Cristalería Ribadeo recoñece que vulnerou a liberdade sindical do representante do persoal

A empresa estívolle descontando indebidamente do salario as horas sindicais
Ribadeo - 03 Xun 2021

Nun acto de conciliación celebrado o pasado 21 de maio, Cristalería Ribadeo S.L. recoñeceu a vulneración da liberdade sindical do representante legal dos traballadores, José López Gavín, da CIG, ao que lle viñan descontando do salario o tempo que collía como crédito horario de horas sindicais para o exercicio das súas funcións como delegado de persoal, tal e como a lei dispón.

Esta práctica víñase sucedendo dende xullo do 2019 e a empresa persistiu na mesma a pesar das advertencias, tanto verbais como por escrito, que se lle fixeron. Ademais, explican dende a CIG da Mariña, a orixe desta práctica está perfectamente datada e ten unha relación causa efecto evidente co feito de que o delegado, no exercicio das súas funcións, e logo de que a empresa fixese caso omiso de varias advertencias, puxera en coñecemento de Inspección de Traballo varias cuestións que afectaban non só ás  condicións laborais, como o exceso de horas, senón tamén a aspectos que poñían en perigo a propia saúde e seguridade dos traballadores.

“Despois de dicilo por activa e por pasiva non me quedou máis remedio que poñelo en coñecemento das autoridades laborais porque eran cuestións que poñían en perigo a nosa saúde como o estado de varias máquinas, a utilización de certas sustancias químicas ou a falta dos correspondentes e obrigatorios EPI,  afirma o propio delegado sindical que ten claro que “non me van calar pola vía da represión, porque non estou facendo nada que son sexa o correcto”.

Represalia polas denuncias na Inspección

Dende que esas denuncias se produciron, un dos socios da empresa, e encargado na planta de produción, recrudeceu unha xa de por si tensa relación, aumentando os improperios e as habituais saídas de ton. E administrativamente foi cando cando comezaron a producirse os descontos en nómina, co obxectivo de coartar o exercicio da labor sindical.

Algo que nunca acadaron porque, tal e como afirma  o representante sindical, “eu tiña claro que a lei estaba da miña parte e tamén a razón porque eu nunca fun contra a empresa por capricho senón por salvagardar a nosa propia integridade e sempre din tempo e oportunidades para que os problemas se solucionasen sen intervención da autoridade laboral nin da xustiza”.

Finalmente esta situación tivo que ser posta en mans da xustiza polo que no conseguinte acto de conciliación a empresa recoñeceu os feitos e aveuse a compensar o traballador polos danos morais ocasionados así como a reembolsar todas as cantidades indebidamente descontadas. Deste xeito, a empresa comprometeuse a pagar a cantidade de 1000€ por danos morais así como a aboar os 209,98€ indebidamente descontados polo crédito de horas sindicais.

“Agardo que isto sexa o punto final a esta situación e que todo volva á normalidade. Eu seguirei traballando como sempre fixen e ao mesmo tempo tratando de velar polos intereses colectivos do cadro de persoal ao que represento, que para iso me elixiron”, salienta.