Declaración en solidariedade coas presas e presos políticos da loita antirracista nos EUA

Promovida pola Asemblea Internacional dos Pobos, da que a CIG fai parte

Internacional -

Os movementos e organizacións membros da Asemblea Internacional dos Pobos, da que a CIG forma parte, fan un chamamento internacional á solidariedade coas persoas presas políticas de Denver, arrestadas o 17 de setembro por participar no masivo movemento de protesta antirracista que ten tomado ás rúas do país esixindo xustiza para George Floyd, Elijah McClain e outras vítimas da brutalidade policial racista nos Estados Unidos de Norteamérica.

En complexas operacións de represión, foron arrestados/as catro membros do Partido polo Socialismo e a Liberación (PSL) que organizaron as grandes protestas de Black Lives Matter:  Russell Ruch, Lillian House, Joel Northam e Eliza Lucero. Aínda están no cárcere, a excepción dunha persoa. Os catro enfróntanse a varios cargos por delitos graves e moitos delitos menores (incluída a curiosa e ridícula acusación de "secuestro"), que poden condenalos a moitos anos de cadea.

Estes presos políticos non cometeron crimes. Están sendo criminalizados só por exercer o seu dereito a protestar pedindo xustiza e porque traballaron estreitamente con outros/as activistas e familiares de vítimas de brutalidade policial para denunciar e difundir os seus casos.

O seu encarceramento é unha trampa destinada a ilegalizar e deter a actuación do PSL e o movemento antirracista en Denver, que forma parte dunha onda de represión a nivel nacional contra o movemento Black Lives Matter, promovido directamente desde a Casa Branca, en coordinación cos gobernadores e xefes de policía local e departamentos de policía de todo o país.

Asemade, estas detencións son un ataque político contra todo o movemento antirracista internacional. Por esta razón, é esencial que mobilicemos a solidariedade coas presas e cos presos políticos da loita antirracista nos Estados Unidos de Norteamérica en todas as rexións do mundo, esixindo a liberación inmediata dos arrestados e o sobresemento dos múltiples cargos contra eles e elas.

Podes asinar a petición de retirada de cargos contra estes/as activistas nesta ligazón: https://i.gal/NA3uq

Comisión Articuladora

Asemblea Internacional dos Pobos

Volver