans dos EUA e da UE. Entre os seus novos obxectivos salientaban os relacionados coa escaseza de recursos, o que esixía integrar «instrumentos civís» coordinados cos militares e políticos. Sempre houbo «civís» na OTAN, desde terroristas nazis até científicos e intelectuais, pero agora asúmese oficialmente que a chamada «sociedade civil» tamén debe estar integrada no militarismo imperialista, desde a xudicatura e a represión, até a prensa, pasando polo sistema educativo.

27.- A destrución de Libia e a intensificación do ataque a Siria en 2011 amosan a efectividade da Cimeira de Lisboa como quedou confirmada case no acto cando outro estudo da intelixencia norteamericana advertía que para 2030 China sería a primeira potencia mundial. En 2012 Obama asegurou a militares e empresarios que os EUA seguiríana a ser a primeira potencia no canto de China. Todo isto explica o golpe de Estado reaccionario de 2014 en Ucraína para acelerar a súa futura entrada na OTAN e para saquear máis intensamente os seus recursos, poder que se reforzou coa organización de Montenegro nese mesmo ano.

28.- Seguindo o plan de Obama de 2012 e da Cimeira de Lisboa de 2010, en 2015 Venezuela foi declarada «perigo nacional» para os EUA e en 2016 Colombia iniciou o trámite para entrar na OTAN, cousa oficialmente realizada en 2018. Os EUA fóronse preparando para concentrar o 60% das súas forzas navais e para implicar a máis aliados no dominio do Pacífico para asfixiar a China, Corea e Rusia coa alianza AUKUS entre os EUA, Gran Bretaña e Australia e a militarización xaponesa. Tamén se comezou a deseñar a entrada de Marrocos no eixe Atlántico-Xibraltar-Mediterráneo co apoio total de Israel e da segunda traizón histórica do Estado español ao pobo saharauí, sacrificado en prol da «democracia occidental».

29.- Europa foi incapaz de crear unha estratexia enerxética común: fracasou en 1973, fracasou nas dúas guerras contra Iraq, fracasou na guerra contra Iugoslavia, fracasou na destrución de Libia e no ataque a Siria de 2011, fracasou despois de Crimea en 2014, até o de agora... A súa obediencia e dependencia dos EUA frea todo intento de certa unificación. O caso humillante da súa pasividade nas negociacións de Viena sobre o acordo con Irán é un exemplo que explica que agora mesmo a UE teña un déficit diario de 1,6 millóns de barrís de cru e un déficit enerxético total do 50%, o que explica que agora os EUA obteñan beneficios extraordinarios coa venda do seu petróleo.

30.- A operación especial rusa en Ucraína podería provocar unha subida do prezo do barril até os 300 dólares, o que sería terríbel para a UE e de rebote para os EUA, a isto hai que engadir o aumento dos custos dos alimentos, dos fertilizantes, da electricidade e da luz, a inflación imparábel e o aumento da débeda pública... Ademais, hai anos, os Estados Unidos empezaron a negociar con Marrocos a súa lenta integración no eixe loxístico que termina en Israel. A opresión do pobo saharauí por Marrocos co apoio da OTAN, España e Israel, antesala dunha posíbel guerra con Alxeria, empeoran o panorama europeo. Alxeria exporta moito gas ao sur de Europa que de non chegar aumentará aínda máis a súa dependencia dos EUA.

31.- Os EUA teñen agora 3,5 millóns de postos de traballo menos do total que tería no caso de non existir a pandemia. Esta soa cifra é dabondo para apreciar a crise que vai afondar nos EUA, deixando de lado a súa perda de industria, a deterioración da súa infraestrutura, a súa crise sanitaria e de opiáceos, a crecente resistencia dos pobos ao imperialismo, a súa débeda xigante que é a maior do mundo por volta dos 30 billóns de dólares que non pode pagar. As reservas dos EUA para pagar importacións non lle chegan a 3 meses e, en canto ao petróleo, para 6 anos, comparados cos case 19 meses para importacións e 61 anos para o petróleo de Rusia; China ten reservas para importacións para uns case 15 anos.

32.- O imperialismo debilítase pola tendencia á baixa da taxa media mundial de beneficios que en 1967 era do 10,3% e caeu ao 6,8% en 2019, e outro estudo mostra que a taxa media de ganancia mundial está 3% por baixo da de finais de 2019. Un dos maiores perigos que teñen os EUA é que o dólar está a deixar de ser a moeda de referencia mundial, e con ela a libra e a menor escala o euro. As decisións de cada vez máis Estados de faceren as súas transaccións en iuáns, en rublos e noutras moedas, o petroiuán anunciado en 2017, a decisión de marzo de 2022 de crear un sistema financeiro internacional á marxe do imperialista, etc., quita o sono aos EUA, que en resposta van crear a súa propia criptomoeda avalada pola FED.

33.- O retroceso ianqui tende a acelerarse por varias razóns, entre as que salientan: Unha, os efectos devastadores da Covid-19 que segue incontrolábel e que nos EUA se intensificou coa aparición dunha nova variante máis contaxiosa e perigosa. Dous, o esgotamento de recursos vitais cada vez máis escasos e caros, a inflación e o perigo de estanflación. Tres, a posibilidade dunha crise financeira porque a autodefensa rusa agudizou a inestabilidade económica que era a máis alta desde marzo de 2020. Catro, os efectos da crise socioecolóxica que se aproxima á sexta extinción da vida. E cinco, o avance da loita de clases, do fascismo e das posibilidades de que as guerras rexionais salten a unha guerra máis ampla con arsenal nuclear e bioquímico tácticos, e de aí á incontrolábel IIIGM.

34.- Os EUA precisan monopolizar a enerxía e especialmente o cru para manter o petrodólar. Para iso controlan de moitos xeitos o groso da extracción, tratamento e distribución do cru. Élle vital dominar os cinco grandes funís que poden cortar os seus fluxos: o estreito de Malaca ve pasar o 80% dos hidrocarburos e boa parte dos recursos chineses. Xa que logo, hai que atacar a China, facer a «OTAN asiática» que é máis que o AUKUS con Australia e outros países. Impulsar a remilitarización de Xapón e asegurar Corea do Sur, boicotear a Ruta da Seda, etc. Tamén hai que atacar a Irán en todos os sentidos para que os EUA aseguren o control do estreito de Ormuz polo que transita o 20% do cru mundial. Hai que controlar o estreito de Adén destruíndo Iemen, etc.; posuír a canal de Panamá e impedir que se constrúa a de Nicaragua...

35.- O imperialismo e algúns países asiáticos, controlan o 71% do refinado do cru, é dicir, teñen nas súas mans o poder de asfixiar a economía mundial. Os EUA teñen case o 26% das refinarías do mundo cunha capacidade que iguala a suma da os oitos países que lle seguen. Igual acontece cos portos que canalizan estes recursos: os EUA teñen algo máis do 19% do total, superando a suma dos dous seguintes na listaxe co 13% do total. Os EUA teñen o 27,5% das instalacións máis modernas, moi por diante do 8,5% dos portos de Oriente Medio, e do 8% dos de China e Xapón.

36.- O imperialismo posúe o oleoduto Tiflis-Bakú desde o mar Caspio ao Mediterráneo, cun claro contido político-militar de illamento e cerco a Rusia na súa fronteira sur porque establece unha alianza entre Israel, Turquía, Xeorxia e Acerbaixán. Israel refórzase aínda máis co oleoduto submarino en construción que o une a Turquía. O oleoduto que percorre transversalmente Israel entre o porto de Eilat no Mar Vermello e o porto de Ashkelon no Mediterráneo, garante que en caso de peche da canal de Suez se poida manter aberto outro sistema de transporte.

37.- A estrutura enerxética descansa sobre ese case 83% de enerxía fósil, petróleo, carbón e gas, enerxía altamente contaminante, quedando o 17% para a hidroeléctrica, renovábel e nuclear. O imperialismo tenta controlar esta estrutura cun enorme exército, coa OTAN e outras alianzas, coas máis de 750 bases militares oficialmente e recoñecidas, coas doutros países subimperialistas, coas institucións político-financeiras que materializan os embargos e bloqueos contra moitos pobos, coa propaganda e coa casta intelectual e académica, etc. O capital coñece ben a incuestionábel razón científica sobre o esgotamento dos recursos e a sexta extinción, sobre o quecemento global, sobre a crecente inseguridade alimentaria e sanitaria, etc. Coñece as teses do colapsismo e do decrecemento, as razóns da «ditadura eco-leninista», do ecoloxismo antiimperialista, do eco-socialismo, do eco-comunismo etc.

38.- O capital occidental sabe que, como nas grandes crises e nas dúas grandes depresións anteriores, só pode saír desta terceira mediante a destrución masiva e inmisericorde de millóns de seres humanos e doutras forzas produtivas, pero polo de agora ten medo ao holocausto nuclear, ao Armagedonn, que sería a xusta resposta desesperada dos pobos que non queren seguir escravizados por Occidente. Para se preparar, o imperialismo leva anos alienando e militarizando Occidente con racismo, machismo, nazifascismo: unha sondaxe suxire que un terzo da poboación dos EUA apoia a guerra contra Rusia en Ucraína, aínda que leve á guerra nuclear. Necesita fanáticos e outros irracionais e estaos fabricando: en 2020 Macedonia do Norte entra na OTAN e a comezos de 2021 o imperialismo propúxollo a México, que se negou.

39.- Ucraína sofre un goberno golpista desde 2014, organizado pola CIA e a súa ONG United Action Centre (UAC), e apoiado polo nazismo, movemento ao que o ministro de Interior do país definiu como «a base da democracia», pero xa sufriu en 2004 un severo corte no sistema democrático ao conseguir as forzas reaccionarias anular a decisión maioritaria da poboación. Despois, ao pouco de chegar ao goberno nunhas eleccións con máis un 50% de abstención e con gran parte da oposición ilegalizada, Zelenski afondou nas prohibicións. Para a metade de 2021 a súa popularidade baixara ao 23% por non combater a corrupción, por saír á luz os millóns de dólares que tiña en paraísos fiscais, como polo seu dereitismo extremo. Ucraína reprime con dureza as esquerdas, e aplica leis racistas aos ucraínos de orixe eslava, húngara, xitana e doutras etnias non indoeuropeas. En agosto de 2021 houbo unha reunión da OTAN e doutros 16 países en Kiev, na que se esixiu a Rusia a entrega de Crimea a Ucraína.

40.- Ucraína fai o imposíbel para entrar na OTAN ou para ter bases ianquis e doutros membros. Albergou un cárcere secreto ianqui de tortura e os laboratorios de armas biolóxicas recibiron polo menos 32 millóns de dólares dos EUA. Os mísiles nucleares lanzados desde Ucraína tardarían 5-7 minutos en pulverizar Minsk, Moscova e outras cidades e instalacións de Rusia e Belorús. Até mediados de marzo, dos 20.000 mercenarios de 52 países traslados pola OTAN, o 53,7% proceden dos EUA, Gran Bretaña e Canadá, o 6,8% de Alemaña, e non menos de 450 son islamistas levados desde Siria polos EUA. Ucraína é hoxe o núcleo de formación do «novo» fascismo mundial.

41.- Ucraína ten reservas de petróleo, gas e minerais, mais o importante é que ela e Rusia exportan o 28% do trigo mundial, así como outros produtos. Segundo aumenta a inseguridade alimentaria mundial, as fértiles terras negras ucraínas son máis apetecidas pola agroindustria imperialista. Rusia posúe un terzo das reservas do planeta: petróleo, gas, minerais escasos, madeira, auga, terras cultivábeis, biodiversidade. O desxeo do Océano Ártico o que permite acurtar o transporte marítimo e buscar novos recursos explotábeis, incluída a pesca. Por exemplo, con respecto ao gas Alemaña merca a Rusia o 55%, Italia o 29,2% e Países Baixos o 15,7%. O 26,9% do petróleo, o 45,3% do gas e o 46,7% do carbón que consome Europa proveñen de Rusia, posuír estes recursos poñería a UE por diante dos EUA, cousa que Washington non permitirá.

42.- Aínda que o petróleo ruso contén moito xofre, o que esixe un maior investimento para o seu destilado, ten outras calidades que aconsellan a súa explotación, e por iso produce uns 6 millóns de barrís diarios, dos cales 2,5 millóns van á UE pasando por Belarús, e a China véndelle ao redor de 1,6 millóns. Estas e outras vendas supuxéronlle a Rusia unha entrada de 110.000 millóns de dólares en 2021, o que, sumado ás ganancias do gas e doutros materiais, bens e produtos, permite que Rusia almacene unha reserva de divisas considerábel: a cuarta máis grande do mundo tras China, Xapón e Suecia. Rusia mercou ouro para aumentar a súa independencia económica.

43.- Desde 2000, Putin comezou a limitar a corrupción oligárquica como unha das bases para avanzar despois noutras reformas nas que non podemos estendernos agora. Desde 2014, racionalizou o gasto público con investimentos sostíbeis grazas ás divisas obtidas cun prezo de 44,2 dólares barril. Entre 2021 e agora o prezo subiu de 65 a 123 dólares, o que nos dá unha idea da capacidade de aforro ruso, aforro que aumentará na medida que siga subindo até eses astronómicos 300 dólares que xa se empezan a barallar como posíbeis. O prezo do gas subiu de 20 dólares a 200 dólares. Rusia ten un orzamento para 2022 de 22,69 billóns de rublos, e o cru e o gas supoñen o 38% do orzamento.

44.- Ante esa independencia económica rusa, reforzada coas súas grandes alianzas estratéxicas, o imperialismo só pode atacar con catro grandes armas, deixando de lado outras menores: masificar a guerra económica, expulsala do SWIFT, do FMI e BM, rebaixar a súa participación na OMC, deixar de importar ferro e aceiro ruso, non investir na industria enerxética rusa...; intentar illala rompendo esas alianzas, prolongar a guerra e provocar tensións internas para debilitar a súa vontade de loita e, de ser posíbel, acabar con Putin e sobre todo impedir que os comunistas cheguen ao goberno.

45.- O imperialismo sabe que só pode balcanizar Rusia segundo os plans de 1914-18, se acaba con Putin e especialmente cos comunistas, a segunda forza electoral á alza, pero con máis poder social do que reflicte o parlamento. Para iso debe impoñer a fame e a desesperación no pobo para que este bote a Putin e, no canto de seguir impulsando os comunistas e as esquerdas, apoie a minoritaria burguesía disposta a ser a Quisling que desfaga o país e o sobreexplote en beneficio dos EUA e da UE. A loita de clases tamén existe na actual Rusia.

46.- A polo de agora minoritaria burguesía-Quisling sabe que non ten futuro en Eurasia porque alí a súa enorme corrupción está moito menos tolerada que en Occidente, e a Quisling é a pura podremia vendepatria como se viu nos 90. Por isto, a crecente ameaza europea de se desconectar definitivamente de Rusia produce pánico na Quisling que sabe que a súa existencia como fracción burguesa depende de desprazar a Putin, pero sobre todo do esmagamento das esquerdas, masacre que fará ela nada máis chegar ao goberno, como o fixo Zelensky en Ucraína.

46.- Para afundir na miseria o pobo ruso obrigándoo a claudicar, a OTAN debe derrotalo en Ucraína e á vez prestar especial atención á vital rede de oleodutos que Rusia foi creando ou que ten en preparación para asegurar a trasfega de cru do Leste ao Oeste, que aseguran boa parte dese 38% de ingresos do PIB. Samara situada no Volga ao suroeste de Rusia é o centro de partida de tres dos catro oleodutos que por diferentes vías conflúen en Europa Occidental; o cuarto oleoduto une Kazhakhstán con Europa tras pasar por Rusia e Belorús.

47.- A provocación de guerras, levantamentos reaccionarios, chantaxes que obriguen os Estados a romperen as súas alianzas con Rusia para controlar eses oleodutos, reducir o volume de trasfega ou cortalo totalmente... é unha obsesión da OTAN como se viu no ataque de Acerbaixán a Armenia, e nos errados intentos contra Bielorrusia e Kazhakhstán. O pacto gasístico de febreiro de 2022 entre Rusia e China non resta valor á rede de oleodutos, senón que mete máis presión ao imperialismo porque o pacto ruso-chinés multiplica a forza de Eurasia: pechar eses oleodutos é reforzar a fronte sur de Rusia para crear bases de ataques terroristas islámicos á espera de ver a evolución dos acontecementos.

48.- En marzo de 2022 a UE aprobou o seu primeiro plan de defensa cun continxente inicial de 5.000 soldados, chamado «Compás Estratéxico», que actuará «xunto coa OTAN». Desde hai un tempo concretábanse plans para crear unha «brigada europea» baixo a presión de Francia que apenas se pode manter en África, e de Alemaña que necesita atar en curto o avance nazi no seu exército e policía, e doutros Estados menores.

49.- En xuño de 2022 vai ter lugar en Madrid outra Cimeira da OTAN que, sen dúbida, vai reforzar a liña tomada en Lisboa en 2010, marcando o norte que guía o «Compás Estratéxico» europeo. A militarización da sociedade burguesa vén imposta pola cega e irracional lóxica da acumulación ampliada do capital: segundo as contradicións internas incrementan os atrancos que frean esa acumulación, o Estado como forma política do capital e a OTAN como forma militar do imperialismo, endurecen e amplían as represións múltiples que son hoxe máis amplas que hai 73 anos cando se creou a OTAN.

50.- O euroimperialismo do «Compás Estratéxico» é parte do imperialismo liderado polos EUA, e a OTAN é o puño acoirazado da «man invisíbel» do mercado capitalista. Acabar coa OTAN é imposíbel se non se combate os Estados Unidos e a Unión Europea.

 

[Artigo tirado do sitio web Kaos en la red, do 23 de marzo de 2022]