• Nova

Cultura obrigada a crear as prazas de patrimonio arqueolóxico tras declararse ilegais as encomendas a Tragsatec

A CIG parabenízase mais considera que son insuficientes e que non se corresponden coas escalas
Nacional - 23 Mai 2022

Por mor da firmeza da sentenza xudicial do TSXG, a Xunta vese obrigada a modificar a RPT da consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades e crear as prazas como estruturais. Porén unicamente crean 14 prazas das 17 que había en Tragsatec, e iso que as de Tragsatec só estaban en Pontevedra e servizos centrais e agora van cubrir todo o territorio, repartindo nas direccións xerais e nas catro xefaturas territoriais.

A modificación da RPT para crear as prazas de persoal arqueólogo e arquitecto na RPT da consellería de Cultura foi comunicada este luns, día 23 de maio, na xuntanza da Mesa Sectorial de Funcionariado. Unha modificación que é consecuencia das denuncias da CIG que declararon ilegais as encomendas a TRAGSATEC.

Con todo, a responsábel nacional da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, considera que son “claramente insuficientes” porque crean, 8  na escala de arquitectura e 6 na de arqueoloxía que van desenvolver as tarefas de inspección informe e autorización materia de patrimonio artístico, histórico, arqueolóxico, paleontolóxico, arquitectónico, etnolóxico, antropolóxico…para calquera obra ou actuación que supoña un impacto ou estea en solo ou condicións de protección.

Non van en correspondencia coas escalas

Para máis, Burgos advirte que as prazas creadas non van en correspondencia coas escalas, situándoas nun nivel base de corpos xerais (N20), co que o nivel e o salario vai ser moito menor que os dos seus compañeiros e compañeiras de titulación na consellería e que non se corresponde coa responsabilidade dos postos que van exercer, todo un disparate. “En números globais esta contratación suponlle un aforro anual de máis de 30.000 euros en comparación ao custo da encomenda con TRAGSATEC”. Por iso pregúntase, “se aforran, por que teiman en colocalos en postos base?”.

A CIG-Administración Autonómica oponse ademais á proposta de localización das prazas na RPT porque non se tivo en conta a carga de traballo nin a distribución orixinal das prazas ocupadas por persoas interinas (e que foron despedidas) antes da externalización e privatización de traballo no 2018.

Cese da Directora Xeral

Xunto a isto reitera a súa exixencia de cese inmediato da Directora Xeral de Patrimonio, persoa responsábel directa da execución das encomendas sucesivas a TRAGSATEC de funcións que só podían ser desempeñadas por persoal funcionario.

Así e todo parabenízase porque “tras o inmenso traballo de recompilación, argumentación e denuncia a xustiza deunos a razón cunha sentenza histórica anulando as encomendas o que deu como resultado a creación das prazas estruturais e servindo de referente para moitas outras externalizacións. Porén agora a consellería vennos co amargor a esta vitoria coas rebaixas de prazas e do salario precarizando o emprego público”.