Da demencial estratexia dos Estados Unidos e dos seus servidores europeos

Andrés Piqueras - 12 Abr 2021

Os EUA, como potencia hexemónica, son o principal valedor da acumulación de capital e do beneficio privado da clase capitalista, ao custo que sexa. Por iso, entre outras moitas cousas, aos EUA o único que lles preocuparía dos Dereitos Humanos é que en realidade se cumprisen

 Para todas aquelas persoas que se alegraron da vitoria electoral de Biden, temo que hai malas novas. Os que xa advertimos que cos demócratas o perigo de guerra se dispararía semella que non erramos. Os peores agoiros que do discurso do novo presidente se puideron tirar tras a súa toma de posesión fóronse materializando.

1. Advertiu (ameazando) a Alemaña de non seguir adiante co seu proxecto de fornecemento enerxético (Nord Stream 2), e dá marcha atrás na retirada de tropas do territorio xermano, o que de paso deixa claro que segue sendo un país colonizado (a administración dos EUA, ríndose unha vez máis do “libre comercio”, acaba de ameazar directamente con represalias as compañías que participan na construción do gasoduto, detectándose incluso acoso militar a este).

2. Chamoulle a Putin “asasino”, o que en termos diplomáticos equivale a soamente medio chanzo previo a unha declaración aberta de guerra. Presiona cada vez máis as fronteiras rusas a través da OTAN, poñendo en alarma tanto ao Báltico (e mesmo as latitudes polares) como á Europa oriental, tamén desestabilizando o Cáucaso.

3. Permítese invitar a China á súa casa (Alasca) para acto seguido poñerse a insultar os diplomáticos chineses sobre supostas violacións de dereitos, sobre todo en territorio uigur (claro, os emisarios norteamericanos coidáronse moito de comentar como os EUA levan infiltrando desde hai anos redes terroristas e paramilitares nese territorio para desunir China).

4. Ameazou con sancións é India se non reverte a compra e despregamento de mísiles rusos S-400.

5. Quere renovar a unión contra Irán para dobregar a ese país e cortar o núcleo vital da Ruta da Seda chinesa.

6. Asedia a propia China no mar que a envolve.

7. Ameaza a Corea mediante novas manobras militares navais.

8. Frea a retirada de tropas de Asia occidental, e no caso concreto de Siria (onde ocupa ilegalmente os seus pozos petrolíferos), pretende reactivar a guerra con novas infiltracións de paramilitares e yihadistas no país.

9. Está xestando unha intervención contra Venezuela a través de tropas irregulares, paramilitares, narco-bandas e grupos delincuentes armados, coa colaboración do exército colombiano, na fronteira entrambos os países.

10. Pero o máis absurdamente perigoso de todo é que está activando unha nova escalada bélica en Ucraína, de terríbeis consecuencias. O exército ucraíno comezou a despregar masivamente os seus sistemas de foguetes de lanzamento múltiple en Donbass, para atacar as Repúblicas Populares de Donetsk e Lugansk, ás que volve acosar desde hai semanas. E, máis grave aínda, xa declarou a súa intención de ir a por Crimea. Todo iso tras recentes conversas de alto nivel entre funcionarios estadounidenses e ucraínos. Os EUA están abastecendo de armas a Ucraína, á vez que desprega algunhas dos seus mortíferos aparellos de combate na zona.

 Isto marca un perigo inminente de guerra total, especialmente sobrecolledor para as sociedades europeas, dado que Rusia parece ter superioridade militar sobre a OTAN. De se desencadear un enfrontamento podería destruír Europa en breve tempo. Mentres, os EUA ficarían unha vez máis lonxe do escenario bélico.

 Antes de seguirmos, deixemos claras unas cantas cousas.

 Nun capitalismo globalizado mais carente dunha entidade política territorial global (algo así como un Estado mundial), boa parte das estratexias de mando veñen exercidas directa ou indirectamente pola potencia dominante, un hegemón que se encarga en maior medida que ningún outro de crear ou recrear, organizar e dirixir o conxunto de institucións mundiais necesarias para a regulación global do sistema.

 Este sistema, o capitalista, só moi casualmente pode procurar “benestar” e melloras ás poboacións do mundo, xa que o seu principal fin é a reprodución ampliada de capital a través de altas taxas de beneficio empresarial.

 Os EUA, como potencia hexemónica, son o principal valedor desa acumulación de capital e do beneficio privado da clase capitalista, ao custo que sexa. Por iso, entre outras moitas cousas, aos EUA o único que lles preocuparía dos DD.HH. é que en realidade se cumprisen. Por iso é polo que promoveu e mantivo ditaduras en todo o planeta, desde as do Cono Sur americano, até as monarquías salvaxes do Golfo, pasando pola Sudáfrica do apartheid.

 Por iso o seu principal aliado e destinatario de apoio financeiro-político-estratéxico é Israel, o Estado que comete máis violacións de resolucións da ONU, que practica un sistemático apartheid e limpeza étnica, que se basea nunha constitución racista, que practica sistematicamente o terrorismo e que é un continuo perigo para toda Asia occidental.

 Por iso ten como aliado a Turquía, membro da OTAN, outro plusmarquista en limpezas étnicas e en terrorismo contra a súa propia poboación e as adxacentes. Por iso o seu principal receptor de “axuda” en América é Colombia, campión do terrorismo de Estado, con matanzas sistemáticas da súa poboación, e causa dun crecente risco de desestabilización de toda a rexión (ver este excelente informe respecto diso: https://isrobinson.org/investigaciones/la-construccion-de-una-zona-de-guerra-difusa-en-la-frontera-colombo-venezolana/).

 En canto ao capítulo de invasións e desfeita de países, estas foron as intervencións militares directas dos EUA (sós ou coa OTAN) tras a caída da URSS:

Iraq (1991): con sanción da ONU.

Somalia (1993): EUA e algúns “aliados”, con sanción da ONU.

Iugoslavia (1995): OTAN, sen sanción da ONU.

Afganistán e Sudán (1998): ataque unilateral dos EUA.

Iugoslavia (1999): OTAN, sen sanción da ONU

Afganistán (2001): OTAN, sen sanción da ONU [dura até hoxe].

Iraq (2003): EUA e algúns “aliados”, sen autorización da ONU.

Paquistán, Iemen, Somalia (2002): ataques con avións non tripulados, sen autorización da ONU [dura até hoxe].

Libia (2011): intervención da OTAN, con sanción da ONU.

Siria (2014): EUA - OTAN [dura até hoxe].

 Intervencións que Arthur K. Cebrowski, almirante e director da Office of Force Transformation in the U.S. Department of Defense, concibiu feitas sobre “países descartábeis” aos que había que destruír as súas estruturas estatais.

 Fundamentalmente están no punto de mira do hegemón aquelas formacións sociais que están dentro do espazo territorial ou a zona de seguridade do que foi a URSS e das súas alianzas. Tamén os países susceptíbeis de consolidaren a Ruta da Seda chinesa.

 En canto ao propio continente americano, recentemente, os EUA promoveron golpes de Estado xudiciais, con intervención de forzas policíaco-militares, en Paraguai, Brasil, Bolivia e Honduras. Destruíron case toda Centroamérica (á que invadiron ou deron golpes de Estado en repetidas ocasións no século XX), con guerra de contrainsurxencia, bandas paramilitares, promoción de Estados de terror e bandas de delincuencia armada por todas as partes, conseguindo un empobrecemento brutal das poboacións que agora se volve en forma de “caravanas migrantes”, masas desesperadas fuxindo da miseria e a morte.

 Dentro desa estratexia de morte inclúense as chamadas guerras de cuarta xeración ou “híbridas”, que combinan o uso da presión político-económica, os “levantamentos populares” e o terrorismo nas súas diferentes expresións (operacións subversivas, actuacións clandestinas e de falsa bandeira, guerra por delegación...), incluída a utilización de corpos armados irregulares e redes terroristas potenciadas ou creadas ad hoc. Úsase tamén a propaganda mediática, a cibernética e a intelixencia artificial. En boa parte coa inestimábel axuda de Gran Bretaña e a súa BBC.

 Todo isto nun contexto histórico de decadencia capitalista, de crise estrutural sistémica sen perspectivas de recuperación sostida.

 Temos, entón, un capitalismo dexenerativo máis unha potencia hexemónica en declive: unha situación perfectamente explosiva. Máxime se consideramos que esa potencia se nega a ser superada e se converteu nun monstro que se revolve contra todo, incluída a súa propia poboación, cada vez máis parte da cal queda allea os mínimos dereitos de cidadanía [un perigo para o mundo como xa se sinalou en “EEUU contra el mundo (y contra sí mismo)” Dominio público (publico.es)].

 Mais hai tamén un actor secundario, asemade triste e vil: a UE. Este “supra-Estado” paradigma da institucionalidade do capitalismo financeirizado, decidiu seguir submisamente todos os plans do decadente hegemón, mesmo a custa dos seus intereses vitais. Un e outros están facendo das sancións político-económicas a súa principal razón contra países emerxentes aos que xa non poden dominar co “libre mercado”. Unha arma de guerra sucia.

 Alegan os líderes e lideresas da UE que esas sancións son para facer respectar os Dereitos Humanos. Sería para rir se detrás diso non houbese tanta morte e dor.

 Se queren sancionar a alguén por non cumprir cos Dereitos Humanos, aí teñen os EUA polas accións descritas.

 Se queren un caso como o de Navalni, pero esta vez certo, aí teñen a Assange, perseguido, encarcerado e torturado por denunciar con probas os crimes dos EUA (ante o humillante silencio e complicidade da maior parte da “prensa libre occidental”). Si queren falar sobre torturas, aí teñen Guantánamo (ademais das decenas de centros de tormento ‘clandestinos’ que USA mantén en todo o mundo, ás veces a bordo de barcos de guerra). Pero parece que á servil dirixencia europea non lle saen as cores cando inventa escusas.

 Desesperadas ante o caos sistémico que xeran, con desfeita económica incluída, e ante a súa inagochábel ineptitude para salvagardar nin sequera a saúde das súas poboacións fronte á actual pandemia, as elites do capital global anunciaron no último Foro Económico Mundial, o Gran Reinicio do capitalismo.

 Unha volta de parafuso á perda de democracia, ao control poboacional, á precarización dos mercados laborais, ao empobrecemento xeneralizado, á deterioración ambiental. As mesmas elites anúnciano como a converxencia dos sistemas económicos, monetarios, tecnolóxicos, médicos, xenómicos, ambientais, militares e de goberno.

 En termos económicos e de política monetaria, o Gran Reinicio implica unha consolidación da riqueza, por unha banda, e a probábel emisión dunha renda básica universal, por outra, para “manter” a poboacións sen emprego. Podería incluír o paso a unha moeda dixital, cunha centralización das contas bancarias e dos Bancos, unha fiscalidade inmediata en tempo real, tipos de xuros negativos (cobrando cada vez máis por ter diñeiro no Banco) e unha vixilancia e un control centralizados do gasto e a débeda.

 O Gran Reinicio significa tamén a emisión de pasaportes médicos, axiña dixitalizados, incluíndo a historia médica, a composición xenética e os estados de enfermidade. A covid-19 está supoñendo un adestramento ideal para que as poboacións acepten cousas así. O Gran Reinicio acentúa ademais a guerra como instrumento económico, xeoestratéxico e de relacións internacionais, especialmente contra Rusia e China.

 Como é obvio, o que está provocando de momento, por reacción, é un maior achegamento entre eses dous países, que tentan tecer tamén unha diplomacia construtiva como contrapeso ao caos. China acaba de estreitar lazos estratéxicos con Irán; propuxo unha coordinación cos países árabes, tentando tamén a Turquía para que se volva cara a Asia, e mostrando a India o interese da Ruta da Seda, baseada no comercio, a economía produtivo-enerxética e, en definitiva, o beneficio mutuo. Rusia é unha potencia enerxética, fulcro xa inevitábel de Eurasia.

 Lamentabelmente, todo indica que a UE decidiu suicidarse á beira do hegemón en decadencia. Irse polo mesmo sumidoiro da historia que el. Iso quere dicir que a diplomacia “occidental” queda confinada cada vez máis a accións de guerra. É dicir, négase a si mesma como “diplomacia”. Unha tola “estratexia” que leva precipitadamente ao enfrontamento militar e que pon en risco o planeta enteiro. Unha nova “Guerra Fría” con cada vez máis posibilidades de se converter en quente e que se ceba nas propias poboacións europeas como vítimas doutra guerra que acompaña indisociabelmente a anterior: a guerra de clases.

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la crisis, do 7 de abril de 2021]