Cuba resiste e resistirá, pagando un prezo exorbitante como fixo na súa loita por se independizar do dominio español no século XIX. Pero farao unha e mil veces pola súa honra nacional e a súa valentía, por ser a digna herdeira de Martí e de Fidel
Pasan os días e a autocracia trumpista nos Estados Unidos persiste na súa criminal política de endurecemento do bloqueo en contra de Cuba. Desgraciadamente, faino ante a indiferenza da mal chamada “comunidade internacional”, que se o fose debería reaccionar de inmediato esixindo –e logrando- pór fin a esa política.
Indiferenza compartida polos vasalos dos Estados Unidos: a gran maioría dos gobernos europeos, da Unión Europea (con xerifaltes como Ursula von der Leyen e Kaja Kallas, dúas burócratas intoxicadas polo seu odio a Rusia e a todos os pobos que resisten a ditadura imperial, da cal elas son incondicionais secuaces). E tamén de Canadá, de Xapón, de Corea.
En suma, máis aló da xeografía, dese núcleo en avanzado proceso de podremia que é o así chamado Occidente colectivo e as súas institucións, sumidas nunha irreparábel bancarrota. Pasividade, complicidade non só coa agresión que sofre Cuba. Tamén posta en evidencia pola súa escandalosa insensibilidade ante o xenocidio do pobo palestino (e do Líbano, de Siria, de Cisxordania) perpetrado polo réxime sionista israelí, a máis diso a súa perpetua agresión en contra de Irán e os hutís no Iemen.
En suma, é toda a orde imperial que se veu abaixo produto do lenta pero inexorábel putrefacción dos seus fundamentos morais, deixando ao descuberto a súa rapina, os seus intereses económicos e a monstruosa imaxe do Leviatán imperial personificado nese megalómano semisenil que habita a Casa Branca e que se cree, ou pretende ser, o dono do mundo.
En Asia sénteno rosmar, pero sen maiores consecuencias prácticas. En África nin o escoitan. Pelexado cos seus peóns europeos, reduciu as nacións desa parte do mundo á nulidade en materia de política internacional. Trump quere, pero xa non pode, e iso encabúxao e incentiva a súa agresividade. Pero aínda a súa presenza soa forte na Nosa América, malia que non inspira o temor ou a submisión que antes lograba no resto do mundo.
A Arxentina de Milei é un caso inigualábel de prostibularia obsecuencia, de imposíbel xeneralización. O energúmeno da Casa Rosada, antes furibundo partidario da “autodeterminación” dos malvinenses, que deberían votar cos seus pés se querían ou non pertencer á Arxentina, agora fala dunha “poboación implantada” que non pode imporse por riba do principio de integración territorial que consagran as Nacións Unidas e que sempre defendeu a Arxentina.
Por outra banda, ninguén acredita no que di Milei, un bufón que non é senón un prescindíbel adminículo que Trump vai usar e logo descartar para renegociar o financiamento británico da OTAN. Non en todos os nosos países, obvio, pero si en varios hai unha xorda rebeldía ante a prepotencia de Trump, rebeldía que ás veces, en dependencia de que tipo de goberno hai neses países, canto de organizado estea o campo popular e canto de profundo sexa o labor de concienciación antiimperialista realizada no pasado, pode ou non dar lugar a inesperadas reaccións populares. Coido firmemente que hai máis pobos antiimperialistas que gobernos antiimperialistas en Latinoamérica e o Caribe, e tamén penso que esa ecuación nalgún momento está destinada a reverterse.
Retomando o fío da nosa argumentación, digamos que neste contexto global non podemos senón reclamar unha solidariedade efectiva mundial con Cuba, non só discursiva ou retórica, senón concreta, traducida en axuda material que lle permita sobrevivir ao vendaval do bloqueo ao país máis solidario do mundo. Necesitamos máis gobernos que teñan a audacia de desobedecer as ordes do imperio, non só por Cuba, senón tamén por interese propio, para evitar que o Leviatán desatado arrase con todo.
Se logramos que catro ou cinco deles organicen unha caravana de buques petroleiros destinados á axuda humanitaria a Cuba, Washington tería que facer o que fixo xa varias veces con Trump: tragar as súas propias ameazas. Oxalá aparezan eses gobernos. Polo agora e por razóns tácticas, prefiro non convocalos publicamente a esta empresa. Pero é “polo agora”, como dicía Chávez.
Termino expresando a miña admiración pola notábel resiliencia do pobo e o goberno cubanos, plantando cara a unha infinidade de dificultades, privacións e inconvenientes de todo tipo que están magnificamente retratados na bela canción Un abrazo en medio del vendaval de María Isabel Perdigón Gutiérrez, que quero compartir con vostedes.
Cuba resiste e resistirá, pagando un prezo exorbitante como fixo na súa loita por se independizar do dominio español no século XIX. Pero farao unha e mil veces pola súa honra nacional e a súa valentía; por ser a digna herdeira de Martí e de Fidel. É duro, e serao se cadra aínda máis, pero teño plena confianza en que esa illa indispensábel para quen queremos un mundo mellor sairá vitoriosa ante o desafío que ten diante, o que para eterno desprestixio dos Estados Unidos, o máis criminal bloqueo endexamais sufrido por pobo ningún ao longo de toda a historia da humanidade.
[Artigo tirado do xornal arxentino Página12, do 8 de setembro de 2026]