Crise, revoltas e cambio

Manuel Mera - 10 Dec 2019

De pouco valen os discursos revolucionarios se na xestión institucional se utilizan as mesmas formas e medios que fixeron nacer e dan pulo á desigualdade, á marxinación, ao secuestro da soberanía nacional e popular. Por máis que se estiren os marcos do capitalismo volverase sempre ao rego orixinal

 Hai analistas que aseguran que estamos diante dunha nova crise, que neste caso sería consecuencia da avultada débeda soberana, e asemade estaría alentada en boa medida pola confrontación entre os Estados Unidos e a China. Porén, en realidade máis que una nova crise todo indica que forma parte do continuo proceso de centralización e concentración do poder e da riqueza, en beneficio das clases e potencias dominantes. Tal e como reflicte o medre da desigualdade mesmo en etapas de crecemento do PIB e do emprego, e os constantes retrocesos democráticos. Nunca houbo nos últimos dous séculos potencias, empresas e persoas tan poderosas, e ao mesmo tempo un grado tan grande de marxinalidade social, e países que perderon o dereito a toda soberanía, mesmo que a teñan a nivel formal. Diante desta tendencia, o sociólogo brasileiro Ricardo Antunes destaca que estamos indo do traballo asalariado á servidume do traballo.

 Outro aspecto relevante desta etapa é que o capitalismo, a medida que o vai privatizando todo co obxectivo de tirar o máximo lucro, está a destruír aqueles controles mínimos para preservar os ecosistemas, e racionalizar con lóxica económica a distribución do traballo e da poboación. Para  contrarrestar estas contradicións, dado que toda cesión implica concesións as clases populares e países subalternos, ou ás potencias emerxentes, utiliza todos os mecanismos de presión ao seu alcance (sancións, bloqueos, incursións e ocupacións armadas). Ou sexa: o capitalismo está na súa etapa senil, nun mundo ateigado de armas atómicas, e onde o lucro e a forza está por riba do diálogo e negociación, na procura de solucións duradeiras.

 Neste contexto hai que valorar a transcendencia das revoltas populares no Ecuador, Haití, Chile, Bolivia e Colombia, por falar dos casos máis destacados, tanto pola masividade das protestas como pola súa duración no tempo. Entre estas, a do Chile é a que deixa maiores ensinanzas, dado que se trata dun país que era presentado como un exemplo de desenvolvemento, de milagre económico, de éxito das teses neoliberais. Unha mentira, que non só divulgaron os medios vencellados á burguesía e clases medias acomodadas directamente beneficiadas polo grado de explotación existente, senón tamén os medios de comunicación sistémicos de todo o mundo. A lóxica leva a pensar que esta dinámica está estendida a todos os ámbitos.

 Non se pode ignorar que, polo menos até o de agora, todas estas protestas populares non foron quen de se consolidar no ámbito institucional, ben pola carencia de forzas que representen plenamente os seus intereses, ben porque aquelas máis afíns non quixeron ou puideron superar o marco do sistema. E neste último caso, como reflicten experiencias recentes, estes partidos víronse atrapados nas limitacións e nas lóxicas do capital para poder desenvolver políticas distributivas do traballo e da riqueza producida. E, sobre todo, non foron quen de asegurar que os sectores populares consolidaran espazos de participación e protagonismo, gañando a hexemonía no poder social e político. Aínda así, cómpre salientar que as revoltas populares no Ecuador, Chile, Bolivia e Colombia conseguiron que os gobernos recuaran e fixeran algunhas concesións para reducir a contestación social, mesmo que mantivesen os mecanismos represivos. A mobilización amosou a súa efectividade.

 Nos territorios subalternos, dada a presión do imperialismo (a globalización neoliberal) e a confrontación entre potencias, a marxe de manobra estreitouse. Na Arxentina, na banda da dereita, Macri terminou queimado nunha lexislatura. Mais, na banda da esquerda, a Fronte Ampla do Uruguai perdía o goberno despois de 15 anos, malia os avances sociais durante este período, porén que semellan insuficientes por mor da desaceleración da economía para as reclamacións populares; e Evo na Bolivia sería derrotado por un golpe de estado afín á dereita neoliberal, racista (cal será o resultado das próximas eleccións que o goberno golpista viuse obrigado a convocar pola presión popular? Xogarán limpo?). Unha de cal e outra de area, que amosa a dualidade do momento, xa que ficamos nunha conxuntura, por mor do esgotamento do sistema. Un período no que as alternativas que superen o capitalismo carecen aínda dunha correlación de forzas favorábel, dado o carácter global do sistema, e a caída do socialismo real.

A esquerda antisistémica está orfa dunha folla de ruta clara, que ligue mobilización, presenza institucional e loita das ideas. Neste último aspecto, é esencial que sexa quen de construír no imaxinario colectivo a necesidade e posibilidade de conquistar un reparto xusto, ou cando menos mellor, do traballo e da riqueza (nacionalización dos servizos esenciais e básicos como sanidade, educación, pensións, dependencia, enerxía, banca, telecomunicacións...). Así como en todo o relativo á democratización da sociedade (soberanía nacional, igualdade, respecto por todas as culturas e linguas, institucións ao servizo e con presenza da maioría social). Son necesarios obxectivos que entusiasmen á vangarda, gañen a complicidade da maioría social, especialmente da clase traballadora máis explotada, e abran fendas no capital nesta etapa intermedia.

 De pouco valen os discursos revolucionarios se na xestión institucional se utilizan as mesmas formas e medios que fixeron nacer e dan pulo á desigualdade, á marxinación, ao secuestro da soberanía nacional e popular. Por máis que se estiren os marcos do capitalismo volverase sempre ao rego orixinal. Daquela que hoxe exista un abismo entre o estratéxico e a práctica cotiá na esquerda que se define como rupturista (tamén na nacionalista). Porque o tren do cambio, neste período histórico, ten máis dunha estación, se quere enganchar coa vangarda, esa que realiza política de masas, e ademais non deixar atrás á maior parte das clases populares. Isto é o que xustifica a política de fronte, o Programa Mínimo.

 Cómpre lembrar que as melloras laborais e sociais, na igualdade, nos dereitos nacionais e democráticos, producen mudanzas permanentes na conciencia colectiva e na correlación de forzas cando as clases populares son participantes activas e protagonistas (ou sexa: cando senten como propio o proxecto) e cando os cambios cuestionan o capitalismo. Se non é así, o sistema sempre vai aproveitar os erros, os puntos débiles, e a súa capacidade para construír atrancos ao pobo, e ao mesmo tempo pedir “sacrificios realistas” que sempre rematan en maiores retrocesos laborais, sociais e democráticos... E máis unha vez vólvese a bater coa mesma pedra.

 Sen dúbida, nestes temas os libros Que facer? de Lenin, así como as Teses filosóficas de Mao Zedong son unha axuda fundamental para a reflexión, xa que hai cuestións que son semellantes en todos os tempos. Ambos autores tiveron un papel transcendental nas dúas grandes revolucións populares da primeira metade do século XX, e nelas as ideas correctas e o pobo organizado foron armas máis importantes que o fusil.

 

[Vigo, 9 de decembro de 2019]