Da reconversión industrial á transición xusta

Fermín Paz Lamigueiro - 03 Xun 2020

O que está a facer e fixo Enel-Endesa no territorio galego nin o sindicalismo nin o ecoloxismo poden consideralo xamais como un ben social. Foi un grande negocio primeiro para o Estado español, logo para Acciona e agora para o Estado italiano e algún dos accionistas capitalistas

  Dúas cousas son infinitas: o Universo e a estupidez humana, e do Universo non estou seguro (Albert Einstein)

 Como pontés algo sei do que está a pasar na miña vila. A caída de afiliación á Seguridade Social nos meses de marzo e abril no Concello das Pontes foi a terceira máis grande da Galiza. O impacto da pandemia é unha causa para tal perda de empregos, mais a principal ten que ver co proceso do desmantelamento do monocultivo industrial que a empresa Enel-Endesa ten nesta vila e da que depende fundamentalmente a economía local e unha boa parte da da comarca.

 Noutros tempos, a estes procesos chamábanlle reconversión industrial, mais como o termo "reconversión" foi unha desfeita a camuflaxe da linguaxe impuxo o termo "transición xusta", que non é máis que un eufemismo. Trátase dunha ironía sobre o desmantelamento dalgunhas industrias no século XXI, unha manobra do capital e dos que enganan ou se deixan enganar, unha sucesión de contratempos moi prexudiciais para a clase traballadora e unha derruba programada dos territorios que tantas e grandes oportunidades deron aos procesos produtivos.

 Que dicir cando pasamos dunha reforma millonaria anunciada a bombo e platillo polos directivos da empresa e algúns responsábeis políticos, executada hoxe na súa totalidade, e da noite para a mañá, imos a un achatarramento da instalación e sen que ninguén se poña colorado? Aló van mais de 200 millóns de euros.

 Pode permitir o sindicalismo este disparate? No sector eléctrico dun pais, as decisións empresariais teñen que ter algunha tutela e control, mais aló do simple negocio.

 ENEL- ENDESA manifestou a súa intención de pechar a central térmica das Pontes. O anuncio de tal decisión fíxose con nocturnidade e adrede, deixando o pobo no seu conxunto ferido de morte. A empresa trata de impoñer o seu paradigma: o negocio rematou, ímonos! A veciñanza quere unha mesa de negociación coa empresa e as administracións, porque boa parte do futuro dos traballadores e do mesmo concello está en xogo.

 Os poderes que deciden e xestionan no sector eléctrico español engaden sempre unha coletilla cando falan da descarbonización: "o cambio no mix de xeración eléctrica precisa dunha transición xusta". Mesmo na Unión Europea coinciden con esta perspectiva e veñen de facer unha primeira dotación económica para este apartado.

 Supoño que estaremos de acordo en que o termo transición, cando vai na compaña do cualificativo xusta, precisa de tres características: un tempo para facelo (discutíbel na súa amplitude), un ámbito xeográfico de afectados (que vai mais aló do marco das empresas principais) e un obxectivo de novo modelo produtivo. Non é críbel unha transición xusta feita ás bravas, sen tempo, sen ningunha negociación nos territorios afectados e sen marcar un novo obxectivo no seu desenlace. Non é críbel chamar transición xusta a un PECHE. Iso é mentir. Fica claro cal é o problema.

 Os directivos da empresa din que os traballadores temos que"arrear", se eles non son quen de acadar un número de horas mínimo para o funcionamento da central térmica. Marcan unha ruta de posibilidades para actuar diante das administración e institucións, todas tendentes a unha minoración dos impactos nas súas explotacións. Pensan que somos parvos e imos seguir tocando coma a orquestra do Titanic, até o afundimento. O conto que contan é un vello conto.

 Xogan á brisca (Endesa-Xunta - Goberno de España) en compaña doutros convidados para emparellar nas diferentes coartadas. O único que pretende a empresa é manter o dereito á evacuación de enerxía eléctrica a outros territorios dos 1,400 MW (que é a potencia instalada que teñen agora na Térmica) para inzar, aínda máis, todos os montes do territorio galego de aeroxeradores en novas concesións da Xunta de Galiza. A empresa, coma as outras do sector, defenden ese dereito para manter a concesión ao igual que fan cos encoros. O resto dos xogadores só queren participar no reparto dos recursos económicos aínda que falen eufemisticamente dunha actuación prioritaria dirixida "ao mantemento do emprego nos territorios e a súa dinamización económica e industrial, ligados ao despegue de enerxías renovábeis" e outras argalladas, engado eu. Esta é a realidade da partida á brisca en parellas, ás veces a 4 e outras a 6. Por moito que tenten marxinar a CIG, tanto en Santiago como en Madrid, a pesar de ser a primeira forza sindical na Galiza, seguiremos loitando para abordar a situación laboral, económica e social derivada da pandemia e para tratar que a transición enerxética non sexa un novo engano. O noso compromiso ao servizo da clase traballadora galega e da nosa Terra non ten caducidade nin se achanta diante desta nova discriminación antidemocrática, por iso, voltaremos cantarlles a todos eles... “mais só os ignorantes e feridos e duros, imbéciles e escuros non nos entenden, non...”.

 O devandito dereito á evacuación merece unha pequena explicación. A primeira consideración é que non ten un prezo definido xa que é fixado nun mercado especulativo que antes da pandemia ia dos 200.000 euros aos 300.000 euros por MW e que no caso dAs Pontes podería representar de 300 millóns de euros a 420 millóns de euros. A súa concesión depende da administración do Estado español aínda que os plans que anunciou ENDESA foron partindo da base de que toda a capacidade de evacuación fose súa, os 1.400 MW, e polo tanto que terá dereito á concesión desa potencia en novos parques eólicos. O máis interesante deste xogo especulativo que agora mesmo xa baixou de prezo (até os 60.000 euros o MW) e que agora ENDESA di que as subhastas de renovábeis xa non son necesarias segundo os sinais que está dando o mercado, claro, para beneficiar as grandes empresas eléctricas. Non queren competidores no mercado porque din que o único que fan é negocio cos permisos de conexión e logo especular con eles. Mirade quen vai predicar coa especulación.

 As alternativas empresariais teñen unha premisa clara: eles son imprescindíbeis, nin teñen erros nin necesidade de facer autocrítica, só retribuír o accionariado aínda que sexa roubando aos traballadores 515 millóns de euros. Un dereito asinado e comprometido desde hai moitos anos na tarifa eléctrica dos traballadores da que foron expropiados indebidamente no V convenio colectivo entre Endesa e a colaboración necesaria da UGT. Unha trucaxe alegal que no presente exercicio supón un beneficio empresarial neto de 844 millóns de euros no primeiro trimestre, un 132% máis. As crises sempre petan nas mesmas portas.

 O sindicalismo nacionalista non pode deixar tirados os traballadores nin o pobo das Pontes que depende do traballo existente. NON O VAI FACER. Pero tampouco crearemos unhas falsas expectativas de solución dunha negociación aparente, pero polo de agora inexistente.

 A nosa premisa é: deberá terse en conta o que leva acontecido nesta explotación, a súa racionalidade e o contrario, os inxentes recursos que saíron deste territorio e sobre esta lembranza histórica da que estamos certos, deberiamos conveniar un plan de futuro para As Pontes, na que Enel-Endesa non deberá fuxir das súas responsabilidades. Este ten que ser o noso obxectivo estratéxico que ao meu entender terá tres piares fundamentais: xestión da auga potábel, solo industrial urbanizado e dispoñíbel para novos asentamentos industriais por comprometer; e xestión da evacuación eléctrica e das novas concesións en renovábeis.

 Hai razóns para pensar que a decisión está tomada en Enel-Endesa e as novas probas da mestura de carbón con biomasa non son máis que unha cortina de fume. Na xunta de accionistas de Enel, celebrada recentemente, foi tratada a cuestión do carbón. O Instituto Internacional de Dereito e Medio Ambiente (IIDMA) preguntou sobre os plans da enerxética arredor das centrais térmicas. A resposta concreta foi: o peche da central está previsto para xuño do 2021 e no referente á combustión dunha mestura con biomasa dixeron aínda máis, ”non parece posíbel técnica nin economicamente”. No entanto, realizarase unha segunda fase de probas de co-combustión conxunta de carbón e compostaxe. Quizais a explicación da decisión de pechar é máis sinxela.

 Mirade, a directiva de Norges Bank (fondo soberano de Noruega) fixo pública a decisión de poñer obxeccións ao seu investimento nesta empresa, unha das maiores do mundo que ofrecen o servizo público da electricidade pola súa exposición ao carbón. Segundo explica o fondo noruegués, a decisión de poñer en situación de observación a Enel chega despois de que en setembro do 2019 establecesen novos estándares de esixencia en materia ambiental neste fondo de investimento.

 O concepto marxista de “ben antisocial” fai referencia a un “valor de uso que en ningunha circunstancia social podería ser consumido por todos os membros da sociedade”. De maneira que as condutas antisociais (desde o punto de vista da sustentabilidade) son aqueles comportamentos que no sexan universalizábeis pois a súa xeneralización poría en perigo a capacidade de sustentación do planeta.

 O que está a facer e fixo Enel-Endesa no territorio galego nin o sindicalismo nin o ecoloxismo poden consideralo xamais como un ben social. Foi un grande negocio primeiro para o Estado español, logo para Acciona e agora para o Estado italiano e algún dos accionistas capitalistas. Só falta que logo de baleirala de activos, roubarnos aos traballadores, ter unha maioría sindical consentidora , pechar os centros produtivos e aínda sen facer ningún investimento dos comprometidos, consintan desde as institucións unha operación dos feirantes italianos para unha nova venda ao mellor postor na versión modernista do drama O Mercader de Venecia que neste caso máis que unha comedia romántica será unha traxedia pola inxustiza e as cabronadas.

 Para Galiza e As Pontes, a convivencia con esta empresa foi sempre como a do conto de Pedro Milmañas. Sería bo ter unha valoración do ecoloxismo nun asunto tan condicionante tanto desde unha perspectiva de clase, económica, social, como do medio ambiente, tanto por atopar coincidencias na análise como polas diverxencias que poidamos ter.

 A realidade, mal que nos pese, está así de fodida. A vida da vila das Pontes depende fundamentalmente dun plan de futuro que debemos conveniar con ENDESA. Non se pode agardar máis para poñelo en funcionamento.

 

[Galiza, 3 de xuño de 2020]