Cúmprese un ano da entrada en vigor da LOMLOE sen resolver a situación do profesorado técnico de FP
O 19 de xaneiro cúmprese un ano da entrada en vigor da LOMLOE. Esa data marca tamén unha referencia para o profesorado do corpo a extinguir de técnicos de FP (PTFP). Os erros cometidos polo Ministerio de Educación en toda a tramitación (extinción do corpo sen medir as consecuencias, integración só dunha parte do profesorado no corpo de PES, relegación absoluta do profesorado sen titulación universitaria etc.) levaron a CIG-Ensino a impulsar unha serie de accións e iniciativas que culminaron cunha rectificación con aspectos positivos, mais en todo caso parcial e insuficiente por parte do Ministerio, a través da nova Lei Orgánica da FP, pendente de aprobar no Senado en datas próximas.
A CIG-Ensino trasladou novamente na Mesa Docente do Estado do pasado 21 de decembro a exixencia de que se negocie inmediatamente o regulamento que permitirá ás Comunidades Autónomas convocar os procesos de integración no corpo de PES. O MEFP contestou indicando que a convocatoria sería inminente, vinculada de novo á aprobación da LOPF. Neste sentido, a CIG-Ensino considera "impresentábel que case un mes despois aínda non se nos convocara" e mantén o seu criterio de que todo o profesorado de FP, con independencia do corpo ao que pertenza, debe ter as mesmas retribucións e dereitos.
Porén, o Ministerio vén de comunicarnos que non vai convocar Mesa até que teña claro que os artigos relacionados coa integración no corpo de PES e a creación do novo corpo non se van ver alterados na tramitación no Senado. As datas para emendas rematan o 8 de febreiro polo que, afirman, non convocará antes ás organizacións sindicais.
Un ingreso ao corpo de PES que ten que ser con carácter retroactivo
A CIG-Ensino esixirá, nas diferentes Mesas, que se adopten as seguintes medidas:
- Recoller expresamente no texto do Regulamento que a integración, para quen reúna os requisitos de titulación, debe ter TODOS os efectos desde o 19 de xaneiro de 2021 (antigüidade no corpo e tamén retribucións, aplicadas con carácter retroactivo).
- Que a publicación da norma estatal sexa á maior brevidade posíbel após a negociación.
- Que a Consellaría se comprometa a publicar a orde de integración con carácter inmediato, previa negociación na Mesa Sectorial, en canto estea no BOE o RD.
- Que a Consellaría negocie o pago dun complemento compensador para todo o profesorado que quede a extinguir no corpo de PTFP ou que se integre no novo corpo de Profesorado Especialista para que as súas retribucións sexan as mesmas que as de quen se integre no corpo de PES, tanto no caso do funcionariado de carreira como do persoal interino.
- Que se negocie, tanto a nivel do Estado como a nivel nacional, na Mesa galega, en función das competencias de cada ámbito, as condicións para garantir a mobilidade e os criterios para determinar as prazas nos destinos provisionais (CADP) e de traslados (CXT) así como nas listas de persoal interino e substituto de cada corpo docente dos tres que finalmente convivirán nos centros (PES, PTFP a extinguir, PESSFP).
- Que se respecte, aos efectos da determinación das prazas de estabilización (tanto do concurso excepcional como do concurso oposición extraordinario), a natureza e corpo das prazas ocupadas temporalmente.
Un novo corpo para desandar parte da desfeita
Os cambios introducidos na LOPF implican a creación dun novo corpo (Profesorado Especialista en Sectores Singulares da FP) que na práctica vai ter exactamente as mesmas condicións (de titulación, de ingreso por oposición ou retributivas) que o extinguido corpo de PTFP en dez especialidades (Cociña e pastelaría, Estética, Fabricación e instalación de carpintaría e móbel, Mantemento de vehículos, Mecanizado e mantemento de máquinas, Patronaxe e confección, Peiteado, Produción en artes gráficas, Servizos de restauración e Soldadura).
Un dos logros obtidos neste trámite é que se poida seguir accedendo con titulación de técnico superior de FP, unha exixencia da CIG-Ensino, o que tamén posibilita que o persoal interino e novas persoas aspirantes con titulación de TSFP poidan seguir traballando e presentándose ás oposicións, considerando todos os servizos prestados no corpo de PTFP como no novo corpo, unha das demandas da CIG-Ensino.
Un prazo de cinco anos para reunir os requisitos de titulación do corpo de PES
Outra das rectificacións do Ministerio, que partía, entre outras, das demandas da CIG-Ensino, é o estabelecemento dun prazo de cinco anos a partir da entrada en vigor da LOMLOE para reunir os requisitos de titulación universitaria para se integrar no corpo de PES. Neste caso, os efectos serían desde a data na que se solicite.
A CIG-Ensino considera positivo este avance mais insuficiente: o sindicato reclamaba que esa integración, tras obter a titulación, fose con carácter indefinido. Tendo en conta isto, a CIG defenderá que se modifiquen as condicións do sistema de promoción interna para permitir, por esta vía, que non sexa preciso pasar unha fase de oposición no futuro para quen acade a titulación despois dos cinco anos.
A integración no corpo de PES manterá as vellas especialidades
Como se prevía xa na redacción da LOMLOE non hai cambios nas especialidades que se integren no corpo de PES: aínda que hai cambio de corpo (do A2 ao A1) as especialidades mantéñense. En resumo, o único cambio, polo menos de momento, será que quen se integra vai ser do corpo de PES mais vai seguir facendo o mesmo traballo que antes e coas mesmas atribucións docentes (módulos etc). De cara ás oposicións, toda a antigüidade de quen traballou como persoal interino en especialidades de PTFP que se integren no corpo de PES computaranse neste novo corpo, como reclamou a CIG-Ensino.