Crise e desigualdade na pospandemia

Katu Arkonada -

No ámbito financeiro a débeda mundial supera xa os 255 billóns de dólares, 322 por cento do PIB mundial, polo que as posíbeis alternativas para enfrontar esa crise deben pasar por máis Estado, pero non necesariamente por máis débeda

 O mes de xullo déixanos dous informes que proporcionan materiais interesantes, aínda que preocupantes, para pensarmos a crise económica que xa temos enriba, e o mundo pospandemia.

 Un é da Comisión Económica para América Latina e o Caribe (Cepal) titulado “Enfrontar os efectos cada vez maiores da Covid-19 para unha reactivación con igualdade: novas proxeccións”. O outro é da confederación de organizacións non gobernamentais Oxfam, fundada en Reino Unido e con oficinas centrais en Nairobi, Quenia, que ten un título significativo: “Quen paga a conta? Gravar a riqueza para enfrontar a crise da Covid-19 en América Latina e o Caribe”.

 O informe da Cepal define o mundo no que estamos a entrar como unha crise sincrónica de alcance mundial. O seu cálculo de caída do PIB global é dun 5.2 por cento, chegando a 7 nas economías desenvolvidas (as previsións para Estados Unidos son dun decrecemento do 6.5 por cento do PIB e para a Unión Europea é de 8.7). Como contraste, China "só" crecerá 1 por cento.

 Así mesmo, o volume do comercio mundial de bens diminuirá en 2020 entre 13 e 32 por cento, e hai dous indicadores aos que temos que pór especial atención: o turismo verase reducido entre 60 e 80 por cento, a peor serie desde 1950 –cando comezaron os rexistros–, e para o sector enerxético o prognóstico é unha caída de 39.3 por cento.

 A contracción económica producida pola pandemia terá como consecuencia un descenso do PIB per capita rexional do 9.9 por cento, que se vai a traducir en pasar de 26 a 44 millóns de persoas desempregadas. Por comparar, durante a crise económica de 2008 o desemprego incrementouse do 6.7 ao 7.3 por cento en 2009, mentres a previsión actual é pasar do 8.1 ao 13.5 por cento.

 O resultado do anterior vai ser que 45 millóns de latinoamericanos van incrementar as estatísticas de pobreza, pasando de 185 millóns a 231 millóns, é dicir, o 37.3 por cento da poboación da rexión. Ao mesmo tempo, a pobreza extrema incrementarase en 28 millóns de persoas, equivalente ao 15.5 por cento da poboación en Latinoamérica.

 Como posíbel solución paliativa a esta crise económica, pero sobre todo social, a Cepal propón unha forte resposta en materia de política fiscal aliñada coa necesidade de fortalecer os sistemas sanitarios, apoiar os ingresos dos fogares e protexer a capacidade produtiva, e unha política monetaria expansiva favorecida pola baixa inflación. Todo iso con tres liñas de acción: 1. Un ingreso básico de emerxencia como instrumento de protección social enfocado ás persoas en situación de pobreza, co obxectivo de soster o consumo; 2. Un bono contra a fame para persoas en situación de extrema pobreza que complemente o anterior, e 3. Apoio ás empresas para que non se perdan empregos.

 Pola súa banda, o informe de Oxfam fai especial énfase en que América Latina vai ser a rexión do planeta coa contracción económica máis grande, e a recuperación máis lenta. En 12 meses, imos retroceder 15 anos en todo o avanzado na loita contra a pobreza e a desigualdade.

 Pero ao mesmo tempo, e así como se calcula que a rexión vai terminar 2020 con máis de 40 millóns de novos desempregados e máis de 50 millóns de novos pobres, desde que comezou a pandemia temos 8.000 novos millonarios en América Latina. Oxfam calcula que a riqueza destas novas elites económicas creceu 17 por cento desde mediados de marzo, equivalente a 48.200 millóns de dólares, o que á súa vez representa 38 por cento do total de medidas de estímulo aprobadas polos gobernos latinoamericanos.

 É por iso polo que a condición de América Latina como rexión máis desigual do planeta se vai agudizar na pospandemia, co agravante de que unha boa parte do investimento estranxeiro directo na rexión (até o 20 por cento, un de cada cinco dólares) entra ou saia vía paraísos fiscais.

 Oxfam fai tamén unha análise moi interesante en torno ao debate sobre a débeda, e sentencia: "O recurso de maior endebedamento público pode dar un alivio temporal, que arrastrará, porén, consecuencias e lastrará o desenvolvemento das xeracións futuras."

 Aínda que no próximo artigo seguiremos analizando a cuestión da débeda e reforma fiscal como posíbel solucións á crise e á pandemia, é necesario salientarmos que no ámbito financeiro a débeda mundial supera xa os 255 billóns de dólares, 322 por cento do PIB mundial, polo que as posíbeis alternativas para enfrontar esa crise deben pasar por máis Estado, pero non necesariamente por máis débeda.

 Pero máis aló de solucións, o horizonte debe ser o mesmo que expuxemos en artigos anteriores, e que Oxfam sintetiza así: "É momento de que quen concentra a riqueza, que tivo grandes beneficios durante estas últimas décadas e as grandes empresas que están a xerar importantes ganancias no medio da crise, contribúan moito máis ao esforzo de todos e todas". É dicir, que a crise a paguen os ricos.

 

[Artigo tirado do xornal mexicano La Jornada, do 1 de agosto de 2020]

Volver