Cuba: O capitalismo nunca vén só

Darío Machado Rodríguez - 02 Mar 2020

O capitalismo -nomeadamente na súa fase neoliberal e altamente depredadora- non ten interese ningún na saúde das persoas, na regulación xusta do traballo, na solidariedade, nas políticas sociais, no coidado do medio ambiente, na preservación da natureza...

 Vexo dous grandes obstáculos para o avance das mudanzas imprescindíbeis hoxe na nosa sociedade: o persistente e recruado bloqueo económico dos EUA contra Cuba e os atrancos que frean o desenvolvemento da produción de bens e servizos de calidade, entre eles cun lugar fundamental o que implica a desmotivación para actuar con ánimo e creatividade.

 Do bloqueo non nos desfacer así como así, só podemos resistir os seus destrutivos embates, pero aínda co demoledor do seu impacto en todas as ordes da vida do país, é imperativo atopar o modo de crecer e desenvolvernos e para iso debemos pensar como motivar os colectivos e a cada traballador en todos os ámbitos do metabolismo socioeconómico nacional.

Socialismo ou capitalismo?

 As crecentes dificultades para facer avanzar máis rapidamente a produción e os servizos, e en momentos en que é de salientar a escaseza, fan que algúns viren os ollos cara á bases do sistema socioeconómico do país e obviando as desvantaxes de partida dunha economía golpeada polo bloqueo e o seu recruamento e os inevitábeis avatares da aprendizaxe, así como aceptando como naturais os logros da revolución, pensen no fracaso do socialismo e conseguintemente no capitalismo como solución, os máis -moi probabelmente- albisquen un capitalismo que produza máis e distribúa máis ou menos como o socialismo, ou sexa, a cuadratura do círculo.

 Este razoamento non ten en conta outros elementos decisivos, entre eles que o benestar non radica soamente en como se distribúe o que se produce, o cal per se é un dilema a resolver, senón que esquece por completo a importancia que ten como se produce o que se distribúe.

 O capitalismo -nomeadamente na súa fase neoliberal e altamente depredadora- non ten interese ningún na saúde das persoas, na regulación xusta do traballo, na solidariedade, nas políticas sociais, no coidado do medio ambiente, na preservación da natureza, acelera e alarga ao máximo as diferenzas sociais, xera a inseguridade cidadá, incrementa a criminalidade, instala un mecanismo que cultiva o consumismo e obriga a traballar longas horas para terminar endebedando e manipulando dese xeito o traballador, mentres aquel que non ten traballo, non o ten por culpa do sistema, senón porque carece de capacidade competitiva, porque é lacazán, porque non ten sorte, etc. Esta realidade é visíbel na constante loita entre os dereitos do mundo do traballo e a tendencia á que está condenado o capitalismo de acumular ganancias a calquera custo social. Na nosa contorna vese en Chile, Arxentina, Ecuador, Colombia, Brasil...

 As vantaxes sociais que se produciron na Europa socialdemócrata e que se exhiben con frecuencia como a proba do éxito dun capitalismo bo, esquece dúas circunstancias decisivas: a primeira, que o desenvolvemento de Europa foi financiado no seu despegue pola explotación inicua das súas colonias en Asia, África e América; a segunda, que os avances sociais non o foron polas bondades do sistema, senón polas loitas obreiras unidas á necesidade do enfrontamento ao socialismo no Leste do continente, avances que retrocederon abruptamente tras a desaparición do socialismo nesa parte do mundo e o profundamento das fórmulas neoliberais. Quedaron cunha mellor blindaxe económica algúns países nórdicos, que adoitan presentarse como modelos do futuro esperado cando son soamente excepcións. Mentres, o capitalismo non é o mesmo para os países do “centro” e para os da “periferia”.

 Se cadra en Cuba cunha economía capitalista dependente e a un custo social e ecolóxico non predicíbel, as cifras do PIB do país acusen un crecemento mesmo notábel. Pero é sabido que o comportamento do PIB non revela toda a verdade dunha economía, nin é posíbel afirmar que medra o PIB e todo mellora para todos. En calquera caso, de se preguntar de quen sería ese crecemento, a quen pertencería, a resposta non será a que podemos dar agora cando falamos do produto social do noso país: a todos nós, senón a un rosario de intereses foráneos e nacionais que non terán vocación ningunha para o redistribuír con xustiza social mentres o que antes nos pertencía a todos estará fragmentado e repartido como propiedade privada entre eses intereses.

 Ese crecemento sairá da suor dos traballadores, da riqueza das nosas terras cultivábeis, do xigantesco investimento durante décadas no sistema hidráulico do país, da potencialidade do sistema de produción de enerxía, das riquezas minerais do subsolo, pero repartirase co criterio que reparte o capitalismo habitualmente. Si, naturalmente, encheríanse os andeis dos máis diversos artigos, tanto necesarios como suntuarios, a publicidade teimará en facer que a xente precisa o que non lle fai falta, e o comercio funcionará para unha moi estratificada demanda líquida que irá nunha relación piramidal desde o luxo obsceno até os que quedarán totalmente marxinados. Trasladaríanse á nosa realidade as enormes desigualdades que o capitalismo xerou no planeta, ante as cales as que temos hoxe en Cuba palidecerían.

 Pódese argumentar con razón que o crecemento do PIB, case cero o pasado ano e espérase que moi discreto este, tarda en se ver satisfactoriamente na mesa do cubano e que non todos poden acceder á oferta de maior calidade que hai no mercado, pero iso non significa que non haxa xustiza social en Cuba nin que unha economía capitalista dependente nos asegurará un país mellor para todos.

 O certo é que nunha hipotética restauración do capitalismo, na que grandes sectores da poboación quedarán sen emprego e desprotexidos, crecerán vertixinosamente as diferenzas sociais, pecharán moitas escolas e universidades porque ao mercado non lle interesa tantos graduados, empobrecerán cidades e as zonas agrícolas que non teñan interese para os beneficios, e as políticas sociais irán a pique, o país será finalmente repartido alegremente entre as transnacionais e os intereses que se crearon en Cuba: unha historia coñecida.

 O crecemento da desocupación, da desigualdade, da pobreza traerá o crecemento da delincuencia, a drogadicción, a violencia, a inseguridade cidadá, que entón xa non serán explicadas polo mundo simbólico dominado por eses intereses como algo causado polo sistema social, senón pola incapacidade de saír diante dos pobres e pola maldade da natureza humana. Os patróns do modo de vida do capitalismo tardío, o consumismo, a insolidaridade, o individualismo e o egoísmo empobrecerán a nosa cultura. Volverán o pluripartidismo estéril e demagóxico, a politicallada, o clientelismo, a corruptela que viviu o país no pasado pre-revolucionario, que serán glorificados como democracia e liberdade. A gran prensa dominada polas transnacionais da información falará marabillas da “nova Cuba”, das liberdades conquistadas, do mellor que vai todo, etc.

 A mudanza que traería o capitalismo non é simplemente económico. Do mesmo xeito que a revolución socialista produciu unha transformación integral que abrangueu a economía, a política, a cultura, a comunicación, a ética, as relacións entre as persoas, das persoas co goberno, o coidado da natureza e do medio ambiente, etc., unha eventual restauración capitalista retrotraería esas transformacións cara ao pasado, pero nun presente aínda máis desastroso para o pobo cubano, no que se culparía de todos os males á “pesada e perversa herdanza socialista” agochando dese xeito as súas propias calamidades, mentres se depredará sistematicamente o país.

 Non existirá plan ningún que responda aos intereses do pobo. O que ocorra en materia económica dependerá exclusivamente dos beneficios e dos intereses de quen investirá o seu capital en Cuba. A prensa escrita ampliará as súas páxinas e reducirá a súa tiraxe, ampliará a súa publicidade e empobrecerá a información. A publicidade comercial invadirá a programación de radio e televisión, o cinema e as rúas. A axenda marcaraa quen se apropie dos medios que hoxe son de propiedade social. Glorificarase a liberdade de prensa pero os comunicadores cobrarán se non se desvían das pautas que poñan os donos. Os medios deixarán de estar ao servizo da obra común de construción social e cultural e pasarán ao servizo dos intereses corporativos. O país fragmentarase, ao cidadán común non lle quedará máis que se refuxiar na contorna familiar, no grupo de amigos e na divina providencia.

 Asumir un metabolismo socioeconómico capitalista supoñendo que a nosa pequena economía poida resistir os embates do capital foráneo, nomeadamente os das transnacionais, baixo o suposto de que a superestrutura política que temos hoxe sustentada na unidade nacional se logre manter e resistir sen a base económica do predominio da propiedade social que é sustento da planificación na distribución do produto social, é pura inxenuidade.

 Vemos hoxe exemplos de como o capital transnacional trata os países da “periferia”, a loita que se pode observar neles é unha e outra vez o regreso de fórmulas neoliberais subordinantes e escravizadoras ás que os pobos se resisten a custa de enormes sacrificios das grandes maiorías afectadas, constantes loitas sociais e perda de vidas humanas. Nesa estariamos os cubanos de asumirmos a utopía dunha salvación capitalista.

A gran maioría é consciente

 É precisamente a conciencia do significado do regreso ao capitalismo o que conduciu o pasado ano á aprobación notoriamente maioritaria da nova constitución da República Socialista de Cuba porque implica a súa non aceptación, á vez que recoñece a necesidade de lidar coas relacións mercantís para saír do foxo económico aínda no medio do recruado bloqueo económico dos EUA.

 Por iso o proceso revolucionario nesta etapa de reinstitucionalización continúa dando importantes pasos cara a cambios trascendentais no metabolismo socioeconómico. Hoxe temos unha economía mixta, creceu substancialmente o sector privado e hai unha maior apertura responsábel ao capital estranxeiro, mentres se manteñen aínda atinxidas polas carencias materiais as tradicionais políticas sociais da revolución e nalgúns casos, como o da vivenda, acusan un insuficiente aínda, pero notábel crecemento. Proba da capacidade do alcanzado até hoxe é precisamente que, malia a inxente guerra económica dos EUA contra o país, o pasado ano o PIB non decreceu e para este proxéctase unha situación similar, probabelmente algo mellor que o pasado ano en materia de crecemento. Nada para festexar, pero si para cobrar conciencia das nosas potencialidades.

 Están pendentes outros cambios estruturais, organizativos e normativos de maior envergadura e cada vez máis urxentes que logren sintonizar mellor a interrelación dos diferentes factores que interveñen no metabolismo socioeconómico. Entre eles resolver o problema da dobre circulación monetaria instaurada a finais do pasado século e xa excedida pola realidade, unha máis ampla reforma salarial, medidas máis eficientes na seguridade social, a ampliación das facultades das empresas que faciliten a creatividade e a iniciativa, alcanzar a eficiencia na planificación desde abaixo.

 Non se sairá do enorme desafío socioeconómico sen a maior disciplina e o maior rigor na esixencia do cumprimento das leis que emanaron e emanarán da nova Constitución, non se sairá sen o enfrontamento decidido á corrupción nin sen unha participación activa no proceso de transformacións que hoxe ten lugar en Cuba. Debemos asumirnos non como simples executores na sociedade socialista que implica e postula a nosa constitución, senón sentíndonos parte das solucións, esixindo e practicando a súa participación nas decisións ás que temos pleno dereito, á vez que despregando a súa creatividade e iniciativa no lugar no que desempeñamos a nosa vida laboral e social. Iso significa loitar contra os atrancos burocráticos, contra a vella mentalidade de agardar polas orientacións de arriba, contra a corrupción de calquera tamaño, contra o suborno, contra as xustificacións enganosas, contra a inercia.

 Os cambios en curso, dirixidos a empoderar os concellos, os colectivos laborais, as bases da sociedade implican unha maior responsabilidade e participación da cidadanía e que exerza o seu dereito a que a súa opinión e voto se oian e consideren.

 Os desafíos que na orde económica, institucional e cultural ten hoxe a sociedade cubana na súa angueira de avanzar cara a un país mellor esixe un cidadán que non só estea comprometido con ese futuro, senón que sexa un activo participante do proceso, iso significa non só que sexa cabal cumpridor dos seus deberes senón tamén que esixa que se respecte o seu papel participativo, que non o substitúan no seu dereito a decidir, así como a criticar e a vetar o que considere deba ser criticado ou vetado.

Temos os mesmos dereitos, mais non as mesmas capacidades

 A experiencia histórica da revolución socialista cubana demostrou que nas actuais realidades culturais e psicosociais, o igualitarismo só é admisíbel en terreos indiscutíbeis como o da educación, a saúde pública e a seguridade social básica, o que poderiamos chamar un igualitarismo positivo, xa que responde aos principios humanistas do socialismo cubano á vez que asegura o desenvolvemento san do conxunto da poboación e con iso o aseguramento das súas potencialidades para o crecemento e o desenvolvemento. Esas correctas políticas sociais o socialismo non as ve nunca como un gasto senón como un dereito universal do pobo, como xustiza social e, en definitiva, como un investimento a longo prazo.

 Pero hai un igualitarismo negativo, o que descoñece as diferentes capacidades individuais e conduce á desmotivación.

 A aceptación das relacións mercantís amosará con maior nitidez -xa o fai- as diferentes capacidades que revelan os cidadáns, pero hai unha gran diferenza entre a motivación ao emprendemento e o esforzo individual nunha sociedade cunha orientación socialista da construción social que privilexia a cooperación, e a motivación que xera o capitalismo, que conduce ao egoísmo, ao afán de lucro, á competencia desleal, e que termina cos que máis teñen dando as costas ao país e asociándose cos intereses do capital internacional.

 Para que tal cousa non aconteza, ten que existir un Estado ao servizo da sociedade no seu conxunto, que basee a súa economía no predominio da propiedade social socialista e na planificación, dotado de leis que dean contención ás proxeccións nocivas do mercado, cuxo sistema político estea o servizo de todo o pobo traballador, un Estado nada permisivo coas condutas antisociais, a indisciplina social, cuxa esixencia e vixilancia do cumprimento das normativas legais represente a toda a sociedade, que dirixa a súa actuación cara ao empoderamento crecente da sociedade en todos os seus planos. Noutras palabras, o Estado que foi codificado na lei de leis aprobada o pasado ano. Pero tamén se require unha cidadanía proactiva, consciente dos seus deberes e dereitos.

 Está en marcha un proceso xeral de reordenamento estrutural que procura a articulación eficiente das actividades socioeconómica, organizativa, xurídico-normativa e ideolóxica política a partir da cal se deberá normalizar o metabolismo social. Un proceso que moitos quererían que se realizase a maior velocidade, pero que require o seu tempo e sobre todo a participación activa de toda a cidadanía.

 Este é un ano particularmente retador. Abordar o desafío que ten diante o país require ademais prever eventuais continxencias climatolóxicas frecuentes en nosas latitudes caribeñas. Nunca como hoxe a nación cubana necesita manter a unidade necesaria para garantir os cambios estruturais estratéxicos imprescindíbeis preservando a independencia, a soberanía nacional e a xustiza social.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 26 de febreiro de 2020]